Escrito aprobado no Consello Escolar contra a LOMCE

O Consello Escolar do IES Antón Losada Diéguez manifesta o seu rexeitamento ao proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) polas seguintes razóns:

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

A LOMCE facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización na nosa Lingua. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis o noso idioma. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O proxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión. No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

É un proxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4º de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condena, prematuramente, ao alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral.

A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade.

Este proxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio.

A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer o emprego.

Por todo isto, pedimos a retirada do proxecto de lei e o inicio dun período de diálogo coa comunidade educativa e con todas as forzas sociais e políticas que permita sentar as bases dun modelo educativo por consenso e sostible.

IV ENCONTRO MUSICAL CURSO 2012-13

O alumnado de 4º de ESO (Grupos B e D) participa o 15 de maio en Marín no terceiro e derradeiro concerto do IV ENCONTRO MUSICAL entre o IES “Mestre Landín” (Marín) e o noso centro, o IES “Antón Losada Diéguez”. Colaboramos ademais no festival realizado pola tarde con motivo do Día das Letras, xa que fomos convidados á entrega de orlas do alumnado de 4º de ESO co que se facía o encontro. Aquí tedes un video coas nosas tres cancións, ás que se lle engade a primeira que aparece no video:“Swing low, sweet chariot” que realizamos “a capella” co alumnado dos dous centros.

Parabéns polo traballo realizado!!!

DEPARTAMENTO DE MÚSICA

Así foi a presentación de Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema

O mércores 22 de maio, presentouse a novela Costa do Solpor no MOME da Estrada, un acto organizado pola Biblioteca e o Equipo de Normalización do noso IES. Foi a nosa primeira presentación, da que estamos especialmente orgullosos polo que supuxo Lema como profesor para o noso Centro durante tantos anos, e pola súa valía como investigador e xornalista (e agora tamén como narrador). O seu traballo é un exemplo de compromiso co ensino público (tan ameazado a día de hoxe coa escandalosa Lei Wert) e co patrimonio cultural e etnográfico da nosa terra.

Reproducimos abaixo as palabras do propio Lema sobre o acto no seu blog, onde fai unha mención moi emotiva a unha lectora moi especial, Filomena Fraga, que nos deixou a todos admirados coa súa ansia de aprender, coa súa vitalidade e coa súa perspicacia como lectora desta extraordinaria novela de aventuras, amor e amizade, impregnada da enorme erudición do autor, o que a fai imprescindible para o coñecemento da vida cotiá da costa do solpor galega no século XVIII.

Copiamos tamén o comentario de Aroa Martínez, editora de diario dixital catrogatos.com, onde podedes ver máis fotos do evento.

PRESENTACIÓN NA ESTRADA DE COSTA DO SOLPOR O 22-5-2013  COA PRESENZA DUNHA ESPECTADORA MOI ESPECIAL: FILOMENA FRAGA.

Na mesa aparecen comigo Heladio Fernández Manso (que introduciu o acto, profesor de Xeografía e Historia do IES Antón Losada Diéguez e responsable da Biblioteca do centro), David Otero (profesor do IES nº 1 e escritor) e Xoán Carlos Garrido (profesor de filosofía de E.S. e tamén historiador). Na organización do acto no MOME (Museo da Madeira e do Moble da Estrada) cómpre agradecer as xestións de Xosé Magariños (ex alumno, ex compañeiro no IES e concelleiro do BNG na Estrada).
Entre os asistentes atopábanse ex compañeiros meus -profesores e persoal non docente- do IES Antón Losada Diéguez, membros da Coral Polifónica Estradense e ex alumnos/as. A todos/as moi agradecido, pero permítaseme que hoxe fale dunha espectadora moi especial, pois desprazouse especialmente para o acto desde a beira do Tambre, nos confíns do concello de Ames (a uns 25 ou 30 km de distancia).
Presenza de Filomena Fraga, unha lectora moi especial
Podedes vela na primeira foto de Aroa na primeira fileira cunha reprodución do mapa da Costa do Solpor na man: trátase de Filomena Fraga, de 87 anos, muller labrega veciña de San Lourenzo de Agrón (Ames), onde ten a súa factoría a empresa leiteira FEIRACO (que dito sexa de paso, unha das poucas que fai a publicidade en galego, motivo máis que sobrado para mercala sempre).
Segundo se conta nalgunha biografía súa, Filomena naceu nesta parroquia amiense en 1926 e foi á escola xusto para aprender a ler e a escribir, dedicando logo a súa vida á súa familia e ós labores de ama de casa e do agro. Pero Filomena era unha muller inqueda, que non se contentaba co papel pasivo da muller tradicional do seu tempo. Preocupada polo futuro dos seus fillos, cando se creou nos primeiros anos da transición un Colexio Rural en Negreira, ela participou activamente na súa xestión, Alí coñeceu un escritor noviño que en pouco tempo ía gozar de enorme éxito pola calidade das súas novelas, Suso de Toro, que foi quen lle prologou un libriño de contos e poesías publicado en 1995 co título A Cancela, rapidamente esgotado na súa 1ª edición; tanto foi así que o Concello de Ames promoveu, en 2006, unha segunda. As dúas presentacións foran multitudinarias, dada a popularidade de Filomena.
Tanto por ese libriño como polas súas opinións claras e contundentes, inconformistas, a labrega de Agrón axiña foi chamada por moitos medios de comunicación para falar en programas e tertulias sobre todo dos problemas das mulleres, das de antes e das de agora. Quizais estrañaba a visión progresista e inconformista dunha muller maior sen estudos superiores. Deste xeito, participou en varios programas de TVG como Doa a doa e foi unha das principais protagonistas do documental Señora de (2010), de Patricia Ferreira, centrado nas relacións de parella entre homes e mulleres dos anos cincuenta e sesenta (e setenta) do século pasado, sobre todo da situación subordinada da muller impulsada polo franquismo, como suxeito pasivo na súa relación co home.
En case todas as presentacións que levo feito da novela citei a Filomena, unha lectora moi especial para min, que, fronte a aqueles ós que lles asusta un relato de 630 páxinas, ela despachouno en pouco máis de un mes. Ó remate da presentación, houbo algunhas intervencións desde o público, e logo pediu ela o micrófono para expresar a súa opinión sobre a novela: entre outras cousas dixo a ela nunca lle atraera o mundo do mar e moito menos as historias de piratas, pois era de terra adentro e non coñecía eses ambientes, pero cando o seu xenro Andrés Lobato lle regalara o libro, puxérase a ler e na non se detera ata rematalo, pois, entre outras cousas, atopara un galego moi fluído, comprensible e enxebre, con palabras e frases que tiña esquecidas (nalgún caso desde había máis de cincuenta anos, quizais) e que agora estaba recuperando. Agora estaba coa segunda lectura, e cun caderniño ó lado para ir anotando esas palabras e frases medio esquecidas que tanto lle chamaran a atención. Entre outros citou o dito “quitar a cobra do burato coa man allea” querendo referirse ó que eu introducira no Epílogo; sen se decatar, ela mesma introduciu unha nova frase feita, pois a miña non era exactamente esa, senón outra equivalente: “quitar a cobra da parede coas mans doutros” (p. 630). Nin que dicir ten que me parece aínda máis expresiva a súa, e, se hai unha 2ª edición da novela, cambiareina en homenaxe a ela.
Filomena fixo a lectura que non puideron facer nin miña nai nin meu pai; quizais eles puxeron na súa boca as súas opinións, desde onde queira que estean (aínda que estou seguro de que tanto un coma o outro ían ser bastante máis críticos).
Sen dúbida, Filomena foi a estrela da presentación da Estrada: se os directores dalgúns xornais lles desen ás presentación de libros (e ós actos culturais en xeral) a importancia que merecen, seguro que a súa intervención no acto sería o titular da noticia.
Agradézolle a esta entrañable amiga as súas agarimosas palabras (en boa parte esaxeradas, pola amizade que nos une) e, sobre todo, o esforzo que fixo en vir a esta presentación da Estrada, mesmo cando se está a piques cumprir o ano do falecemento da súa filla Marga, que a encheu de tristura (que nos encheu de tristura). Lembraremos a Marga Lesta Fraga mañá sábado 25 de maio na igrexa de Catoira cunha misa en galego. Alí estaremos acompañando a Andrés, Filomena e ós seus fillos Brais e Andrea.

Onte ás 21,00 h. da noite o MOME acollía a presentación do libro Costa do solpor.

Lema é un historiador e etnógrafo galego, nado en Bamiro, Vimianzo.
O protagonista do acto, o libro, unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…– e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. Unha novela ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes das angueiras da vida cotiá daqueles anos.
Costa do Solpor comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ao punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ao encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa. Costa do Solpor foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.
No acto estiveron tamén presentes o escritor e mestre David Otero e Xoan Carlos Garrido, mestre de filosofía e historiador galego.

Redacción e fotografía: Aroa Martínez

A Aula De Teatro Do IES Antón Losada participa nunha viaxe cultural e didáctica por Portugal, Estremadura, Madrid e Castela– Leó

A fin de semana pasada o alumnado do a Aula de Teatro do IES Antón Losada, ‘Avelaíñas Teatro’, viaxou a Portugal, Estremadura, Castela – León e Madrid co alumnado da Escola Municipal de Teatro de Laxe, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Aula de Teatro do C.P.I. de Touro.

Comezaron a viaxe o mércores, 15 de maio, cunha función do espectáculo FICCIÓNS no Auditorio da Universidade de Tras Os Montes (UTAD) para a comunidade universitaria portuguesa. A continuación alumnado da diplomatura de Turismo guiou aos actores e ás actrices pola cidade de Chaves: castelo, termas, ponte romana, paseo do río Támega, Forte de Sao Neutel, Forte de San Francisco, etc.

Ese mesmo día viaxaron ata a Idanha-a-Nova convidados polo grupo local “Ajidanha” e presentaron ese mesmo espectáculo para o público desta localidade.

O xoves, 16 de maio, presentaron de novo esta obra Ficcións no Audiorio do Centro Cultural Raiano para alumnado de varios centros de ensino de Educación Primaria de Idanha-a-Nova. A tarde dese día viaxaron a Idanha-a-Velha, onde un técnico de turismo local lles presentou o pelourinho, a calzada romana, a muralla romana, a igrexa visigoda, o museo do aceite, etc. Nesta localidade presentaron un roteiro teatral nos lugares máis emblemáticos da vila. Seguidamente visitaron en Monsanto a Torre do reloxo, o Castelo, a igrexa matriz; descubriron as peculiaridades das rúas desta vila premiada polo seu respecto cara o patrimonio e considerada a vila máis portuguesa de Portugal. Despois visitaron en Penha Garcia o pelourinho, o Castelo, a igrexa principal e o Museo paleontolóxico.

O venres, 17 de maio, percorreron a cidade de Mérida: a Alcazaba, o acueducto dos Milagres e o de San Lázaro, o Anfiteatro, a ponte romana, o Mirador sobre o río Guadiana, e presentaron o espectáculo ONIROMANCIA no Teatro Romano desta cidade ás 13:00 horas. No Colexio Atenea de Mérida compartiron experiencias teatrais co alumnado da Aula de Teatro deste centro educativo e asistiron a un ensaio da obra Os xemelgos, de Plauto, dirixida polo actor profesional Esteban García Ballesteros.

Ás 21:00 horas asistiron ao espectáculo CENIZAS, que presentou o grupo IRÓNICO TEATRO no XXIII Certamen Nacional de Teatro Aficionado de la Villa de Navalmoral de la Mata. Ao remate deste espectáculo compartiron experiencias cos actores, actrices, equipo técnico e director deste grupo.

O sábado, 18 de maio, realizaron unha visita ao Museo Reina Sofía de Madrid, desfrutaron do parque de atraccións da Casa de Campo en Madrid e presentaron o seu espectáculo ONIROMANCIA na gala de entrega de premios do XXIII Certamen de Teatro Aficionado de la Villa de Navalmoral de la Mata.

O domingo, 19 de maio, percorreron as rúas do centro de Plasencia, a Praza Maior, a catedral, os arcos de San Antón, igrexa de San Nicolás, e murallas. En Zamora desfrutaron da beleza da catedral, do Castelo, das murallas romanas, das vistas do río Douro, Praza Maior, Teatro Principal…

Nestas tres montaxes os actores e actrices destas catro Aulas de Teatro accionaron a panca da metaficción e traslaron ao espectador/-a  a un heteroxéneo universo literario que bebe da obra de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Joaquim Murale, Castelao, Núñez Singala, Rosalía de Castro, Albert Camus, Osvaldo Dragún, Shakespeare, etc.

Experimentaron a concepción do teatro visto como xogo, reivindicaron un teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía, como fonte de coñecementos e como instrumento que permite coñecer realidades desde diferentes perspectivas.

 

Máis fotos da viaxe:
https://www.dropbox.com/l/VOesUb3sz83U8QrvpUgxzb

Presentación de Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema

O próximo mércores, 22 de maio, ás 21 horas, o noso compañeiro durante tantos anos, Xosé María Lema, presentará no MOME da Estrada, a súa primeira novela, Costa do Solpor.

A presentación do libro, organizada pola Biblioteca e o Equipo de Normalización do IES Antón Losada, contará coa participación do propio autor, do director da Editorial Xerais, Manuel Bragado, e dos escritores locais Xoán Carlos Garrido e David Otero.

Máis información sobre a novela: http://costadosolpor.blogspot.com.es/

Avelaíñas teatro de xira por Portugal

No próximo dia 15 de Maio, quarta-feira, pelas 11:00, no Auditório do Pólo da UTAD em Chaves, terá lugar a encenação da peça de teatro titulada “Fervenza Onírica”, que será realizada por estudantes das escolas secundárias de Touro, A Estrada, Laxe e Palas de Rei (Galiza), baixo a direção do Professor Afonso Garcia Penas, da direção da Associação Galega de Teatro Amador. A peça põe de releve as culturas e viagem e a importância da animação sociocultural nos processos de transformação social. Será esta uma atividade de intercâmbio sociocultural com os estudantes e docentes do pólo da UTAD em Chaves.

Xerardo Pereiro
UTAD-Pólo de Chaves


II Encontro de alumnado de Música de Secundaria e Bacharelato

O pasado 26 de abril de 2013 asistimos ao II Encontro de alumnado de Música de Secundaria e Bacharelato. Celebrouse no Auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa coa presencia de 15 centros de toda Galicia. A temática común a todos os participantes foi “A música galega” e os nosos temas foron:

1- “O son do ar”: obra composta en 1988 por Bieito Romero e popularizada polo recoñecido grupo de música folk “Luar na Lubre”.

2- “Campanas de Bastavales”: un poema de Rosalía de Castro, pertencente ao seu libro “Cantares Gallegos”, e do que celebramos o 150 aniversario da súa publicación. Esta peza foi popularizada por Amancio Prada e nós fixemos unha adaptación propia para voces, cun pequeno recitado ao inicio e acompañamento instrumental de placa e pequena percusión.

Parabéns a todo o alumnado de Música de 4º que colaborou na preparación do concerto tanto nas horas de clase coma nuns cantos recreos que precisamos para matizar as nosas interpretacións.

Os pequenos fallos que atopedes non molestan porque a nosa música está feita dende o corazón, así que esperamos que disfrutedes escoitando as obras tanto coma nós interpretándoas.

Moitas grazas por participar!!!

Déixovos os enlaces onde se menciona algo sobre o evento e mesmo unha galería fotográfica... Botádelle un ollo ;-)

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2013/04/27/vilagarcia-alza-epicentro-musica-gallega/799366.html

http://www.lavozdegalicia.es/album/arousa/2013/04/26/concierto-imagenes/01101366980021172490888.htm

http://www.lavozdegalicia.es/video/arousa/2013/04/26/musica-tradicional-llena-auditorio/00311366979710235683967.htm

Departamento de Música