xadrez

Categoría para as actividades de xadrez do centro

Xornada de xadrez

O martes 24 de maio, en horario de tarde, celebrarase na biblioteca unha xornada de xadrez  coa participación de  alumn@s que durante todo o curso académico asistiron a esta actividade. A xornada está organizada pola Federación Galega de Xadrez.

Fase final do 2º campionato de xadrez MGB 2011

Da comezo a fase final do 2º campionato de xadrez MGB 2011, cos seguintes emparellamentos:


2º Campionato de xadrez no MGB

PB305450.JPG
Logo de dous meses de ensaios, nos que algúns alumnos e alumnas se iniciaron neste xogo ou perfeccionaron as súas habilidades, desenvolverase nos vindeiros meses o 2º campionato de xadrez do MGB. Subliñar a alta participación nesta nova edición, cun aumento significativo dos participantes, que pasan de dous grupos a seis e abranguen os catro cursos da ESO.

Manuel Brea, gañador do campionato de xadrez

xadrez 4.jpg

Manuel Brea, alumno de 1º de ESO A foi o gañador do campionato de xadrez do MGB, cuxa final se desenvolveu o venres 28 de maio. Como xa se ten dito, a final foi moi disputada e até o último momento ningún dos contendentes dispoñía dunha vantaxe clara.

Neste enfrontamento o nivel de xogo tanto do campión como do outro finalista, Sergio Pampín (2º ESO A), foi en xeral alto, e se ben nalgún momento a precipitación ten tido algunha presenza, cómpre salientar a capacidade dos contendentes de elaborar estratexias para intentar sorprender o rival.

O derradeiro enfrontamento foi breve, trepidante, e unha xogada das brancas de Manuel Brea, pola cal o xaque-mate non admitiu calquera tipo de contestación por parte das fichas contrarias, foi o elemento definitivo dunha final que será lembrada pola intelixencia e habilidade con que foi disputada polas dúas partes.

Desenvolvemento da terceira parte da final de xadrez

xadrez 3.jpg

Ao longo dos recreos do martes 25 de maio desenvolveuse a terceira parte da final de xadrez, que ficou inconclusa á espera dun desenlace o próximo venres 28.

Constatamos neste enfrontamento un máis que destacábel nivel de xogo por parte dos dous contendentes (Sergio Pampín, con negras, e Manuel Brea, con brancas), que se están a empregar a fondo para facerse cunha vitoria que significa a consecución do título do campionato. Así, puidemos observar como o xogo se move entre o conservadorismo dalgunhas xogadas e o ataque meditado doutras, que dan como resultado un enfrontamento certamente tenso, con avances resolutivos sobre todo por parte das fichas negras, que non deixan de lado a posibilidade dun repregamento en xeral ben pensado.

En resumo, unha partida chea de interese e expectación, cuxo estado actual podemos apreciar coa vista da fotografía adxunta, precedente claro das próximas xogadas que han de dar un gañador definitivo.

Primeira parte da final de xadrez

XADREZ 1.jpg

O pasado 18 de maio ao longo dos dous recreos celebrouse o primeiro dos encontros da final de xadrez do MGB. Resultou ser unha partida emocionante, en que xogaron un papel importante os nervios e certa precipitación por parte dos finalistas (Sergio Pampín, de 2ºA e Manuel Brea, de 1ºA), que, non obstante, fixeron o posíbel por defender a situación e atacar o adversario. Manuel Pampín, coas negras, protagonizou unha das primeiras xogadas importantes, nun duelo entre torres; así mesmo, non demoraron moito as negras en declararen xaque con cabalo, deixando as brancas de cada vez máis desarmadas, con poucas posibilidades de defensa e moito menos dun eventual ataque. Deste xeito, o desenlace da partida non se fixo esperar, e despois dun segundo xaque por parte de cabalo de negras, o xaque-mate chegou a través dunha xogada ben traballada en que as brancas non tiveron outra posibilidade que a de se declararen derrotadas

A segunda parte da final desenvolverase o venres 21 de maio ao longo do primeiro recreo no lugar de costume. Cremos que nas dúas últimas partidas verase acrecentado o xa de por si grande interese do primeiro duelo, á espera dun resultado definitivo.

Final do campionato de xadrez

O martes 18 de maio celebrarase no noso instituto a final de xadrez ao longo do primeiro recreo. Neste certame enfrontaranse Sergio Pampín, de 2º da ESO A, e Manuel Brea, de 1º da ESO A. Esta final, moi agardada polos afeccionados a este deporte, será relatada co maior detalle desde estas liñas, incidindo naquelas xogadas que ofrezan máis interese e emoción.

Distribuir contido