Visita ao aeródromo de Rozas

O pasado xoves 13 de febreiro un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO realizou unha visita ao aeródromo de Rozas (Castro de Rei - Lugo), actividade pertencente ao programa denominado "Enxeñando Futuro", financiado pola Consellería de Educación e coordinado polo Departamento de Tecnoloxía do noso centro. Durante esta interesante xornada o alumnado participante puido aprender cales foron as orixes e o desenvolvemento da enxeñería aeronáutica ata actualidade, centrándose na segunda parte da mañá no coñecemento sobre a tecnoloxía actual dos vehículos non tripulados, sobre os cales o aeródromo de Rozas é un centro sobranceiro a nivel estatal. Tamén puideron visitar a espectacular torre de control de dito aeródromo e os hangares de montaxe e certificación de vehículos aéreos non tripulados, ademais de asistir ao despegue e aterraxe dun dos vehículos aéreos cos que o centro está a traballar na actualidade.

Dende aquí o noso agradecemento ao persoal do aeródromo por ternos ofrecido tan boa acollida ademais de facernos disfrutar dunha xornada tan interesante e motivadora.

Non esquezades botarlle unha ollada á galería fotográfica da visita.