try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
IES Lucus Augusti

Dislexia

DislexiaO trastorno disléxico é un dos faros que iluminan a insensatez do sistema educativo, unha "patoloxía" de etioloxía incerta que pode implicar unha multitude de procesos e microprocesos neurocognitivos complexos. Uns son específicos da propia habilidade lectora: perceptivos, de procesamento subléxico e de acceso ao léxico. Outros son máis xerais: madurativos, cognitivos e de acceso ao significado. En calquera dos casos parecen estar asociados a un modelo de procesamento que confronta coa pretendida homoxeneidade na adquisición da lectura que se atopa instalada no sistema de ensinanza. Cando se detecta un trastorno lector asóciase con dificultades ao inicio da aprendizaxe da lectura e da escritura, sen causa aparente que as xustifique, pois o/a alumno/a conta cunha instrución convencional, unha intelixencia axeitada, oportunidades socio-culturais e ausencia de alteracións orgánico-sensoriais. Pese a estas evidencias existe unha resistencia a aceptar a diversidade de xeito que a maior parte do alumnado que "sofre" esta "disfunción" vese condenado ao fracaso escolar, xa que a lectura é a ferramenta indiscutible para adquisición de coñecemento. Unha aberración excluínte que rexeita as posibilidades de progreso no proceso de ensinanza-aprendizaxe de persoas dunha capacidade intelectual incuestionable, e que as condena a padecer os efectos colaterais asociados ao sentimento de fracaso, baixa autoestima, ansiedade, etc. 
As solucións pasan por afrontar este déficit con alternativas de atención educativa que empreguen outras metodoloxías: prolongación de tempos, utlización de canles de comunicación alternativos que faciliten o acceso á información, etc.
Hoxe atopei un texto (non sei se é un fake) dunha nena de 10 anos diagnosticada con "trastorno disléxico" que induce á reflexión: Se cadra o noso indiscutible sistema de procesar é unha "patoloxía" que nos impide entender a riqueza que se agocha detrás da realidade.
“Son estúpida
Naide diría nunca que
Teño talento para as palabras
Supónse que vou a ser grande
Eso é un erro
Son un fallo
Naide poderá convencerme para que pense que
Podo lograr algo na vida"

Agora leedeo de abaixo cara arriba.