Skip to Content

NOVOS NÚMEROS DO INSTITUTO!     Tfno: 886 151 791        Fax: 886 151 802

CONTACONTOS EN FRANCÉS

O noso contacontos, Samuel Mountoumnjou, naceu e criouse no oeste de Camerún, nunha aldea chamada Foumban, onde seguen vivas moitas tradicións e costumes ancestrais. Iniciouse na arte da narración oral sendo aínda adolescente da man dos seus pais e dos seus avós.

Actualmente afincado en España, Samuel , ademáis de narrador oral, é profesor de idiomas e mediador intercultural. A súa experiencia como docente axudoulle a perfeccionar as súas capacidades para a comunicación oral. 

Traballa para colexios, institutos, escolas de idiomas, bibliotecas, librerías, centros socioculturais, ONGs, e calquera outra entidade que o solicite. Participou en semanas interculturais, obradoiros de animación á lectura, festivais de narración oral e outros eventos culturais como o Día do Libro, o Día Internacional da Muller, o Día Mundial da Paz, etc. As súas linguas de traballo son o español e/ou o francés.

Achégase ao noso centro con “África conta”, un conxunto de contos, fábulas, parábolas e historias tradicionais que segundo el mesmo di son “contos para entreter que invitan a pensar”. Son historias cheas de calor e de cores que nos transportan ate as profundidades do continente e transmiten o espírito da África Negra. Para axudarnos a comprendela e a amala. E para axudarnos a comprender e a amar o francés, unha lingua moi viva que nos une.

VER GALERÍA DE FOTOS

CICLO SUPERIOR: CHARLA SOBRE BEBIDAS ISOTÓNICAS E ENERXÉTICAS

VER GALERÍA DE FOTOS

Para calquera persoa preocupada polo seu benestar é importante saber que bebidas se poden usar para hidratarse de maneira efectiva. No mercado existe unha amplia oferta de productos dos que convén saber a súa composición e os seus efectos. Todos coñecemos as bebidas chamadas isotónicas e as bebidas enerxizantes, pero en que se diferencian? Teñen os mesmos compoñentes? E os mesmos efectos? 

A confusión sobre este tema entre os deportistas é grande:  por un lado as bebidas enerxéticas parecen unha boa opción ao conter líquido e enerxía á vez pero por outro lado usan substancias estimulantes como a cafeína e o guaraná que aceleran a mente e o metabolismo e provocan cambios no noso organismo.

Para ver claro entre toda esta maraña de información que nos chega de todas partes o alumnado do ciclo superior recibiu unha charla-degustación sobre estas bebidas que lle será moi útil no desempeño das súas funcións profesionais nun futuro próximo. 

CARTA DE AGRADECEMENTO DUNHA FAMILIA

Esta é a carta enviada pola familia dun alumno e que queremos compartir hoxe con vós. 

Para ler a carta facede clic na imaxe.

MAGOSTO 2016

  Este ano tivemos un Magosto máis ben movidiño e moi divertido. Celebramos a festa en media xornada do venres 11 de novembro, día do San Martiño. Segundo reza o programa que podedes ver aquí á esquerda (clic na imaxe para ampliar), tivemos unha charla dirixida ao alumnado de 1ºESO a cargo dun grupo de alumnas de 1ºBacharelato. Uns días antes unhas alumnas tamén de 1º Bacharelato presentaron diante dos compañeiros e compañeiras de 1ºESO a orixe e o significado da celebración do Samaín no país galego.

 

Máis tarde o alumnado do ciclo superior invitounos a todos a bailar nun flashmob e nun móvete dance a toda marcha.

Despois e como xa é tradicional no noso instituto, tivemos unha degustación de bolos preñados con chourizo e castañas asadas polos nosos profes Miguel Barros, "O Mestre", X.M. Longo,o profe de Tecnoloxía e por Manolo, o noso ex-director e profesor de Matemáticas xa xubilado. Amenizou a festa un grupo de música tradicional composto por rapazas e rapaces que forman parte de asociacións de música e baile tradicionais e que se xuntaron para  esta ocasión.

 

VER GALERÍA DE FOTOS DO MAGOSTO

Como broche final foron entregados os premios do concurso de cabazas do Samaín.

ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE CABAZAS DO SAMAÍN

(para ampliar,  clic nas imaxes)

David González Torrado,

Premio á cabaza máis orixinal

Ricardo Eiras Espiñeira

Premio á cabaza máis elaborada.

 VER GALERÍA DE FOTOS DE CABAZAS DO SAMAÍN


ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2016-17

O Consello Escolar,  órgano superior de decisión nos centros educativos de secundaria, está agora mesmo en eleccións. Na primeira reunión da xunta electoral, o xoves 3 de novembro de 2016, decidíuse o seguinte calendario para o proceso electoral :

1. PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

              • Lugar: secretaría
              • Horario: de 10:00 a 14:00
              • Prazo: do 7 ao 14 de novembro

2. SORTEO PÚBLICO para a designación dos membros do Consello Escolar

              • Data: 16 de novembro
              • Lugar: despacho de Dirección
              • Hora: 12:35 horas

3. VOTACIÓNS de toda a comunidade escolar

              • Data: 23 de novembro
              • Hora: xornada lectiva
              • Lugar: (por determinar)

4. CELEBRACIÓN DA 1ª REUNIÓN DO NOVO CONSELLO ESCOLAR (30 de novembro)

 Composición do noso Consello Escolar:

Sector Nome
Equipo directivo
Rosa Gómez Cerdeira
Pablo Alonso Suárez
Eva Mouriño López
Profesorado
PENDENTE DE RENOVACIÓN
PENDENTE DE RENOVACIÓN
PENDENTE DE RENOVACIÓN
PENDENTE DE RENOVACIÓN
Alumnado
PENDENTE DE RENOVACIÓN
  PENDENTE DE RENOVACIÓN
Nais e pais
PENDENTE DE RENOVACIÓN
PENDENTE DE RENOVACIÓN
ANPA
PENDENTE DE RENOVACIÓN
Persoal non docente
PENDENTE DE RENOVACIÓN
Concello
PENDENTE DE NOMEAMENTO

CAMPAÑA DE DIVULGACIÓN DE DOAZÓN E TRANSPLANTE DE ÓRGANOS

Nas horas centrais da mañá do día 8 de novembro un médico e unha enfermeira da Oficina de Coordinación de Transplantes do SERGAS viñeron ao noso centro. Esta charla para o alumnado de Bacharelato promove a doazón de órganos e tecidos que tantas vidas ten salvado e poderá salvar no futuro.

O alumnado do ciclo superior tivo unha sesión organizada especificamente para eles polo departamento de Educación Física tanto polo interese que teñen para este colectivo todos os temas relacionados coa saúde como pola necesidade de espertar a súa solidariedade e salvar vidas.

Podedes acceder á edición electrónica de A vida o mellor agasallo. Preguntas arredor da doazón e do trasplante facendo clic neste título ou na portada do libro que está aquí abaixo. Trátase dun libro de preguntas e respostas que tenta resolver as dúbidas máis frecuentes sobre a doazón de órganos e tecidos editado en galego e en castelán pola Consellería de Sanidade e pola Oficina de Coordinación de Transplantes.

CHARLAS DE EDUCACIÓN VIAL

Os días 10, 14, 15, 17 e 18 de novembro a Policía Local achegaráse ao instituto para dar unhas charlas de educación vial.  Nestas charlas trataranse os seguintes temas:

  • 1ºESO: “Normas e sinais. Circulación por vías interurbanas”
  • 2ºESO: “Accidentes: causas, consecuencias, elementos de seguridade.”
  • 3ºESO: “Condución responsable do ciclomotor.”
  • 4ºESO: “Mozos, alcohol e tráfico”
  • 1ºBAC: Os medicamentos tamén poden afectar á capacidade para conducir.
  • 2ºBAC: Drogas e condución, incompatibles.

EDUCACIÓN PARA A SAÚDE

Os días 2, 3, e 4 de novembro levarase a cabo cos alumnos dos cursos de 1º - 2º e 4º da ESO un programa de educación para a saúde coa colaboración do Servicio de prevención de drogodependencias de Vilagarcía (SPAD).
Trataranse os seguintes temas segundo os  grupos:

  • 1º ESO: Habilidades sociais.
  • 2º ESO: Prevención do uso/abuso de alcohol.
  • 4º ESO: Mitos/crenzas erróneas e conceptos básicos sobre drogas ilegais.

 

Designed by Freepik

NOVAS DO NOSO PROFESOR EMÉRITO RAMÓN BREA

O noso querido profesor de galego Ramón Brea, xa xubilado, non para de bulir. Entre outras cousas, forma parte da asociación cultural Barbantia: 

"Dende hai algún tempo, unha morea de amigos do Barbanza, os máis deles creadores e animadores culturais, viñamos acariñando a idea de crearmos un espazo que nos xunte e que sexa unha especie de lugar común para a cultura. Despois de moitas conversas, decidimos fundar Barbantia, unha asociación cultural que pretende ser un centro de ideas, un proxecto común, aberto, de carácter independente, co único ánimo de lucro da cultura como elemento enriquecedor."

www.barbantia.es

Se queredes saber máis sobre a asociación Barbantia podedes visitar o seu sitio web.

Desde o nacemento da asociación, Barbantia publica cada venres de fin de mes no Xornal La Voz de Galicia un suplemento cultural, A Voz de Barbantia. E aquí tedes a Ramón.

Para ler a reportaxe no xornal podedes premer na imaxe ou aquí.

 

O 1º CURSO DE CICLO SUPERIOR FAI AQUAPILATES

Esta semana o alumnado de primeiro ciclo de TSAAFD realizou un curso de aquapilates impartido por Santi na piscina de Fontecarmoa para o módulo de Individuais. O aquapilates é unha variante do xa coñecido pilates pero realizado na auga indicado para persoas que teñen dificultades para practicar a modalidade convencional.  De feito, o aquapilates axuda a mellorar a postura da columna vertebral, reduce a dor e os espasmos musculares e favorece a relaxación. 

VER GALERÍA DE IMAXES

O CICLO SUPERIOR PRACTICA KAYAK-POLO EN VERDUCIDO

VER GALERÍA DE IMAXES

Vendo as imaxes do alumnado do ciclo superior xogando ao kayak-polo esta semana, semella que é un deporte realmente bonito e divertido. Segundo a definición da Federación Española deste deporte:

"O Kayak-Polo consiste nun xogo de pelota competitivo entre dous equipos, compostos de cinco xogadores cada un. Os participantes, provistos dun kayak e dunha pala, intentan marcar goles na portería do contrario."

Esta sesión foi realizada no encoro do Pontillón do Castro, na parroquia de Verducido, no concello de Pontevedra. Alí está o Centro Deportivo do Pontillón do Castro que podedes ver nas imaxes, o mesmo que no ano 2007 acolleu a realización do Campionato de Europa de piragüismo en augas tranquilas. Ese centro conta tamén con tres vías de sendeirismo e un rocódromo.

O ESPAZO VERDE DO I.E.S. CARRIL

Con moita emoción por parte de alumnado e profesorado, presentouse oficialmente o libro O espazo verde do I.E.S Carril,  froito do esforzo combinado dun equipo formado por alumnado de 1ºESO do curso 2015-16, profesorado de Bioloxía, profesorado de Artes, dirección do centro e o equipo de biblioteca escolar. Son cincuenta páxinas destinadas sobre todo á utilización académica nas aulas de bioloxía pero tamén historia viva do noso centro educativo que toda persoa interesada pode consultar. Os asistentes ao acto de presentación puideron escoitar a algúns membros do equipo explicando en que consistíu a súa aportación. Para finalizar, os asistentes recitaron todos xuntos o himno á árbore e un poema de Cabanillas O carballo que aparece no poemario Da terra asoballada (Vilagarcía de Arousa, 1917).

VER GALERÍA DE FOTOS

Podedes atopar un exemplar de O espazo verde do I.E.S Carril en PDF listo para ler e/ou imprimir premendo na portada do libro ou no menú lateral publicacións. Premendo nos xornais podedes ler a nova na prensa de hoxe:    

       

       

CHEGADA DOS BRETÓNS DO INTERCAMBIO 2016-17

Hoxe luns 10 de outubro chegou a Vilagarcía un grupo de alumnos e alumnas do collège Victor Segalen da Bretaña francesa. Este grupo compartirá casa,  familia e experiencias cos seus/coas súas correspondentes e mañá cada un dos tres institutos españois que participan, o IES Miguel Ángel González Estévez, o IES Fermín Bouza Brey e o IES Armando Cotarelo Valledor, fará un acto de benvida. Bretóns e galegos participan nun intercambio lingüístico e cultural que consta de dúas partes: primeiro os bretóns veñen a Vilagarcía e a finais de abril o grupo de galeg@s viaxará a Bretaña. 

Tanto en Galicia como en Bretaña todas as actividades están centradas nun tema que este ano é "As artes". O alumnado fará diferentes visitas didácticas e algún obradoiro que abarcarán dende a arte rupestre ata a arte contemporánea. As actividades desta primeira parte do intercambio rematarán o día 18. A segunda parte do intercambio comezará a finais de marzo en Bretaña e rematará a primeiros de abril en París. Desexámoslle ao alumnado participante que esta sexa unha boa experiencia compartida.

Podedes ver aquí un vídeo de bretóns e galegos de intercambio recitando Adiós ríos, adiós fontes diante da casa de Rosalía de Castro na Matanza, en Padrón:

 

CLASES CULTURAIS DE INGLÉS

O martes 27 de setembro tivemos no noso centro a visita de Tammy Vera, unha profesora norteamericana que veu dar unhas clases sobre os costumes americanos e británicos ao alumnado de 3º ESO e 4º ESO. O alumnado disfrutou moito tanto polo tema como polo dinamismo da profesora.

Todos os anos invitamos a un profesor ou a unha profesora para  esta actividade que ten como obxectivo dar a coñecer cun enfoque lúdico diferentes aspectos socioculturais e mesmo históricos dos países anglófonos desenvolvendo ao mesmo tempo competencias de expresión e comprensión orais do alumnado.

O TSAAFD FAI A RUTA DA PEDRA E DA AUGA

Este venres, día 23 de setembro, alumnado e profesorado do ciclo superior TSAAFD fixo a Ruta da pedra e da auga que comeza no concello de Ribadumia e pasa polo concello de Meis ata chegar ao mosteiro de Armenteira. Percorrendo unha distancia de case 7 km. todos tivero a oportunidade de coñecerse da mellor maneira. Como testemuña do magnífico día e do paseo quedan estas fotos.

VER GALERÍA DE FOTOS

 

SEMANA DE ACOLLIDA DE 1ºESO

Por segundo ano consecutivo preparamos unhas actividades de acollida ao alumnado que comeza este ano no instituto para facilitarlles o cambio de ciclo educativo e o cambio de centro  e ao mesmo tempo para que todo o alumnado poida coñecerse entre si. Gracias a estas actividades lúdicas tamén poderán coñecer as instalacións, o persoal e o funcionamento do noso centro. 

Así pois, dámoslles a benvida desexándolles a todos que este ano que comeza sexa moi proveitoso.

CALENDARIO ESCOLAR 2016-17

Para ampliar /gardar /imprimir fai clic sobre o calendario.

 

INICIO DE CURSO

XOVES, 15 DE SETEMBRO

1ºESO 11H30           
2ºESO 12H00
3º/4º ESO 12H30
1º/2º BACHARELATO 13H00

NOTA:

Os autobuses escolares sairán da primeira parada ás  10h45 e chegarán arredor das 11h15.

A hora de saída dos autobuses do centro será ás 13h00

Distribuir contido


by Dr. Radut