Skip to Content

Curso 2009-2010

O MEU PASO POLO INSTITUTO

O MEU PASO POLO INSTITUTO 

 

Aquí tedes algunhas opinións dos vosos compañeiros do seu paso polo instituto: Animádevos a lelas!!!!: 

“O primeiro ano que cheguei ó instituto tocoume a clase de 1º A baixo a titoría de Mari Daporta. Esta clase atopábase no primeiro piso do instituto, como todas as que tería na miña estancia aquí. O instituto estaba cheo de rapaces revoltosos, aínda que eu non fun menos, tiven dúas amoestacións no primeiro ano: unha por insultar a unha profe e outra por coller “prestada” unha raqueta. 

En segundo tocoume na peor clase do instituto, case todos eran repetidores e rebeldes.Foi o meu mellor ano, paseino moi ben, todo o día rindo e vacilando ós profesores. O mellor ano, sen ningunha dúbida. 

En terceiro tocoume nunha clase moi numerosa, eramos 27!!!. Co que falei moito ese ano, coa consecuencia de seguir tendo problemas coa “lei”. 

Este ano estou en 4ºB con moita xente do ano anterior. Estou pasándoo ben tamén, aínda que xa me estou facendo vello, xa que aínda non fun a xunta do xefe de estudos. En resumo, gustoume moito estar no instituto.” 

Xosé Avelino Silva Pereira 

 “Aínda recordo o primeiro día do instituto. Estabamos emocionados e nerviosos na presentación. Tiñamos medo que nos separasen dos nosos amigos e compañeiros cos que compartimos clase durante toda a primaria e párvulos. Os nosos medos, ou polo menos ou meu, cumpriuse. Separáronme das miñas mellores amigas e tocoume nunha clase na que non coñecía a case ninguén. Pero aínda así ese ano, paseino xenial.Había demasiado escándalo na clase, pero era divertido. Ó principio cando entrei no instituto tiña algo de “respecto” ós meus compañeiros de 4º ESO, eran moi altos!!! Pero enseguida comecei a sentirme no instituto como na casa. 

Os cursos foron pasando moi rápido e agora xa me vexo con 15 anos. Terán medo os meus compañeiros de 1º ESO de min? Non creo, eu non son tan alta e eles son bastante espelidos. 

Pasar polo instituto foi a mellor etapa da miña vida (que non foi moi longa). Fixen moitos amigos que creo que é o máis importante. Tiven profesores moi bos, que me ensinaron moito, aínda que tamén hai que dicilo tiven algúns cos que… en fin, moito, moito non é que aprendese. Vou botar moito de menos ó IES de Meaño, os meus profesores, as súas peculiaridades, e sobre todo, a moitos dos meus compañeiros que coñecín entre as paredes do instituto”. 

Ana Lores Padín- 4º B 

“No ano 2005 cheguei ó instituto de Dena medio asustado xa que, para min, era todo novo. Ós dous meses xa andaba eu polo instituto como pola miña casa, como se xa o coñecese á perfección. 

En 6º de primaria “asustábanme” dicindo que o cambio para a ESO era moi drástico. No meu primeiro ano, xunto co meu comportamento “medio malo”, quedáronme dúas materias, que logo aprobei en setembro. Acórdome perfectamente daquela clase e de tódolos profesores que me deron clase ese ano. 

En 2º ESO fíxenme máis traste e foime de pena, xa que repetín curso. Ó seguinte ano de repetir non estudaba nada porque a gran maioría das cousas xa as sabía. 

Ó chegar a 3º empecei a estudar, tarde pero a tempo. A clase era de 27 alumnos e estabamos xenial. Suspendín moitísimas pero facendo un esforzo no verán aprobei todas.

Agora estou en 4º e, se Deus quere, será o meu último ano, aínda que se houbese bacharelato no instituto quedaría encantado. 

Acordareime sempre de tódolos profesores e botarei de menos á maioría, porque aínda que soen ser malos, axudáronme moito a min e a tódolos compañeiros tanto académica como persoalmente” 

Iván Rodiño Louzán

Eu comecei no instituto en 2004 e todo era perfecto. Durante o primeiro ano as notas eran moi boas e coñecín moita xente.

Cando cheguei a 2º as cousas seguiron bastante ben, seguín coñecendo a moita xente e cada vez tiña máis amigos.

Cando cheguei a 3º foi o meu ano máis divertido, pero non o das mellores notas: este ano quedoume bastante marcado, e ó cabo de varias decisións, marchei do instituto.

Dous anos máis tarde volvín e agora xa teño mellores notas e moita mellor relación cos profesores que antes de marchar, porque esta quedara bastante deteriorada.” 

Eduardo Camiña Ucha  

“O meu paso polo instituto foi bastante bo. O primeiro día que entrei aquí, por fóra parecíame unha cárcere pero por dentro gustábame.

Co tempo todos nos dábamos de conta de que se por fóra era feo, por dentro era peor porque caía a pintura das paredes, chovía dentro,... estes defectos melloráronse co tempo. 

Respecto ás notas foime ben porque nunca tiven que presentarme en setembro nin repetín ningún curso. 

Aquí coñecín a moitos profesores, algúns bos, outros malos, pero case todos simpáticos. Tamén coñecín a moitos compañeiros novos que me caeron ben ou mal. 

En comparación co colexio de primaria, desilusionámonos un pouco, porque aquí non fixemos tantas excursión nin tantas festas. A min gustoume estar aquí pero xa estou desexando marchar para cambiar de aires e coñecer a máis xente.

Ana Belén Prieto González  

“O meu paso polo instituto prolongouse dous anos máis do esperado. Que dicir do meu paso por el! Non sei por onde empezar.

Son moitos os recordos e anécdotas que levo de aquí, onde pasei seis anos da miña vida nos que rin, chorei, e fixen novos amigos que xamais esquecerei e algúns seremos para sempre amigos, xa que moitos coñecemos aquí a verdadeira amizade. Non só se trata de vir aquí e facer amigos. Aprendín moitas cousas que antes non sabía e terminei este ciclo da miña vida satisfeita ó saber que non remato coas mans baleiras, xa que comigo levo novos coñecementos e sentimentos. 

Coñecín a profesores que me axudaron moito e se esforzaron por ensinarnos a todo o mundo o que nos espera fóra destas paredes. Aquí todos aprendemos uns de outros: a ser compañeiros, a axudarnos cando estabamos mal, a comer ben e de forma sa, xa que co Plan Valora se esforzaron para axudarnos a que adquirísemos novos hábitos alimenticios.Tamén aprendemos a coidar o medio ambiente, para que no futuro poidamos seguir gozando deste mundo no que todos vivimos... 

Moitos profesores implicáronse con nós como se fósemos os seus fillos e sei que serán persoas que vaiamos onde vaiamos, sempre levaremos con nós e eles, aínda que tan só sexa un anaco de cada un de nós, tamén se acordarán. 

O meu paso polo instituto foi positivo en tódolos sentidos, aprendín dos meus erros, moitas cousas e del levo os meus mellores recordos e a miña mellor amiga.”

Janet Romero Iglesias 

SAÍDA FINAL DE CURSO DE 4º DA ESO

EXCURSIÓN DE 4º ESO  

COMEZA A VIAXE 

“Fomos de excursión a Almagro e Alcalá de Henares coas profesoras Mari Daporta e Lucía Vilches”

J. Avelino Pereira Silva  

“Cando subimos ó autobús o día 21 de marzo ás 9 da mañá, estabamos moi nerviosos porque non sabiamos que nos depararía esta excursión”

Ana Belén Prieto González 

“O camiño foi moi longo, durou moitas horas, pero entretémonos durante a viaxe sacándonos fotos, xogando á DS e escoitando música. No tempo restante botamos unhas cabezadiñas” 

Janet Romero Iglesias

Leticia Durán Bouzada  

ALMAGRO

 “Despois de oito horas de autobús, con pequenas paradas, chegamos á Hospedería de Almagro. A primeira vista pareceunos moi cutre porque semellaba un vello convento de monxas, pero ó final non estivo mal”

Ana Belén Prieto González 

“Onde nos hospedamos, debo dicir, que nos atenderon moi ben e que o camareiro era moi guapo”

Laura Gómez Viéitez 

“A primeira noite xa houbo un pequeno incidente: o da pedrada de Iria”

David García Vilar 

“Esa noite foi a máis recordada debido ó pequeno incidente de Iria que nos supuxo unha viaxe ó hospital de Cidade Real”

Ángela González Fernández

Iria Castro CastroÁngela

Pérez Cacabelos 

“Tanto en Almagro como en Alcalá de Henares almorzábamos moi cedo (cada día un pouco máis), aínda que a algúns pegábanselle as sabas…”

Alexandre Prado Muñiz 

“A vila de Almagro, onde pasamos 3 días, era moi pequeniña e antiga con moitos canellóns, igrexas, unha Praza Maior moi chula e o Curral de Comedias (único en España) no que vimos unha obra de teatro moi divertida. As casas de alí eran de unha ou dúas plantas e maioritariamente brancas”

Laura Gómez Viéitez 

 

 TEATRO NO CURRAL DE COMEDIAS

 “Estivo bastante ben, mellor do que a maioría cría”

María Pintos Durán

Noelia Fontán Durán 

“Foi do noso agrado a obra. Representaron algúns “pasos” de Lope de Rueda (pezas cómicas breves do século XVI). Tivo especial éxito un actor moi pintoresco”

Alexandre Prado Muñiz  

A GUÍA QUE “NON GUIABA”

 “O martes tivemos que madrugar; ás dez partimos cara a Villanueva de los Infantes, pero como a nosa guía retrasouse, non saímos ata as dez e media. Ó chegar ó noso destino demos varias voltas sen rumbo, pois a guía, Rosalía, “non sabía guiar”

María Pintos Padín

Noelia Fontán Durán

 “Visitamos Vilanueva de los Infantes e as lagoas de Ruidera, que foi onde comemos. Ese día foi o peor da excursión porque a guía non sabía nada do que nos tiña que explicar (incluso nos perdemos)”

Ana Lores Padín

Sonia Arosa Filgueira 

“Visitamos (tamén) Argamasilla de Alba… pero estivemos cunha guía que non sabía moito desa zona e por iso ó día seguinte puidemos ver gratis os muíños (de Campo de Criptana) e entrar tamén no muíño dedicado a Sara Montiel”

Damián Lores Domínguez 

ALCALÁ DE HENARES 

“Cando chegamos ó hotel quedamos impresionados porque non tiña nin punto de comparación coa hospedería de Almagro”

Ana Lores Padín

Sonia Arosa Filgueira

 “O hotel era fantástico, gustounos a todos”

Uxía Gonzalo Canay

 “O hotel onde nos aloxamos era moi bo e encantounos”

Ana Belén Prieto González 

“O quinto día visitamos a Universidade de Alcalá e a casa de Cervantes”

Alejandro Besada Amil 

“Percorremos o centro e a guía contounos cousas importantes sobre os diversos lugares e parte da nosa historia”

Janet Romero Iglesias

Leticia Durán Bouzada 

TARDE EN MADRID: O MUSICAL 

“…tarde libre pola Gran Vía de Madrid que aproveitamos para ir de compras antes de que comezase o musical. Na nosa opinión foi o mellor día da excursión… O musical gustounos moito e algúns dos nosos compañeiros renderon unha pequena homenaxe a Michael Jackson facendo un baile no medio das butacas do teatro”

Ángela González Fernández

Iria Castro CastroÁngela

Pérez Cacabelos 

“Cómpre destacar que un grupo de 5 intrépidos aventureiros, mentres todos estabamos de compras, dirixíronse ó Bernabeu (co que chovía!). Tiñan pensando ir andando, pero tras saber que estaba bastante lonxe de alí foron en autobús”

Rafael Pintos González

Tomás Barreiro Salgueiro

 “O musical homenaxe a Michael Jackson FOREVER, o xoves no teatro Lope de Vega, foi un espéctaculo de música e baile emocionante. Houbo xente de Dena que incluso participou nos bailes desde os seus asentos…”

Alexandre Prado Muñiz 

“Foi impresionante, o mellor da excursión”Ana Lores PadínSonia Arosa Filgueira “Foi o que más me gustou da excursión. Ata vimos a cinco bailaríns de Fama!”

Cristina García Rosal 

O ESCORIAL

 “O venres fomos ó Escorial onde había numerosas tumbas de reis e infantes”

Raquel García Vilela

Alba María Chantada Sineiro 

“…por certo é precioso!!!

Cristina García Rosal 

“Gustounos moitísimo, mais do que esperabamos (cremos que ía ser aburrido). Persoalmente o que máis nos gustou foron as portas feitas con distintos tipos de madeira, con debuxos en relevo”

María Pintos Padín

Noelia Fontán Durán 

“Outra visita guiada foi a guiada ó Escorial: unha preciosidade. O guía era unha “enciclopedia” da historia de España e foi capaz de facernos pasar un bo momento”

Alexandre Prado Muñiz 

“Madrugamos para ir ver ó Escorial: toda unha beleza e unha marabilla, chea da historia do noso país”

Janet Romero Iglesias

Leticia Durán Bouzada 

AS NOITES 

“Pola noite, un día tapeamos mentres se emitía o partido do Barça, e outro día fomos a unha especie de “pub” onde había karaoke e dardos”

Alexandre Prado Muñiz

 “Despois de cear fomos con Daporta a un karaoke que había cerca de onde nos aloxabamos. Chamounos moito a atención un grupo de xente que había no piso de enriba do local, porque estaban bailando a “Roda cubana” e segundo a nosa opinión facíao perfectamente”

María Pintos Padín

Noelia Fontán Durán 

…E ACABOUSE 

“A excursión pareceume extremadamente curta, gustaríame que fosen máis días. O destino non era moi bonito, pero ó final pasámolo ben, tanto en Alcalá, como en Almagro”

Chema Cacabelos Serantes 

“Foi unha experiencia inesquecible para todos e seguro que volveriamos a repetir”

Rocío Rivas Valladares 

“Pasámolo todos moi ben, foi unha excursión cargada de anécdotas e aventuras que todos repetiriamos o ano que ven”

Ana Belén Prieto González     

intercambio pontecaldelas

Intercambio con Pontecaldelas

INTERCAMBIO CO IES DE PONTECALDELAS 

Como xa se fixo en anos anteriores, sendo este o terceiro, levouse a cabo un intercambio co IES de Pontecaldelas, tendo como obxectivos os seguintes:  

  • Coñecer outro centro e outro concello de Galicia.
  •  Traballar a diversidade desde o punto de vista lingüístico, cultural, natural e socio-económico.
  •  Potenciar a relación entre o alumnado de diferentes centros e a adquisición de novas experiencias.
  • Estudar as semellanzas e diferenzas entre dous concellos rurais, un de interior e outro de costa. 

Para facer o intercambio contouse cos alumnos de 3º ESO de ámbolos dous centros. O día 28 de abril os alumnos do IES de Pontecaldelas visitaron o concello de Meaño.

 A actividade iniciouse cunha pequena recepción no instituto desde onde partimos cara a adega “Valdamor”, sempre acompañados por técnicos culturais do concello de Meaño, que nos guiaron durante toda a mañá. 

Xa na adega, dous traballadores da mesma nos explicaron todo o proceso de elaboración do viño albariño, fundamental na economía deste concello e de toda a comarca do Salnés.

 Así soubemos que este proceso iníciase coa recolección, seguido do prensado, despalillado, almacenamento nas cubas e o seu posterior embotellado, etiquetaxe e comercialización. Despois comentáronos a distribución e venda en lugares tan variados como restaurantes, vinotecas, venta directa ou incluso ó estranxeiro en países tan dispares como China, Estados Unidos ou Australia. Todo este proceso vai acompañado dunha promoción de publicidade e marketing, en anuncios ou revistas especializadas do sector vinícola. Ao final do percorrido obsequiáronnos cun aperitivo, durante o cal tivemos o primeiro contacto cos nosos compañeiros. 

De aí partimos en autobús ata a parroquia de Simes, onde subimos ata o seu miradoiro para contemplar unha magnífica vista panorámica non só do concello, senón tamén das rías de Arousa e Pontevedra.  

A continuación baixamos para enlazar coa ruta dos muíños do río da Chanca, onde foron entregadas unhas pequenas guías que recollen tódalas especies arbóreas e vexetais máis salientables.    

Ao final da mesma puideron observar o proceso de moído do millo e unha pequena charla das partes dos muíños e a súa importancia dentro da cultura tradicional.  

Feita a ruta, comemos na área recreativa do muíño de Lores, onde lles foron entregadas ós profesores de Pontecaldelas información do concello de Meaño pola concelleira de cultura, Dna. Lourdes Ucha Varela, que colaborou estreitamente con nós no bo desenvolvemento deste intercambio. 

Pola tarde, despois de xantar, cara ás 15:30 horas, visitamos o centro de interpretación Siradella, onde o monitor fixo unha interpretación do espazo natural protexido “ Ensenada Umia- O Grove”, dentro do cal se atopa o concello de Meaño, concretamente a zona das marismas e a telleira. 

Posteriormente ampliouse a información coa proxección dun pequeno documental e a visita á exposición permanente do centro de interpretación. Nesta actividade os alumnos foron divididos en dous grupos.  

Cara ás 17:00 horas, deuse por rematada esta actividade.  

O día 28 de abril os alumnos de 3º ESO do IES de Meaño visitaron o concello de Pontecaldelas. Optamos por esta data para que o mes de maio quede para actividades relacionadas co día das Letras Galegas.  

As actividades que nos programaron foron as seguintes: 

Pequena recepción no instituto. 

Marcha ata a área arqueolóxica de Tourón, espazo protexido no que durante a Idade do Bronce tivo lugar o máximo apoxeo da arte rupestre, localizada na fachada litoral atlántica galega, da cal forma parte Tourón. Nela tivo lugar unha pequena exposición por parte dunha técnica do centro de interpretación que incluíu a proxección dun vídeo explicativo sobre os aspectos máis importantes da idade do Bronce. 

A continuación fixemos un percorrido por toda a área fixándonos nos conxuntos máis importantes: Outeiro da Forcadela, Laxe das Cruces, Coto da Siribela, Nabal do Martiño. 

De seguido subimos ata un miradoiro, onde se pode ter unha magnífica vista panorámica do concello, incluso dos limítrofes como A Lama ou Arcade, incluíndo a ponte de Rande e as illas Cíes. 

Volvemos a descender para facer un percorrido polo centro do vila e enlazar co espazo natural fluvial do río Verdugo. Alí comemos e os rapaces tiveron un tempo de lecer e ocio que favoreceu o desenvolvemento da actividade. 

A visita rematou cara ás 17:00 horas nas que emprendemos de novo o regreso para poder enlazar co transporte escolar.   

Saída a Santiago de Compostela

SAÍDA DIDÁCTICA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

  

Visita organizada polo ENDL do centro en colaboración co Departamento de Ciencias Sociais.

 

Os alumnos estiveron acompañados polos profesores D. Afonso Pena Barreiro, Dna. Ángela López Rodríguez e Dna. Ana Sueiro.

As actividades realizadas foron as seguintes:

 

a)      Visita ó Parlamento de Galicia.

 

Trátase dunha visita explicada e guiada polo persoal da institución para que os alumnos comprendan o funcionamento básico do poder lexislativo galego.

 

Puideron observar as diferentes salas de Comisións, o salón de recepcións, a biblioteca e o Salón de Plenos.

 

b)      Visita ás cubertas da Catedral.

 

Actividade guiada que se inicia no Pazo de Xelmírez cun percorrido polas principais dependencias.

 

A continuación, accedemos á tribuna da catedral na que cunha perspectiva moi diferente puidemos observar os elementos máis característicos que a conforman.

 

Dende este espazo accédese ás cubertas para contemplar unha magnífica vista aérea da cidade e das prazas que rodean á catedral, así como os diferentes estilos artísticos máis salientables (románico e barroco principalmente).

 

c)      Visita ó Museo das Peregrinacións.

 

Pola tarde, despois dun pequeno percorrido polo casco histórico da cidade, visitamos o Museo das Peregrinacións.

 

Nel preténdese mostrar as diferentes peregrinacións como un camiño ritual de purificación e coñecemento.

 

Móstrase tamén as orixes do culto xacobeo, a importancia da catedral e o feito de que o sepulcro do apóstolo sexa o xerador da urbe compostelá.

 

Insístese tamén en mostrar as diferentes iconografías de Santiago e como a súa imaxe cambia ó longo da historia.

 

A visita rematou ás 17:30 horas.

 

O tabaco

COMO O TABACO AFECTA AO NOSO CORPO 

 

Información extraída do programa de radio emitido no noso instituto o día 9 de abril sobre os efectos nocivos do tabaco.

  

Hai poucas zonas do corpo humano que non se vexan afectadas polos produtos químicos dos cigarros.

 

 

 Comezando desde arriba 

Como fumador tes o risco de ter cancro de boca. Os dentes adquiren unha cor amarela e podes ter dores de cabeza frecuentes.

 

 Bronquios e pulmóns 

O tabaco causa unha tose crónica no fumador. Os fumadores teñen dez probabilidades máis de ter cancro de pulmón e enfisema que os non fumadores.

 

 O corazón 

A nicotina aumenta a presión sanguínea a fai que o sangue coagule máis facilmente. O monóxido de carbono reduce o osíxeno do sangue e dá lugar ao desenvolvemento do colesterol nas paredes das arterias. Aumenta o risco de sufrir un ataque ao corazón.

 

 Órganos do corpo 

O alcatrán no fume pode desencadear o cancro de esófago e gorxa. Os fumadores teñen maiores posibilidades de sufrir un cancro mortal de páncreas.

 

 Os resultados 

 

O 45% dos homes fumadores con exceso de peso morrerán antes de que chegue a súa idade de xubilación, en comparación con só o 18% dos non fumadores. As mulleres que fuman corren un maior risco de cancro de colo uterino.

 

A boa noticia é que cando consegues deixar de fumar o teu corpo comeza a repararse. Dez anos despois de deixar de fumar, o teu corpo reparou a maioría dos danos causados  polo tabaco.

 

 FALSAS CRENZAS SOBRE O TABACO 

A xente é libre de decidir se fuma ou non

-          Todos cremos que somos criaturas con completa liberdade de decisión. Sen embargo, no caso do tabaco esta liberdade é trastornada polos anuncios e a adicción.

 

Uns poucos cigarros ao día non fan dano

-          A posibilidade de sufrir enfermidades cardiovasculares aumenta incluso consumindo baixas doses de tabaco.

 

 Os cigarros light son menos prexudiciais

-          Son tan perigosos como o resto. De forma inconsciente, e para compensar os menores niveis de nicotina e alcatrán, os consumidores fuman máis pitos, inhalan o fume máis forte e profundamente, bloquean os orificios de ventilación.

 

 Se queres, é fácil deixalo 

-          Non é unha tarefa sinxela. A nicotina é aditiva e é semellante a outras drogas como a heroína, a cocaína e o alcohol. 

Un fumador sempre será un fumador

-          Máis da metade dos americanos que fumaron algunha vez xa o deixaron.

 

 Os fumadores só perden un par de anos de vida

-          Está comprobado que as persoas que falecen a causa do tabaco perden unha media de 14 anos de vida.

 

 A industria non se dirixe os mozos

- A maior parte dos consumos inícianse entre os 12 e os 17 anos. Os fabricantes de cigarros son conscientes diso, e continúan dirixíndose os máis novos. A presenza do tabaco no cine e outros materiais promocionais (camisetas, gorras) son dúas das vías empregadas para chegar ós máis novos, din os especialistas.

Gatacca

Na materia de Ciencias Medioambientais como tódolos anos proxéctanse unha serie de películas que teñen relación coa disciplina . Este trimestre a película elixida foi  Gattaca e aquí tedes unhas reseñas de alumnos de 4º que nos parecen de moito interese para que vos animedes a vela.

 

“Gattaca é unha película baseada nunha visión futurista do mundo, no que ás persoas pódeselles predicir todo ó nacer grazas o seu ADN e vai estar marcada o resto da súa vida por el.

 

Nese momento futuro case tódalas persoas son creadas in vitro, escollendo o ADN dos seus proxenitores. A sociedade vai estar dividida en dous bandos: os válidos e os non válidos.

 

Os válidos son aquelas persoas creadas xeneticamente perfectas (sen enfermidades, con maiores capacidades tanto física como mentalmente) que son o escalón superior da sociedade. Poden chegar ós mellores traballos, mellor tratamento…  e, pola outra banda, están os non válidos que son os creados ó chou ou seres xeneticamente imperfectos (con enfermidades, con menos capacidades,…) que son aquelas persoas que, por exemplo, se teñen que conformar con non ascender de limpadores e son tratados como delincuentes.

 

A película conta como un mozo, Vincent, non válido, quere ser unha persoa importante. Farto do tratamento que recibe dos seus pais e sobre todo do seu irmán (xeneticamente perfecto) decide marchar e demostrar que será quen de cumprir o seu soño custe o que lle custe.

 

Para introducirse no chanzo superior da sociedade vai cambiar a súa identidade pola dun válido, Xerom, un mozo que quedou en cadeira de rodas e xeneticamente é máis que perfecto. Grazas a súa axuda, consegue entrar en Gattaca, unha institución onde traballa a elite da sociedade, as persoas mellor preparadas, ou mellor dito, as máis perfectas xeneticamente que se encargan de levar a cabo misións especiais.

 

Vincent coa identidade de Xerom é un dos máis cualificados da institución e encoméndaselle unha misión espacial a Titanium, unha das lúas de Saturno pero unha semana antes da súa partida, sucede en Gattaca un asasinato e os detectives atoparon ADN dun non válido na institución. Este ADN corresponde a Vincent.

Cando están a punto de atopalo e descubrir que Xerom non é Xerom senón o sospeitoso de asasinato, descobren que o asasino é o presidente da institución.

 

Os que descobren que é realmente Xerom son a súa moza e o médico de Gattaca, pero deciden apoialo e encubrilo para que cumpra o seu soño, e, ó mesmo tempo admírano por ser quen de chegar a onde chegou. Para eles é unha persoa moi válida para o posto que ocupa, independentemente do que poida dicir o seu ADN.

 

Unha vez que Vincent está no espazo, o mozo Xerom que o axudou no seu cambio de identidade decide suicidarse, porque segundo el o seu cometido xa estaba cumprido: axudar a Vincent a cumprir o seu sono.

 

OPINIÓN PERSOAL

 

 Pareceume unha película moi boa e interesante, pero ó mesmo tempo non me gustou nada a sociedade nese momento. Non comparto esa forma de crear persoas ó gusto do consumidor, pero claro, quen non o faría sabendo que ó non facelo, vai ser unha persoa non válida e non aceptada pola sociedade?

  

Ana Lores

  

GATTACA

 

Nesta película retrátase una sociedade futurista (aínda que ambientada na década dos 50) na que as diferenzas sociais están determinadas xenéticamente.

Así, distinguen entre os “válidos” cun xenotipo satisfactorio e que teñen os mellores postos de traballo e os “non válidos”cun xenotipo que implica posibles alteracións no futuro.

 

Este é o caso de Vincent, que tería un 99% de probabilidades de morrer a causa dunha lesión cardíaca antes dos 30 anos.

 

O seu irmán Antón, contaba cun xenotipo espectacular, logo de ser seleccionadas as mellores características dos seus proxenitores.

Vincent incorpórase a traballar como limpador dunha organización relacionada co espazo. Só poden acceder a ela os válidos verificando a súa entrada con análises de pequenas mostras de sangue que extraen das xemas dos seus dedos. O desexo de Vincent é viaxar a Titán, unha das lúas de Saturno, pero para iso tería que ser dos mellores válidos da organización.

 

            A súa ilusión faille tomar a decisión de suplantar a identidade dun ex -nadador olímpico, Jerome Morrow, a cambio de manter a este na súa casa. Jerome proporciónalle mostras de sangue e ouriños para que, unha vez dentro da organización non o descubran.

 

            Vincent, como Jerome Morrow, terá boa fama dentro da organización e iso permitiralle, non sen algo de sorte e axuda interna (por parte do médico, que o descobre pero encóbreo e tamén grazas á súa amante) acceder a nave que irá a Titán.

 

            Isto demóstranos que é máis forte a ilusión e as gañas que tódalas dificultades.

  

IMPRESIÓN PERSOAL

 

Gustoume moito, xa que estivo entretida e con toques de humor, sobre todo os comentarios do verdadeiro Jerome. Ademais hai que destacar a verdadeira idea que se extrae da película: se un se esforza, rompe as aparentes barreiras que poida haber e pode conseguir o que se propoña.

  

QUE É GATTACA?

 

            É a institución na que traballa Vincent, aínda que tamén se pode referir a unha secuencia de nucleótidos perfecta.

 

QUE TIPO DE PERSOAS APARECEN NA PELÍCULA CON RESPECTO O SEU ADN?

            Os válidos e os non válidos

 

QUE OPINAS SOBRE O QUE INTENTA VINCENT? FARÍAS O MESMO?

 

            Penso que é arriscado, pero iso demostra o seu valor e a súa ilusión pola vida. Na súa situación pensaría que non teño nada que perder e faría o mesmo.

 

ENTENDES O CARÁCTER E A DECISIÓN DE JEROME MORROW, O RAPAZ DA CADEIRA DE RODAS?

 

            Non tivo nunca tantas ganas de triunfar como Vincent, aínda que tiña mellores condicións xenéticas. O feito de chegar a suicidarse paréceme excesivo, aínda que para facelo debería sentirse totalmente inútil.

 

OBSERVAS ALGÚN SÍMBOLO XENÉTICO CLARO NA PELÍCULA?

 

            Si. As escaleiras de caracol semellan a dobre hélice da cadea de ADN.

  

Alexandre Prado Muñiz

 

saída educativa a Vigo con 3º da ESO

SAÍDA DIDÁCTICA COS ALUMNOS DE

3º ESO A VIGO  

Visita organizada polo Equipo de Normalización Lingüística do IES de Meaño en colaboración co Departamento de Ciencias Sociais o día 2 de marzo de 2010.

 

Estiveron acompañados polas profesoras Dna Ana Sueiro e Dna. María del Carmen Mouriño Sestelo, profesora de Tecnoloxía.

 

A visita está organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia co obxectivo de mellorar o coñecemento da nosa arquitectura e a nosa identidade territorial.

 

Previo a esta actividade, os alumnos traballaron con materiais enviados polo Colexio de Arquitectos de Galicia, concretamente o apartado de identidade territorial.

 

A actividade comezou ás 10:15 horas facendo un percorrido visual en autobús polas diferentes rúas: Areal, Estación Marítima, Ensanche, García Barbón, Policarpo Sanz, Gran Vía, Castrelos. Neste punto fixemos unha pequeña parada e desde os seus miradoiros os alumnos puideron obsevar unhas magníficas vistas da cidade e do porto de Vigo, onde se pon de manifesto o proceso de urbanización difusa que está transformando a cidade.

 

De seguido visitamos un dos grandes espazos industriais de Vigo, a Zona Franca, e o polígono de Coia, como exemplo de espazo da cidade que se adaptou a zona residencial para albergar a toda a poboación que se trasladou para traballar no sector industrial.

 

Seguimos o noso itinerario pola Avenida de Europa, Samil, Alcabre, Bouzas, Avenida de Beiramar e Berbés.

 

Dende aquí  percorremos a pé unha pequena parte do casco histórico de Vigo, para enlazar coa Porta do Sol e Príncipe.

 

Ás 13:15 iniciamos unha visita guiada ó museo de arte contemporánea, O Marco, no que nos explicaron o proceso de adecuación do edificio ao novo uso museístico, ao tempo que visitamos as exposicións temporais que o museo ofertaba: unha mostra de performance e unha exposición fotográfica de Cándida Hoffman.

 

Rematada esta actividade, trasladámonos ata o Campus, no que puidemos observar as distintas facultades e os edificios máis emblemáticos: Edificio Miralles, Facultade de Económicas, Biblioteca Central, Reitorado.

 

Ás 17:00 horas demos por rematada esta saída didáctica.

  

E os de 3º B pensan que…

 

-         As guías tiveron moita paciencia con nós e notábaselles que tiñan todo moi ben preparado e organizado.

-         Quizais nos faltou espazo para reflexionar e debater.

-         O Campus foi o que máis nos gustou da saída... sobre todo a comida.

-         No campus chamounos moito a atención o aproveitamento dos espazos interiores cara á luz, a disposición das mesas,…

-         Interesante o museo Marco, aínda que a visita non a puidemos facer na súa totalidade.

-         Impresionantes as vistas do miradoiro… aínda que nos chamou moito a atención pois a cidade vive de costas ó mar.

   

Aquí temos algunhas opinións dos alumnos de 3º C:

 

-         O que máis nos gustou foi a hora da comida... pero non había “cartón”.

-         As guías foron moi amables.

-         A universidade foi o que máis nos gustou, aínda que os baños non valen para nada porque non teñen espello…

-         Laura foi agredida por unha gaivota

-         Os prezos de Vigo son carísimos

-         As vistas do miradoiro eran espectaculares.

-         Os vídeos do Marco eran moi raros… pero facían pensar.

-         A canción de Karmele que cantamos no Marco…

    

VISITA AOS BELÉNS CO DEPARTAMENTO DE RELIXIÓN

Un ano máis o departamento de Relixión do IES de Meaño organizou unha saída para tódolos alumnos que están matriculados nesta optativa.

 

Como nós levamos bastantes anos participando no concurso de nacementos que organiza o Concello, parécenos unha boa idea  levar ós rapaces  a que vexan outras exposicións aproveitando que está rematando o trimestre.

 

Este ano fomos a Vigo, ó centro cultural Caixanova. Alí vimos moitos e variados nacementos feitos con todo tipo de materiais: teas, madeira, pedras, papel,etc…

 

Fomos en tres autobuses con case tódolos alumnos do centro e dez profesores en total.

 

A xornada rematou nun centro comercial, próximo o porto de Vigo, onde os rapaces tiveron un pouco de tempo libre. Ás  14:00 h. estabamos de volta no centro.

  

Vicky de 3º C móstranos a súa opinión sobre esta saída:

 

O 21 de decembro, os alumnos que temos a materia de relixión no IES de Meaño, fomos de excursión a Vigo ver unha exposición de beléns que realizaba Caixanova, na que participaban bastantes persoas.

 

Os beléns estaban feitos de diversos materiais, dende os típicos ós máis orixinais. Como exemplo dos primeiros, están os feitos de madeira e, dos segundos, os de gominolas, lacasitos, etc...

 

Esta visita realizouse por quendas, mentres un grupo realizaba a visita, outro esperaba nun centro comercial próximo, que estaba preto do porto.

  
Distribuir contido


by Dr. Radut