FacebookSíguenos en YouTube

MATRÍCULA ESO E BACHARELATO CURSO 2022-2023

O prazo de matrícula ordinaria para o curso 2022-2023 comeza o día 29 de xuño e remata o 5 de xullo. Para evitar aglomeracións, pregamos que se respecte o seguinte calendario, en horario de 09:00 a 14:00 horas: 

  • 29 de xuño: 1º ESO 
  • 30 de xuño: 2º ESO 
  • 1 de xullo: 3º e 4º ESO 
  • 4 de xullo: 1º BACHARELATO 
  • 5 de xullo: 2º BACHARELATO 
  • 23 de xuño ao 5 de xullo: 2º FP Básica
  • 23 de xuño ao 5 de xullo: 1º e 2º Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e redes
  • 23 de xuño ao 5 de xullo: 1º Ciclo Superior modalidade Dual Desenvolvemento de Aplicacións Web

Para facer a matrícula haberá que entregar a seguinte documentación na Administración do centro: 

  • Impreso de matrícula cuberto. 
  • Fotocopia do DNI do alumno/a e do pai/nai/titor-a legal. 
  • Fotocopia da tarxeta sanitaria. 
  • Xustificante do pago do seguro escolar 1,12 € (alumnado de 1º e 2º ESO exentos). 
  • Impreso de autorizacións cuberto e asinado. 

Achéganse, como documentos anexos, os impresos de matrícula. 

Revista a Cidá 2022

Nova edición da revista do Centro. DESCARGAR

RESULTADOS ABAU (SELECTIVIDADE) XUÑO 2022

100% APROBADOS

PARABÉNS ao alumnado e ás súas familias así como a todo o profesorado do Centro.

UN ANO MÁIS, PARTICIPAMOS NA MAKER FAIRE GALICIA!

Unha edición máis participamos nas xornadas educativas da Maker Faire Galicia. Como novidade este ano, a xornada celebrouse de forma presencial na Cidade da Cultura (Santiago) o venres 3 de xuño pola maña.

Alumnado de 2º curso do ciclo de Informática de Oficina, acompañados pola profesora Marta Diz Alonso, encargáronse de montar o posto na feira e presentar o proxecto aos asistentes. Un traballo fantástico, parabéns para Marta Calero, Martín Castro, Gabriel Romero e Nerea Torrado.

Seguimos traballando en proxectos que fagan do noso centro, un espazo máis saudable. Esta edición presentamos o proxecto Coana (Condicións ambientais na aula), un sistema centralizado para o control desde unha aplicación web das condicións ambientais das aulas e os diferentes espazos nun centro educativo co obxectivo de garantir que son espazos seguros e confortables para a comunidade educativa.

O nome do proxecto é moi acertado, xa que "coana" é cada unha dás dúas aberturas posteriores dás fosas nasais que comunican coa parte superior dá farinxe… non se nos escapa nada!.

O proxecto desenvolvese dentro do Club de Ciencia, encaixa dentro das liñas de traballo do centro para potenciar as capacidades STEM do noso alumnado.

O proxecto tivo boa acollida, convidáronnos a participar na Feira de Ciencia (Open Science Cambre 2022). A nosa idea é compartilo con outros centros para que poidan construír o seu propio dispositivo COANA.

Podes ver a información do proxecto na seguinte ligazón.

Somos makers!.

Álbum: Curso 2021/2022 -> MakerFaireGalicia22

ARREDORES

O broche final á Semana Cultural púxoo Arredores, un grupo musical formado por Andrés Rodríguez, Icía Varela, Brian Rodríguez e Lucas Rama  -este último alumno do Centro-. Durante máis dunha hora o alumnado e profesorado gozaron e bailaron con cancións como Atalaia, Limiñoa, Plenilunio, Chotis, Sada..., melodías e pezas tradicionais de distintas zonas de Betanzos e Cerqueda adaptadas ás músicas contemporáneas e diversas que van dende o rock ata a bossa, pasando polo pop, entre outras; aínda que hai que sinalar que tamén escoitamos temas propios como Ortigueira, Bailando co mar ou Fibra en vea.

 

Un gran pracer poder gozar deste grupo que, a través de instrumentos como o acordeón, a guitarra, a gaita, a pandeireta ou a fermosa voz da cantante, quere pór en valor a música galega mantendo a súa esencia e raíces, pero engadindo “certos toques persoais”. Arredores é cultura e é aprendizaxe, pois representa unha parte da evolución da música e o folclore galegos.

 

Moitas grazas Arredores pola excelente actuación que pechou a XVI Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema!

UNHA LACRA SILENCIOSA: O SUICIDIO

Unha das consecuencias da pandemia que máis nos debe preocupar é o incremento dos problemas mentais e das taxas de suicidios ou intentos de suicidios que se produce na poboación durante a adolescencia.  Nós como educadores cremos que abordar este tema tal vez axude a evitar futuras traxedias. De aí a necesidade de que expertos lle falen ao alumnado deste drama que tradicionalmente se silencia por temor a un potencial efecto mimético, cando hai evidencias científicas de que ese non é o camiño: hai que previr e falar sobre o mesmo.

 

Por iso dentro da programación da Semana Cultural achegáronse ao Centro a enfermeira especialista en Saúde Mental, Sara García Garrido que traballa na Unidade de Prevención do Suicidio C. S. San José (A Coruña) e o psiquiatra Roberto Ramos Caneda da Unidade de Saúde Mental de Carballo para falar dun xeito moi dinámico do tema co alumnado de 1º de Bacharelato que se amosou moi participativo.

 

Deron as claves para detectar posibles pensamentos suicidas (“estou canso de loitar”, “grazas por terme axudado”, regalar pertenzas persoais valiosas, autolesións...). Distinguiron entre factores de risco (enfermidade mental, situación socioeconómica baixa, consumo de drogas, enfermidade física, dor ou discapacidade, sexo -ser home predispón máis a este tipo de condutas- historia de suicidio familiar...) e factores precipitantes que poden levar a esta situación (descubrimento ou non aceptación da identidade sexual, o fracaso escolar, o acoso, un desengano amoroso, separación dos pais....). 

 

Tamén trataron os factores protectores (autoestima, apoio da familia, amistades, busca de referentes positivos, participación en actividades...) e comentaron o tema das consecuencias do suicidio, da inmensa dor que provoca nos seus familiares, amigos, achegados: “este non ocorre só nunha persoa, senón que afecta de media a seis individuos” .

 

Remataron a súa maxistral charla-coloquio lembrando os teléfonos de axuda antisuicida, desde o máis recente 024 atendido por profesionais e totalmente confidencial (nin sequera queda rexistrado) ata o 717 00 37 17 da Asociación Internacional do Teléfono da Esperanza e o 900 20 20 10 (con chat) da entidade Anar de axuda a nenos e adolescentes. Todos gratuítos e activos as 24 horas do día.

 

Moitas grazas Sara e Roberto por esta magnífica e pedagóxica actividade!

A LINGUAXE DA FOTOGRAFÍA

No último día da Semana Cultural o fotógrafo e fotoperiodista, Xurxo Lobato, impartiu a conferencia A linguaxe da fotografía ao alumnado de 1º Bacharelato. Moi recoñecido tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras conta no seu haber con numerosos galardóns como o premio de fotografía Ortega e Gasset (2003), o Premio Gourmand 2007 e 2013 ou o Premio Artes Plásticas da Cultura Galega (2020) e, é coautor de máis de 60 libros de fotografía. Aprendeu dende moi pequeno a arte da fotografía e pasará á historia sobre todo por ser autor da fotografía que reproduce o afundimento do Prestige, aínda que o alumnado xa a non recoñecía. 

 

Foi explicándonos a partir de fotografías sacadas por el algunha das técnicas para obter unha boa imaxe; os atributos propios dunha imaxe: distancia, encadre, luz, enfoque...; a composición, a intención ou os numerosos significados que conteñen as fotografías.

 

Como afirmou o fotógrafo: Un fotógrafo debe ser un observador da realidade; nela está todo o que desexamos amosar, non é necesario realizar photoshop nin trampas para conseguir unha fotografía excelente.

A HISTORIA DA CULTURA DE GALICIA A TRAVÉS DOS SEUS MONUMENTOS

Outra das actividades salientables nesta Semana Cultural foi a interesante conferencia que desenvolveu Felipe Senén ante o alumnado de 2º e 3º de ESO, e 1º FPB.  O historiador destacou a  importancia da cultura galega como fonte de identidade e como fonte de recursos, e o valor de coñecer a cultura e as tradicións para crear a partir delas e contribuír ao desenvolvemento do pobo.

Fixo un maxistral repaso ás raíces culturais, artísticas e antropolóxicas do noso pobo, explicando o significado de monumentos e tradicións presentes desde sempre na nosa cultura e, que en moitas ocasión pasan desapercibidos.

Sinalou que estas manifestacións artísticas parten da pedra como elemento fundamental, presente na cultura megalítica, nos mitos e lendas -como o mito céltico, a lenda de Breogán, a lenda do Apóstolo Santiago, etc.-, na simboloxía dos petroglifos...

Subliñou a importancia de coñecer e valorar estes elementos artísticos, as tradicións e a súa simboloxía, para, a partir deles e mediante un proceso de recreación, xerar riqueza e progreso, tal e como fixo Isaac Díaz Pardo coa cerámica de Sargadelos e do Castro, tendo sempre presente o principio da igualdade entre as persoas.

Fíxonos ver que temos unha riquísima cultura e unhas valiosísimas tradicións e manifestacións artísticas que constitúen a nosa identidade, que en moitas ocasións deixamos de lado e mesmo destruímos substituíndoas por outras similares ás nosas, pero procedentes doutros pobos, doutras tradicións e raíces distintas ás nosas.

Rematou cunha mensaxe para as xeracións máis novas: “Depende do alumnado investigar, coñecer as cousas para querelas, para defendelas, e a cultura levámola posta todos os días do ano, non só uns días sinalados”.

Distribuir contido