Skip to Content

Actividades

Gañadores do concurso de relatos de terror do 2º ciclo

O gañador do concurso de relatos de terror do segundo ciclo foi Cristóbal Currás Maza de 4º B, co conto titulado Néboa na noite. A finalista foi Araceli Lores Domínguez de 4º C co conto Nunca te fíes, é perigoso. Noraboa aos dous.

Deixámosvos cos seus relatos.

NÉBOAS NA NOITE

por Cristóbal Currás Maza

 -Hai que ver que bonita é a lúa chea cando se ve desde o monte.Isto é o que pensaba Ramón mentres camiñaba por aquela fonda congostra, tan fonda que case non se vía o chan do monte. Ía pola congostra porque tiña escoitado na casa que os lobos esperaban e mataban á xente nos camiños principais. Mais xa había tempo que se sentía observado.Ás veces escoitaba unhas carreiras detrás del e uns saltos. Rapidamente xirábase pero non vía nada. Iso só podía significar algo. Saíu rapidamente da congostra e colleu uns cantos croios. O chan do monte estaba cuberto por unha espesa néboa, que brillaba e se esparexía con aspecto fantasmal á luz da lúa.Tiña que apurar. Empezou a correr, e sentiu carreiras detrás del. Sabía que ían por el. Entón viuna. Aquela inmensa árbore sería a súa salvación. Correu cara a ela e parecía que os seus perseguidores se decataran do que pretendía, pois saíron dos seus agochos e botaron a correr detrás del.Unha manda de seis lobos, cada un máis negro có outro, coa boca aberta, corrían tras el. Ramón colleu un croio e guindoullo a un dos lobos, o que fixo que se detivesen.Cando chegou ó pé daquel enorme carballo, comezou a gabear por el. Entón sentiu unha terrible dor nun nocello. Era un dos lobos. Non tivera tempo de agarralo ben pero si de rabuñalo o suficientemente fondo como para facerlle dano. Así e todo, chegou ata unha póla ben alta. Estaba a salvo. Despois de moito tempo os lobos acabaron por marchar. Pero Ramón sabía que estaban por alí, na escuridade, escondidos, esperando o momento oportuno, pois eles non tiña présa. Sabían que Ramón tería que baixar nalgún momento.Xa pasara un bo anaco de tempo, cando, desde unha póla máis arriba, escoitou algo que se remexía. A piques estivo de caer do susto. De súpeto oíu: -Seguen aí, verdade compañeiro?-Como? Quen anda aí? –dixo Ramón.-Espera, agora baixo –dixo a voz- chámome Xan.Despois de dicir isto, a voz baixou ata a póla na que estaba Ramón. Era un ancián, duns 80 anos. Vestía un chaleco marrón, uns pantalóns grises e unha boina de cor negra chapada na cabeza. Era un home alto e máis ou menos fraco. Despois de terse acomodado na póla, gardou silencio mirando para a néboa.-Xa leva aquí moito tempo, señor? Está algo pálido –dixo Ramón.-Ai, meu compañeiro, xa levo aquí moito tempo. E se queres vivir non podes quedar aquí –dixo o señor Xan.-Estes condenados lobos son moi listos. Con esta néboa non se ve un burro a tres pasos. Que imos facer? E ademais un deles rabuñoume un nocello e dóeme que me levan os demos –replicou Ramón.-Bah! Iso ten solución –dixo o vello mentres sacaba un pano do chaleco, e atándolle o nocello con el díxolle:-Xa está. E outra cousa, se nós non os vemos, eles a nós tampouco nos ven.Despois de moito discutir sobre esa posibilidade, comezaron a baixar polo tronco do carballo. Ao chegar ao chan, Ramón colleu un croio en cada man. Comezaron a andar moi agachados, case arrastro por debaixo da néboa. E así, caladamente, guiado polo ancián, saíron daquela néboa despois de dúas horas arrastrándose polo monte, agachados e en silencio. Por fin puidéronse erguer, pero o señor Xan seguía indicándolle que gardase aínda máis silencio ca antes. Ían movéndose moi a modo, cruzando un camiño, agochándose tras dunhas árbores e mesmo viron pasar ao lonxe un lobo.-E logo, como é que acabaches aquí? –preguntou Xan.-Teño dezaoito anos e marchei da casa. Eu decido o que fago –afirmou o rapaz.-Xa… e de onde es? –volveu preguntar o vello.-Eu son de Maceda. E vostede, de onde é? –dixo Ramón.-Eu son de Vichocuntín. Está preto de aquí. É a onde imos agora –respondeu Xan.Xa andaran un bo treito e a néboa fórase indo. Xan estaba inquedo. Apuraba o paso. O camiño ancheaba cada vez máis. Xa se vían as luces das aldeas. Entón o vello detívose en seco. Colleu a Ramón da man e botáronse fóra do camiño. Xan díxolle moi baixiño:-Escoita Ramón, eu non vou saír do monte. Agora, cando chegues á aldea, pregunta polo taberneiro. Teslle que dicir que mire no armario grande, o do salón. Nel hai unhas fondo debaixo das táboas, e nese fondo hai 100.000 pesetas. Lembraraste? Eu xa teño que marchar –e dicindo isto, o vello desapareceu entre a néboa que se levantou de súpeto.Cando o rapaz chegou á aldea, preguntou polo taberneiro e foi onda el. Ao chegar á taberna decatouse de que non había ningún cliente. Estaba só o taberneiro na barra. Dirixiuse a el e contoulle o que lle dixera Xan. Estrañouse pero foi mirar o armario. Mentres estaba ausente, Ramón deu unhas voltas pola taberna e un curruncho viu que había unhas fotos expostas. Achegouse para velas máis de cerca. Si. Alí estaba o señor Xan, máis novo e cun cativo ao seu carón. Tamén aparecía noutra foto xogando un torneo de brisca na taberna.De alí a un pouco chegou o taberneiro cunha caixa nas mans e branco como a cera.-Quen lle dixo onde estaba isto? –preguntoulle.-Un señor que se chama Xan. Vostede coñéceo porque aparece nesas fotos de aí –respondeu Ramón.-Non sabes o que dis. Ese home é meu pai. Xan Bargas domínguez era tratante de gando e hai sete anos que morreu, deus o teña na súa gloria –dixo Xaquín, que así se chamaba o dono da taberna.-Como di? Se foi el quen me sacou do monte! –repuxo moi pálido o rapaz.- Meu pai morreu cando viña de Maceda coa súa burra. Fixérase de noite e os lobos andaban esfameados. Meu pai tivo que deixar ao animal atrás porque os lobos seguíano. Cando mataron a burra seguiron detrás del. Tivo que subir a un carballo que había alí. Deu escapado dos lobos pero non do frío. Os lobos non marcharon de debaixo da árbore e alí morreu agardando axuda, unha axuda que chegou demasiado tarde –concluíu o taberneiro.Despois disto Ramón decidiu volver á súa casa, pero acompañado dunha boa escopeta que mercara e de día, pois xa é dito de vellos: “Non todos os mortos están nos nichos”.   NUNCA TE FÍES, É PERIGOSO por Araceli Lores DomínguezAs bágoas caen polas miñas meixelas cunha dor inmensa. Toda a miña vida deu un xiro radical. Hai uns días tiña plena felicidade, e agora… teño medo.Para contarvos esta historia teño que retroceder uns meses. Exactamente ata o día que comecei a traballar en Montblanc, empresa que se dedica á venda de electrodomésticos. E entrou el, tan guapo, tan atractivo,… que non podía deixar de miralo. Os seus ollos leváronme ao mar da Lanzada deixándome un chisco aparvada. Eran, sen dúbida, os ollos máis azuis e fermosos que nunca antes vira.-Que se lle ofrece? –conseguín preguntarlle.-Pois… se non lle molesta, quixera facerlle unha pregunta.-A que vostede queira! –díxenlle sorrindo.-Que é o que fai para ser tan fermosa? -preguntou con descaro.Púxenme un pouco colorada, pero conseguín responderlle, mirándoo aos ollos, con voz atrevida:-Ter un home tan guapo diante.Botámonos a rir, como dous colegas de toda a vida. Esa foi a primeira de moitas conversas que mantivemos na tenda durante esa semana. El seguía pasando todos os días por alí e falabamos de todos os temas e de nós.Logo dun tempo invitoume a cear no restaurante máis caro da cidade. Todo era perfecto. Comezamos a sentir algo máis ca unha amizade e acabamos namorándonos.Con el todo era diferente. Sentíame especial. Era un encanto, pero aínda non o coñecía. Realmente non sabía quen era pero estaba cega de amor. Non me importaba nada máis, só el. El era o centro da miña vida.A verdade é que aínda non vos dixen quen son eu. Chámome Carla Lores Piñeiro. Ao pouco de rematar os estudos empecei a traballar na tenda de electrodomésticos. Todo foi moi rápido. Son alta, delgada, loura, cun pelo moi longo e rizo. E nunca antes me namorara.Por certo, el chámase Martín. É irresistible, atractivo, moreno de ollos azuis, musculoso…. Perfecto!! E non sei moito máis del.Logo de pensalo, decidín ir vivir con Martín. Todo era perfecto pero, á vez, estraño. Lémbrome que nada máis pisar a súa casa, os meus ollos craváronse nunha porta escura con pomo dourado que estaba ao fondo do corredor. Ao preguntarlle que había naquel cuarto, díxome que só eran trastos vellos  que tiña alí amoreados desde que se mudara , pero tiven a sensación de que se puxera algo nervioso. Aínda así, naquel momento non lle dei ningunha importancia, pero se lla dese talvez agora mesma non estaría na cama dun hospital.Ese primeiro día tamén me dixo que non podía prender lume dentro da casa porque tiña un dispositivo antiincendios que botaba auga nada máis notar algo de fume. Sorprendeume tamén que na casa non houbese nin televisión, nin radio, nin ordenador. Cando lle preguntei díxome que non lle gustaba á tecnoloxía e que era unha perda de tempo. Entendino, meu irmán tamén é así. Pola noite, cando estaba facendo a cea, díxome que lle gustaría que deixase o traballo e me ocupase da casa. O luns chamei ao meu xefe e díxenlle que deixaba o traballo pero que acabaría o mes. Desgustouse moito pero aceptouno.Martín nunca me chegou a concretar a que se dedicaba. Non sabía nada da súa familia nin do seu pasado. Só sabía que pasaba case todo o día fóra da casa. Aínda así nunca lle comentei nada, non quería enfadalo. Quería que se sentise feliz.Un día acendo a limpeza, movín un cadro. Puiden ver que detrás, na parede, aparecía escrito un nome de muller, Catarina. Funos movendo todos e detrás de cada un había escrito un nome diferente. Lembreime do gran cadro que había na nosa habitación e, ao movelo, quedei aterrada, porque na parede podíase ler perfectamente un nome: Carla. É dicir, o meu nome.  Pero había algo distinto dos outros. O meu estaba escrito con lapis e os outros parecían escritos con sangue. De súpeto oín o coche de Martín. Metinme na cama a toda présa e simulei que estaba durmida.Cando espertei, sentinme mareada, como se durmira máis tempo do debido. Mirei o reloxo e marcaba as nove e sete minutos da mañá, era a hora á que espertaba todas as mañás. Pero fun parva e non me dei conta da realidade. Non lle dei importancia.Ese día, cando quedei soa, volvín a mirar os cadros. A miña sorpresa foi que non había nada de nada. Pensei que empezaba a tolear. É que aínda non vos contei que había noites en que espertaba e vía o rostro dun home moi vello e engurrado reflectido nos espellos. Asustábame pero cría que eran cousas miñas. Ademais, como tiña a Martín ao meu lado, seguía durmindo.Fun tan parva…, non sabía a realidade da situación. O que me arrepinto agora do sucedido! Se abrise máis os ollos non pasaría nada do que aínda vos teño que contar.Ese mesmo día Martín chamou para avisarme que non ía vir comer pero que preparase unha boa cea para a noite. Púxenme a facer un polo ao forno, a súa comida favorita. Cando fun coller un coitelo, non atopei ningún. Estrañoume moito. Entón de súpeto, lembreime da porta escura co pomo dourado que estaba ao fondo do corredor. Fun correndo ata ela. A porta estaba entornada. Fun empurrando a porta a modo. E entón vin o inferno. Os meus ollos cubríronse de terror.-Non pode ser, non pode ser, o meu Martín non fixo isto. Pero se non foi el, quen foi entón? Que fago? E se foi el? Pero, entón…? … Iso foi o que puiden dicir cando vin os cadáveres de nove rapazas, aparentemente sen síntomas de corrupción. Todas moi parecidas a min. Antes de saír puiden ver enriba dunha mesa as fotos de Camila, Candela, Carme, Carmela, Clara, Catarina, Celia, Cristal, Claudia e… a miña. Todas cheas de sangue excepto a última. Nese intre comprendino todo e non ía deixar que a última foto se cubrise de sangue.Cando comecei a correr cara a saída, soou o teléfono. Detívenme en seco. Collino. Era Martín. Díxome:-Que…? Xa o sabes todo? Vouche contar a verdade. Non te quero! En realidade nunca quixen a ninguén. Teño 1758 anos e son o demo. Son aquel home que ves todas as noites reflectido nos espellos. Quería que tolearas, pero non foi tan fácil porque tampouco quería matarte tan rápido. Efectivamente puxen aqueles nomes na parede. Ao decatarme de que os viras, drogueite e estiveches durmindo dous días seguidos. Nese tempo borrei os nomes e prepareino todo para a matanza final por iso collín os coitelos que ti acabas de botar en falta. Desde que naciches estabas destinada a min e tes que morrer, vendo por última vez aqueles ollos que te namoraron, non sei se azuis ou vermellos… Tamén te informo de que non podes fuxir. Estás atrapada, totalmente atrapada… E colgou. Quedei petrificada. Pero aínda tiña unha esperanza: o teléfono. Chamaría á policía e explicaríallo todo. Non. A liña estaba cortada.Estaba tan desesperada que non podía nin chorar. De súpeto lembreime do primeiro día que pisara a casa e do consello de non acender lume. Vin claramente que era o único que podía facer para saír dela. Collín un chisqueiro e prendinlle lume a unha morea de papeis. A alarma saltou axiña e a casa comezou a encherse de auga, pero aínda así non conseguiu apagar de todo o lume, dando tempo a que o salón ardese por completo facendo estourar os cristais. Logrei saír entre eles mentres sentía como algo se me ía cravando no lombo. Pero non eran os cristais, eran os coitelos. Volvinme e vin ao demo do meu mozo. Xa non lembro máis.Agora mesmo estou no hospital transmitíndovos a miña historia e chorando todos os días porque sei que me está buscando para rematar a faena.

 

 

 

Gañadores do concurso de relatos de terror do 1º ciclo

O gañador do 1º ciclo foi Martín Carramal Meis de 2º A co conto titulado Rumbo: a Morte. A finalista foi Tamara abal Padín, de 1º C co conto A orixe do mal. Noraboa aos dous.

Aquí vos deixamos cos seus relatos.

RUMBO:  A MORTE

por Matín Carramal Meis 19 de outubro. Hoxe parte o Mantel, un cruceiro que atravesará o océano Atlántico. Os pasaxeiros pouco a pouco van embarcando. Levará áncoras ao mediodía. Para os primeiros días da viaxe esperábase tempo tranquilo, aínda que cara a final da viaxe o barco terá que atravesar un denso banco de néboa. Pronto transcorren os días de sol e calor que os pasaxeiros gozan nas piscinas da cuberta.A unhas millas do barco esténdese un denso banco de néboa que non tarda en cubrilo por completo dificultando a visión. Aínda así, desde a gran fiestra do comedor do barco podíanse observar as luces de posición doutro barco. Pouco a pouco este vaise achegando e empézase a diferenciar a súa ponte. Ao capitán do Mantel ese barco resultáballe coñecido. Cada vez está máis preto, tanto que teñen que esquivalo para non chocar. De súpeto o outro barco queda parado e o Mantel tamén para máquinas. Ao ler o nome do barco, o capitán sabe que o coñece. Era o Tifón I, que quedara fóra de servizo había uns dous anos. Precisamente para ser reemprazado polo Mantel. E tamén fora antes o seu capitán. Como podía estar alí se ía ser despezado? Soltaríanse as amarras e quedaría á deriva?Pronto manda a uns homes a inspeccionar o barco. Estes revísano de arriba a abaixo, ata que nunha das adegas atopan algo estraño, un neno duns tres anos agochados tras unhas caixas de cartón. Cólleno e lévano ata a enfermería do cruceiro. Ten un aspecto moi raro, está completamente pálido e extremadamente fraco, pero san. Pero non responde aos milleiros de preguntas que lles fan. Parece estar mudo xa que non sae ningunha palabra da súa boca. Pasan varios días desde que o neno fora levado ao cruceiro cando comezan a pasar cousas estrañas. Un día aparece aboiando o corpo sen vida duns dos pasaxeiros; ao parecer esvarou e bateu coa cabeza no bordo da piscina, caeu á auga e afogou. Días máis tarde unha muller suicídase aforcándose no seu camarote. Outro día o sistema de propulsión falla e a radio deixa de  funcionar. O cruceiro queda á deriva e no seu interior pronto xorden os problemas entre os pasaxeiros. Todos buscan víveres por se non os poden rescatar. O neno rescatado desapareceu e o capitán non o atopa por ningures.O barco convértese nun lugar escuro e frío pois tamén falla o sistema de calefacción e de electricidade. Os víveres empezan a escasear e saír aos corredores convértese en algo perigoso pois todos buscan provisións e don dubidan en matar por un anaco de pan. A situación empeora cando algúns pasaxeiros descobren as armas de fogo gardadas no armario da ponte do barco. Empézase a estender o pánico no barco. Os mortos multiplícanse e son tirados ao mar. Pronto só quedan uns poucos superviventes na parte traseira do barco. Na dianteira só estaba o capitán encerrado no seu camarote. Unha noite escura mentes que vixiaba para evitar que o atacasen, oe unhas gargalladas ao outro lado da porta. Ao abrila ve ao neno que desaparecera. Estaba rindo el só no medio do corredor. O capitán recoñece aquela risa. É a dun neno que afogara nunha das piscinas do Tifón I cando el estaba de capitán. Coñecía ben a aquel neno, sempre andaba a rir polos corredores do barco.

De súpeto prodúcese unha fuga de combustible nun dos tanques que fai explotar o barco en mil anacos. E con el, o capitán e os poucos pasaxeiros que aínda sobreviviran.

 

 

 

A ORIXE DO MAL

por Tamara Abal PadínPara coñecer unha lenda creo que é preciso ir á súa orixe, por iso imos retroceder uns cantos anos.Todo comezou un día de outubro de 1996, un día moi tranquilo, nunha vila moi tranquila, onde a xente vivía as súa vidas normais e correntes. Nesa vila había unha muller que xa tiña moitos anos. Era unha curandeira. Tamén dicían que era algo bruxa, pero non das malas. Chamábanlle a Feiticeira.Ese mesmo día unha muller tivo dúas nenas xemelgas, algo que non deixaría de ser normal de non ser porque nese preciso momento a Feiticeira comezou a berrar desde a súa casa dunha maneira moi arrepiante. A xente que por alí pasaba quedaba moi sorprendida, pois aquela muller nunca se comportara desa maneira, parecía que non fose ela. O único que a xente conseguiu entenderlle foi: “O mal, o mal veu! Quere enganarnos pero veu co ben! O mal chegou co ben! Dúas xemelgas. Só debería ser unha!” Despois de repetir isto varias veces, a curandeira que se atopaba na porta da súa casa, caeu ao chan morta.Pasou o tempo e daquel feito xa ninguén falaba; quedou no esquecemento. A xente cría que a pobre Feiticeira se volvera tola. Pero o que non sabía a xente era que anos despois as cousas ían cambiar.Pasaran exactamente 13 anos. Era o aniversario das xemelgas e coincidía coa noite de defuntos. As irmáns eran moi distintas, tanto na forma de ser como fisicamente. Chamábanse Débora e Matilde. As dúas eran altas e de pel moi branca, pero Débora tiña o cabelo negro e os ollos grises, mentres que Matilde era rubia e de ollos marróns. Débora era moi rebelde, atrevida, nada medrosa e fascinábanlle os temas de pantasmas e espíritos; encantáballe que o seu aniversario se celebrase a noite de defuntos.Matilde era totalmente oposta. Era moi tímida, nunca se metía en ningunha lea e era moi medrosa.Pola tarde Matilde atopou enriba da súa cama unha carta. Era de súa irmá. Nela pedíalle a Matilde que se atopase con ela na porta do antigo cemiterio sobre as once da noite. Matilde dubidou se ir ou non, pero ao final decidiuse porque llo pedía a súa irmá. Así que saíu da casa para reunirse con ela no cemiterio.Era de noite, sopraba o vento cada vez con máis forza. Ao lonxe escoitábase a treboada. As árbores zoaban de xeito arrepiante, semellante a gritos humanos. Non había ninguén polas rúas e Matilde estaba cada vez máis preto do antigo cemiterio.Cando por fin chegou non viu a Débora por ningures. Achegouse á porta do cemiterio e abriuna lentamente. Asomou a cabeza con medo e puido ver ao final dun dos corredores que levan aos nichos había algo, como unha luz. Aínda sen saber como, Matilde sacou forzas e avanzou cara a esa luz. A medida que se achegaba puido ir distinguindo unha figura humana. Era súa irmá. Estaba vestida totalmente de negro, cun libro nas mans e velas aos eu redor. Esa era a luz que vira desde a entrada.Con voz medrosa Matilde conseguiu preguntarlle a súa irmá a razón da cita tan tétrica e nocturna no cemiterio. Débora ergueu a cabeza, e mirouna mentres lle dicía con voz desafiante: “Esta noite todo rematará”. Despois de dicir isto, abriu o libro e comezou a ler en voz alta. Matilde non comprendía nada do que estaba pasando, nin lograba entender as palabras que dicía Débora nun idioma estraño. De súpeto o chan comezou a tremer, as lápidas escachaban e caían ao chan e oíronse voces e gritos. Parou de chover. As nubes desapareceran e a lúa chea iluminaba o cemiterio. Matilde viu unhas sombras saíndo das tumbas que se ían xuntando ata facer un círculo arredor delas. Intentou escapar pero as sombras empuxárona e tirárona ao chan. Entre saloucos preguntáballe a súa irmá que estaba pasando. Entón Débora deixou o libro e colleu un coitelo. Achegábase pouco a pouco a Matilde repetindo unhas palabras que esta non lograba entender. Cando chegou ante ela, ergueu a man na que levaba o coitelo. De repente unha luz branca moi intensa apareceu ao seu lado, levantando a Débora no aire e facendo que se cravase o coitelo a si mesma. Oíuse un berro arrepiante. As sombras que rodeaban a Matilde desapareceron. O vento deixou de zoar. Todo quedou en calma.Matilde ergueuse do chan e, a pesar do pánico, puido ver diante dela unha muller vestida de branco que lle dixo que non se preocupase pois todo rematara. E entón desapareceu ante os seus ollos no medio dunha luz moi branca. A nena foi correndo desesperada xunto a súa irmá que se atopaba tirada no chan. Pensaba que estaba morta. Cando chegou ao seu carón quedou abraiada, súa irmá era idéntica a ela. O cabelo e os ollos de Débora volvéranse iguais aos de Matilde. Decatouse tamén de que xa non tiña o coitelo cravado e de que respiraba. Estaba viva.Despois de todo isto, as nenas imaxinaron que a muller que aparecera no cemiterio era a Feiticeira, e que todo empezara o día do seu nacemento, trece anos atrás. Aínda non sabían moi ben que fora o que pasara aquel día. A xente lembraba que a Feiticeira contaba de cando en vez a historia de dúas xemelgas moi distintas que cada certo tempo nacían na comarca. Nunha delas sempre aparecía o ben, pero na outra aparecía o mal e nunca se sabía quen das dúas acabaría triunfando.A partir dese día, a vila volveu ser tan tranquila coma antes. Por certo, a vila chamábase Dena. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut