Ciencias

Visita a Lousame e minas de San Finx

O pasado venres 18 de outubro o alumnado de 4ºESO das materias de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química visitou o complexo medioambiental Serrra do Barbanza e as minas de San Finx.

Así puideron coñecer o impacto da problemática dos residuos, e atender á importancia da recollida selectiva dos mesmos e da práctida dos 3R (especialmente de REDUCIR, o primeiro R no que debemos traballar). Tamén reflexionaron sobre un novo R no que cómpre facer cada vez máis fincapé: REPENSAR os nosos hábitos de consumo, estreitamente relacionados cos residuos xerados.

En San Finx os rapaces/as adentráronse no centro de interpretación das minas de estaño e wolframio, onde lles relataron a historia do lugar, con anécdotas da época de máxima explotación destes minerais.

Os amantes da natureza gozaron tamén dos arredores, incluso puideron ver unha especie de musgo bioluminiscente, Schistostega pennata.

Premendo aquí podes ver máis fotos desta visita.

Noites astronómicas!

 

O pasado martes 8 de outubro por fin deixou de chover! Semellaba que non, pero finalmente puidemos levar a cabo a observación astronómica que tiñamos organizada. A xornada comezou cun entretido kahoot sobre a temática, tralo cal demos paso a unha interesante charla impartida por José Ramón González Romay, membro do observatorio Ramón María Aller da USC. Deseguido, comezou a actividade tan esperada pola rapazada de 1ºESO: a observación de Xúpiter, Saturno, a Lúa e outros astros, como os satélites Ío, Europa, Ganímedes e Calisto, ou unha estrela dobre. Rapazada (tamén algún alumno/a da materia de Xeoloxía de 2º Bacharelato), profesorado e persoal non docente observamos, consultamos dúbidas, aprendimos e gozamos dunha observación astronómica nunha noite sorprendentemente despexada.

Agradecemos ao programa TODOCOSMOS poder contar co seu importante labor divulgativo da Ciencia nos centros educativos de Galicia.

Parabéns tamén ás alumnas de 1ºB Candela Medina e Noelia Negreira por seren as gañadoras do kahoot. Como agasallo, un planisferio, como non podía ser doutra maneira.

Preme aquí para ver máis fotos da xornada.

 

 

Distribuir contido