Florencio Delgado Gurriarán

florencio

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

FDG - A súa vida

Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo de Valdeorras o día 27 de agosto de 1903. Era o menor de cinco irmáns. Viviu en Córgomo ata os seis anos en que marcha a Ourense e ós dez a Palencia. Nesta última cidade estudou o bacharelato e a carreira de Dereito en Valladolid.

No ano 1928 volveu vivir a Córgomo, comezando a traballar como pasante no bufete do avogado Segudo Trincado. Da personalidade de Florencio, do seu compromiso coa súa terra, fala o feito de que se integrase plenamente cando regresou á súa aldea, e iso que levaba case toda a vida fóra. É un aspecto que salienta Ricardo Gurriarán no seu libro Florencio Delgado Gurriarán (Ediciós do Castro, Sada, 1999). Florencio participaba en tódalas actividades que se organizaban na aldea (de moitas delas era el o organizador). Gustáballe a música e posuía unha voz que destacaba en tódalas festas e esmorgas que facían os mozos de Córgomo, e iso que este lugar sempre gozou dunha merecida fama de bos cantantes.

O compromiso e apego á súa terra levouno a vincularse ás Irmandades da Fala, ó Partido Galeguista e ó Partido Nacionalista Republicano de Ourense. Coa Guerra Civil tivo que exiliarse en México en 1939, tras pasar antes por Portugal e Francia.

En México derixe as revistas "Saudade" e "Vieiros"(1959).

Volveu a Galicia en 1968, 1976 e en 1981(para ser pregoeiro das festas do Cristo, tomar posesión como Membro de Mérito do IEV). Estas visitas nunca foron definitivas xa que sempre terminaba regresando a México.

O día 14 de maio de 1987, cando tiña 84 anos, morría en California. As súas cinzas foron trasladadas ó seu Córgomo natal.

FDG - A súa obra

Florencio M. Delgado Gurriarán é autor das seguintes obras de poesía:

Bebedeira (1934).

Poesía inglesa e francesa vertida ó galego (1949), xunto con  Plácido R. Castro e Lois Tobío.

Galicia infinda (1963).

Cantarenas (1981).

O soño do Guieiro (1963).

FDG - Caracterización da súa obra poética

Polo seu primeiro libro, Bebedeira (1934), a crítica sitúa a Delgado Gurriarán dentro das vangardas e máis concretamente na liña hilozísta do pontevedrés Luís Amado Carballo. A paisaxe de Valdeorras (as vidras, as serras, o río Sil, os bidueiros, os castiñeiros...) aparece animada, personificada, con vida propia.

Para Miro Villar ("O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán", revista " Raigame", nº 23, Ourense, maio de 2006), a obra de Delgado Gurriarán conforma un macrotexto poético propio onde habería unha complexa armazón de relacións entre os poemas. Segundo Miro Villar, Galicia infinda (1963), é a súa obra máis interesante porque podemos atopar nela tódalas tendencias formais e estéticas empregadas por Florencio.

Dentro da poesía social queremos salienta-los poemas onde aparece o compromiso de Delgado Gurriarán coa lingua galega. Defende o seu uso sen complexos, tamén na toponimia.

Ademais de hábil versificador, temos que destacar asemade a enorme riqueza léxica que contén a súa obra.

FDG - Bibliografía

GURRIARÁN, Ricardo. Florencio Delgado Gurriarán, Ediciós do Castro, Sada, 1999.

VILLAR, Miro. "O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán", revista " Raigame", nº 23, Ourense, maio de 2006.

GAYOSO DÍAZ, Xosé. "Prólogo" de Cantarenas de Florencio Delgado Gurriarán, Ediciós do Castro, Sada 1981.

CARBALLO CALERO, Ricardo. Historia da literatura galega contemporánea, Editorial Galaxia, Vigo, 1981.