FacebookSíguenos en YouTube

LAURA SUÁREZ LÉVANOS DE RUTA POLO OLIMPO CELTA DA COSTA DA MORTE

A piques de entrar na última semana da celebración do IV Mes do Libro no IES Maximino Romero de Lema, o venres 22 de abril estivo con nós Laura Suárez que compartiu o proceso da escrita do seu libro Monte Pindo, Historias e Lendas do Olimpo Celta co alumnado de 1º da ESO. Un libro que nos mergulla de xeito ameno e divulgativo na historia, nas lendas e noutros feitos que converten en máxico este enclave do patrimonio natural da Costa da Morte como é o Monte Pindo. Un libro do que Laura Suárez é a autora dos textos e dos debuxos.

Despois da presentación da alumna Lola Cumprido e de preguntarlle ao público expectante se coñecían o Monte Pindo, a autora introduciunos nas lendas que atesoura este libro. Contou o proceso de documentación, con gran axuda de Pepe do Fieiro e Xil, especialistas na zona, e como despois empezou a realizar debuxos que posteriormente acompañou de pequenas frases. Meigallos con animais, a fertilidade, os refuxiados da Guerra Civil, rituais para doentes que aínda hoxe se seguen practicando son algún dos temas que se reflicten neste libro.

Adentrarse na lectura deste libro é pasearmos por un mapa de camiños, paraxes fermosos, lugares e anécdotas dos que a autora demostrou ser unha gran coñecedora. A Fervenza do Ézaro, a Cova da Xoana, etc. nomes que crean un universo onírico que cobra vida con cada paso respectuoso que damos polo Monte Pindo.

O noso patrimonio natural e histórico, como xa temos argumentado noutras ocasións, só se pode defender desde o coñecemento da súa relevancia e importancia. O encontro con Laura Suárez cumpriu pedagoxicamente con este obxectivo fundamental do que debe ser a educación cívica. Ademais, o procedemento creativo de Laura Suárez demostra a importancia que ten escoitar e recoller as testemuñas aínda vivas da nosa memoria patrimonial oral.

Tratouse dun acto do que o alumnado valorou positivamente a proximidade coa que a autora explicou os detalles da súa obra. Finalmente, e despois dos pertinentes agasallos e sinatura de exemplares, a ilustradora, ao ser informada de que no mes de xuño imos facer un roteiro literario seguindo o seu libro cos Clubs de Lectura do IES Agra de Raíces de Cee e do IES Fin do Camiño de Fisterra, ofreceuse a acompañarnos. E abofé que aceptamos á primeira!

SEMANA DA SAÚDE

Durante a semana do 4 ao 8 de abril o alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato presentou unha serie de proxectos sobre hábitos de vida saudable a todo o alumnado da ESO, con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde, o 7 de abril. 

Os proxectos consistiron en enquisas sobre hábitos saudables, análises de tendas de alimentaciónexplicacións sobre a pirámide alimenticia, concursos sobre nutrición e alimentación saudable, investigacións os mitos e métodos de adelgazamento en Internet e a exposición e práctica de técnicas de primeiros auxilios

Foi unha experiencia enriquecedora por partida dobre: o alumnado de 1º de bacharelato converteuse en transmisor dos coñecementos a outros/as alumnos/as - de todos é sabido que esta aprendizaxe entre compañeiros é unha metodoloxía que xera resultados moi positivos para ambas as partes-. E, por outra banda, os coñecementos adquiridos polo alumnado participante posibilitará que melloren a súa saúde, un dos eixes principais do cal facemos bandeira no noso Centro. 

CONCURSO HAIKUS

Equipo de Dinamización convocou no segundo trimestre un Concurso de Haikus para o alumnado de 1º da ESOO alumnado tiña que realizar un debuxo que captase a esencia dunha paisaxe galega e escribir un haiku –poesía de tres versos curtos de 5, 7 e 5 sílabas- que reforzase os sentimentos que querían reflectir nas súas pinturas. As obras artísticas resultantes amosaron un esforzo reflexivo por parte dos e das participantes e estiveron expostos no corredor dunha das entradas do Centro durante as últimas semanas. 

Antes das vacacións o xurado xa emitiu o seu veredicto e fixo entrega dos agasallos aos tres premiados: Valeria González Blanco, Manuel Mourelle Castro Alba Regueira Bugallo.


Parabéns a todos e todas polos traballos realizados! 

PRIMEIRO POSTO NA CLASIFICACIÓN XERAL GALEGA DA IX OLIMPIADA FILOSÓFICA DE GALICIA

O alumno Lucas Rama Camino (2º BACH.A) acadou o primeiro posto na clasificación xeral galega da IX Olimpiada Filosófica de Galicia, celebrada o xoves, 7 de abril na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago e cunha disertación sobre transhumanismo (arquivo adxunto).

Con este premio accede directamente á fase nacional, na que estamos seguros de que o fará igual de ben e obterá outro gran resultado.

Para o IES Maximino Romero de Lema é unha honra e un orgullo estar representados a tan alto nivel nesta Olimpiada. Noraboa Lucas por este éxito, produto do teu esforzo, valía, forza de vontade e traballo constante.

Tamén queremos felicitar á nosa compañeira Ana Baneira, xefa do departamento de Filosofía e preparadora de Lucas, polas horas dedicadas a esta iniciativa, por trasladarlle os seus coñecementos con rigor, seriedade e cercanía e  por transmitirlle o entusiasmo pola Filosofía.

PARABÉNS, Lucas, e moita sorte no seguinte desafío: a Olimpiada Filosófica Nacional, que terá lugar o vindeiro luns 25 de abril en Santiago de Compostela.

Nee Barros fai de Identidade un piar esencial para a convivencia

O IV Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema prosegue coas súas actividades dirixidas ao alumnado. Desta volta, o instituto acolleu a presentación da obra de Nee Barros, a quen agradecemos un encontro rico e formativo, con quen rematamos a primeira quenda desta convocatoria. 

Os ventos de cambio social requiren de valentía e tamén dun axeitado respecto para coas diferenzas de sentirse e, en consecuencia, tamén de ser. O encontro con Nee Barros xirou, precisamente, ao redor dos dilemas que encerra o concepto de identidade, concepto que dá nome ao seu libro. Unha obra de teatro sobre a necesidade que ten o ser humano de se reconstruír cando sente que a súa esencia está prisioneira nun corpo ou molde que non é o seu. A normalidade do non-común refírese á ollada que se require, unha ollada de simple naturalidade, de aceptación, de respecto para podermos convivir en sociedade. 

Despois da presentación, Nee Barros comezou a súa intervención cun vídeo no aparece un neno ao que lle gusta poñer vestidos. Baixo este feito iniciou a reflexión en común animando á rapazada a dar a súa opinión sobre o contido visto, deixando claro que non hai interpretacións correctas nin incorrectas. A continuación ilustrou mediante unha presentación un percorrido de palabras ao redor do ‘trans’, unha serie de ferramentas destinadas a coñecérmonos. O alumnado puido achegarse a toda a riqueza conceptual e de termos que o mundo da identidade está construíndo ao redor de como nos sentimos nós mesmos e na nosa relación amorosa cos demais (sexo biolóxico, sexo asignado, identidade de xénero, orientación sexual, expresións de xénero, etc.). Igualmente, falou da linguaxe inclusiva e da ‘creación’ de termos coma o pronome ‘ele’. 

A continuación, centrouse en falar da súa obra Identidade escrita cando tiña 14 anos, nun momento en que o pasou mal porque foi cando decidiu saír do armario como persoa trans e non tivo a aceptación que esperaba. Sentiu soidade e foi a través da escrita teatral como deseñou unha peza de teatro co fin de se que fose un referente da realidade trans, xa que el non tivera no seu momento ningún referente. Sabía que era diferente pero non era capaz de nomealo porque non tiña as palabras. 

Nee Barros interaccionou co alumnado a través da metáfora das vendas negras que cobren os ollos dalgúns personaxes. A súa caída significa a superación de marcos estreitos a través da educación e do coñecemento. Zé, o protagonista da obra, podería ser un alter ego de Nee Barros, pois vive unha historia de valentía e loita contracorrente para construír a súa propia identidade, superando os atrancos e as incomprensións. 

A novela negra galega está dentro do máis importante da Literatura Europea

O IES Maximino Romero de Lema segue coa súa programación do IV Mes do Libro. Desta volta, mantivemos un encontro literario con Arantza Portabales que nos falou do seu novo libro A vida secreta de Úrsula Bas. 

O máis interesante para o alumnado neste tipo de encontros é comprobar que os libros que len teñen unha motivación, teñen unha arquitectura, ás veces soterrada e non destacada todo o que se debera, de esforzo e de dedicación. Por poñer un único exemplo, a Arantza Portabales levoulle case vinte meses o traballo do libro, desde o momento en que crea o manuscrito orixinal ata chegar ás correccións de imprenta. 

A creación desta novela provocou unha fusión entre a vida da protagonista, Úrsula, e ela mesma, xa que, cando lle quedaba a última páxina por escribir, tivo a covid nun momento en que nin sequera había probas -corría o 17 de marzo de 2020- e estivo máis de quince días enferma e sen se atrever a saír á rúa, tal como Úrsula estivo retida no soto dunha casa sen poder saír. 

A presentación da autora, a cargo dunha alumna e dun alumno, deu comezo a unha interesante exposición sobre aspectos relacionados coa escrita, cos personaxes e coas súas vivencias, como se instalan no mundo en que viven e como actúan coas demais persoas. A autora recoñeceu que este libro nace no final de Beleza vermella, pois non podía rematar ben e por iso optou por facer un novo libro. O encontro foi moi animado e permitiu descubrir segredos que pertencen aos interiores do proceso creativo da novela e deixou caer que é posible unha terceira entrega do labor detectivesco de Abad e Barroso. 

A autora enfatizou que escribe novela negra porque quería demostrar e deixar claro que en Galicia se fai tan boa novela negra coma noutros países europeos. 

Do mesmo xeito, Arantza Portabales destacou que as redes sociais son como a praza do pobo, onde antes sucedía toda a vida en común. Non son malas mentres fagamos un bo uso. Como na vida real amosamos o bo de nós ou o que queremos ser. 

O acto finalizou coa entrega de agasallos como agradecemento e coa sinatura de libros. 

A LIBERDADE É SEMPRE UN ACTO CONSCIENTE DE SUPERACIÓN DOS ATRANCOS

Héctor Cajaraville crea no espello de Denébola as condicións para avanzar en materia de igualdade

O IES Maximino Romero de Lema comezou con forza neste 1 de abril unha nova edición do Mes do Libro: tivo a sorte de contar coa presenza de Héctor Cajaraville, que compartiu co alumnado de 3o da ESO o proceso de creación de Denébola, a Roxa. Unha obra que converte en protagonista a unha muller marcada pola superstición de ter unha cabeleira roxa e que, a pesar dos atrancos que se lle presentan, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino.

O acto iniciouse cunha presentación do escritor a cargo da alumna Noa para dar paso á estrea dun booktrailer do libro realizado por unha alumna e un alumno do curso. Isto deu pé a que o autor falase de como con Denébola, ancorada no século XVII, quixo distanciarse no tempo para denunciar as desigualdades de xénero, das dificultades que seguen a ter hoxe moitas mulleres para viviren libres. Interesante o recurso do pasado como espello do presente, a pesar dos séculos de distancia, sen que resulte un anacronismo, o cal indica canto debemos aínda avanzar. Denébola é un exemplo a seguir xa que consegue cambiar a vida que elixira o seu pai para ela -ser monxa de clausura- e gozar dunha vida chea de aventuras e con toda a liberdade. Héctor Cajaraville insistiu na importancia que adquiriu a fase de documentación e investigación para dotar dun contexto axeitado a historia de Denébola. 

O alumnado aproveitou a ocasión para manter co escritor unha animada conversa sobre múltiples aspectos da novela. Saíu un pouco de todo: o nome da protagonista, o convento de clausura, os estereotipos sobre os piratas, a homosexualide no mundo dos piratas..... Algúns dos presentes preguntáronlle se habería unha segunda parte, tanta é a curiosidade que deixa o futuro de certos personaxes da novela. 

O acto finalizou cunha sinatura de exemplares, cunha foto en grupo e a entrega de agasallos para que lembre a súa visita ao noso centro. Unha visita que resultou agradable e moi ilustrativa, onde todos aprendemos que a literatura pode explicar moi ben o mundo e amosar o camiño por onde podemos transitar para que a realidade sexa moito máis xusta e mellor. 

IV MES DO LIBRO

Distribuir contido