Telmo Leira Loureiro e Celia Astorga Herraiz que remataron con brillantez o bacharelato neste curso foron escollidos pola Universidade de Santiago como “Mellor alumnado de bacharelato dos centros de ensino de Galicia”
A Universidade de Santiago, dentro do seu programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC” (http://www.usc.gal/aponte) organiza un Acto de recoñecemento ao mellor alumnado de bacharelato de Centros de Ensino de Galicia. Aqueles estudades, que acadan unha nota de acceso á Universidade de 9, unha vez realizada a ABAU, son convidados por esta institución a un acto de recoñecemento dos mellores expedientes.
Nesta ocasión, as circunstancias non permiten que sexa un acto multitudinario presencial pero iso non vai impedir que se realice un acto conxunto, que terá lugar o xoves, día 23 de xullo, ás 17:00 horas no Salón Nobre de Fonseca da USC.
O acto estará presidido polo reitor da USC e contará coa presenza do alcalde de Santiago e da alcaldesa de Lugo, acompañados por unha representación do Equipo Reitoral e dos Decanos e Directores. Tamén estarán presentes un grupo de 20 estudantes acompañados dos seus pais e será retransmitido en streaming a través da canle Youtube da USC.
(https://www.youtube.com/user/UniversidadeUSC/live)
O resto do alumnado recoñecido, entre os que están Telmo e Celia, será felicitado nominalmente acompañado cunha proxección das fotografías de cada un deles en dito acto.
Parabéns para os dous e para todo o alumnado do Losada que superou as probas ABAU nesta convocatoria.