O ALUMNADO DE 3º ESO ASISTIU A UNHA ACTUACIÓN DE JAVIER OTERO E A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

O ALUMNADO DE 3º ESO ASISTIU A UNHA ACTUACIÓN DE JAVIER OTERO E A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA NO AUDITORIO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E VISITOU A CASA MUSEO DE ROSALÍA DE CASTRO EN PADRÓN

Durante a xornada do venres, día 3 de febreiro, o alumnado de 3º ESO xunto cos profesores: Marta Cortés, Moncho Iglesias e Aitor Freán, desprazouse a Santiago de Compostela para asistir, pola mañá, no Auditorio de Galicia á actuación de Javier Otero, pianista e artista experimental, que xunto coa Real Filharmonía de Galicia presentaron o seu último traballo, Xogo de Espellos.

Trátase dunha aposta pola estética actual, con influencias da natureza e da vida cotiá, xa que son músicas electrónica e de orquestra creadas para piano. Javier Otero empregou temas dos seus anteriores discos para establecer un diálogo entre a orquestra e a música electrónica a través do piano, utilizando bases rítmicas electrónicas que xunto coa orquestra conseguiron sons moi novidosos.

Xa pola tarde, e despois de percorrer as rúas compostelás e a Praza do Obradoiro, achegáronse á Casa-Museo Rosalía de Castro en Padrón, o que lle permitiu coñecer a figura e a obra da escritora galega, que será estudada na aula con maior profundidade.

Deixámosvos algunhas fotografías da visita compostelá.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotos.

Powered by Drupal - Design by artinet