Xornadas de formación en mediación

O noso centro leva varios anos buscando novos enfoques para a resolución de conflitos entre o alumnado. Ante este tipo de situacións conflitivas, foron desenvolvéndose modelos de intervención nos que son as propias partes implicadas as que atopan e acordan a solución, “a súa solución” ao problema, xerando non só uns bos resultados con respecto á resolución dos conflitos, senón tamén con respecto á prevención de futuros problemas, polo que a mellora da convivencia no centro é notoria.

A decisión de implantar esta ferramenta nos primeiros cursos de secundaria, onde comezan a aparecer os primeiros conflitos, respondeu á necesidade de anticiparse á mesma dotando ao alumnado dunha serie de coñecementos, habilidades e competencias necesarias para encarar o conflito de forma pacífica e cooperativa.

Para facilitar a adquisición de esta nova ferramenta de resolución de conflitos, como é a mediación, resultou moi recomendable realizar unha primeira etapa de formación en habilidades previas á mediación escolar. Esta está centrada no adestramento de Competencias Sociais e Resolución de Conflitos para dotar a todo o alumnado de 2º da ESO das habilidades necesarias para a convivencia e a solución pacífica de conflitos e máis especificamente para o desenvolvemento do seu rol como Mediadores/as Escolares (aqueles seleccionados para a súa formación específica).

Esta semana retomamos as sesións de formación con diferentes actividades, financiadas cunha dotación do Contrato-Programa da Consellería de Educación. Esta formación inclúe temas como a asertividade e a intelixencia emocional. Destaca a importancia dos factores cognitivos (crenzas, valores, formas de percibir e avaliar a realidade), emocionais e a súa importante influencia na comunicación, as relacións interpersoais e a resolución de conflitos.

Así, preparando ao alumnado neste tipo de habilidades, fomentarase un axeitado funcionamento psicolóxico, académico, social e emocional, o que facilitará o enfrontamento e resolución de conflitos de forma axeitada, pacífica e dialogada. Todo isto redundará, sen lugar a dúbidas, nun clima máis positivo e na mellora da convivencia no centro e na súa próxima vida adulta.