2008-09, Extraescolares e complementarias, Propostas por niveis

CONCERTO DE NADAL

O día 18 de decembro celebrouse no Salón de Actos un pequeno concerto de Nadal. Os alumnos de 3º da ESO, dirixidos pola profesora Elena Moure e co profesor Xulio Abal na percusión, interpretaron unha selección de coñecidas panxoliñas.

VISITA Á CASA DAS ARTES

O alumnado de 1º de Arte realizou unha visita o 26 denovembro á Casa das Artes de Vigo con motivo da exposición de FERNANDO BOTERO "ABU-GHRAIB - O CIRCO": cadros e debuxos arredor das imaxes desta prisión iraquiana cos que Botero fai  unha declaración explícita de repulsa diante da crueldade e violación da humanidade.  Contrasta as imaxes sobre o circo onde as cores vivas e a tranquilidade permítennos manter a esperanza.

Podes ler a reseña escrita por Jairo Rodríguez Portela.

ADOLESCENCIA E TI

Obradoiro-presentación dun proxecto educativo centrado nos cambios físicos e emocionais dirixido ao alumnado de 2º da ESO: reflexionan sobre os mencionados cambios fomentando ao mesmo tempo a autoestima e o coñecemento do funcionamento do corpo, así como sobre a hixiene corporal, unha alimentación sá, etc.

AS MULLERES NA HISTORIA

Exposición dun traballo feito polo colectivo 8 DE MAIO do IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela. Está centrada en mulleres que loitaron ou loitan desde moi diversos ámbetos por construír unha sociedade máis xusta en igualdade e liberdade. Mediante unha unidade didáctica o alumnado fai un percorrido pola Historia Contemporánea a través da traxectoria de máis de 50 mulleres.

OBRADOIRO DE VIOLENCIA NOS VÍNCULOS AMOROSOS

Neste obradoiro durante tres sesións perrcórrese un camiño desde o vínculo amoroso san a situacións enfermas con posibilidades dunha saída negativa a través da violencia ou positiva e reparadora a través de axudas e apoios.

VISITA AOS IES A GRANXA E MANUEL ANTONIO

Desde o Departamento de Orientación organízanse saídas co fin de coñecer as posibilidades que ten o alumnado ao finalizar a ESO. O 20 de novembro o alumnado de 3º visitou os IES A Granxa de Ponteareas e Manuel Antonio de Vigo. No dous casos se nos amosou o centro e as súas ofertas educativas para pasar despois a visitar as instalacións. A visita no Manuel Antonio rematou no Ciclo de Hostalaría onde no seu restaurante se nos agasallou  cunha "gran comida" preparada e servida polo alumnado do mencionado ciclo.

CHARLA-COLOQUIO CICLISMO

O 19 de novembro recibimos a visita de dous célebres ciclistas galegos do equipo Xacobeo-Galicia, Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso. No salón de actos diante de numeroso público achegáronnos as súas vivenzas no mundo do ciclismo, respostando puntualmente aquelas custións que se lle fixeron chegar. Aproveitamos a ocasión para felicitar polo seu cumpreanos a Ezequiel Mosquera.

COMPETICIÓNS DEPORTIVAS NOS RECREOS

Nos recreos dos luns, martes e mércores estanse a celebrar competicións deportivas no pavillón: no campionato de futbol sala participan 8 equipos cun total de 53 alumnos/as; no de balonmán compiten tres equipos formados por 36 alumnos, indo en cabeza "Os luceros".

MAGOSTO

Un ano máis celebramos o Magosto. O luns 10 de novembro, a partir das 13,00 h. profesorado e persoal da conserxería asaron castañas mentres o alumnado, ademais de comelas, participaba en diversas actividades preparadas e dirixidas polos alumnos/as do Ciclo Formativo: carreiras con sacos, tiro da corda, o tesouro na fariña, brilé entre profesores/as e alumnos/as, etc.

VISITA A SANTIAGO

O 14 de novembro os alumnos/as de 3º e 4º da ESO desprazáronse a Santiago para realizar varias actividades: todos visitaron a exposición "De como aprender a contar e aparellos empregados" na Facultade de Matemáticas; en Galicia Dixital viviron unha experiencia onde se mesturan o coñecemento e a diversión. Os/as de 3º no Museo das Peregrinacións observaron o feito das mesmas e as súas consecuencias mentres o alumnado de 4º estudaban o Parlamento Galego o funcionamento esta institución.

Distribuir contido