Aínda que o Día da Biblioteca é o 24, este ano trasladamos a celebración ao 25, xa que coincide coa folga convocada por toda a comunidade educativa contra a LOMCE, unha lei que dirixe a educación no sentido contrario ao que debe de ser unha Biblioteca escolar, digna de tal nome. Nós queremos unha educación crítica, de calidade, que garanta a igualdade de oportunidades, que forme cidadáns responsables que contribúan a mellorar a sociedade na que viven, e na que o auténtico obxectivo sexa o benestar de todas/os e cada un/unha dos alumnos e alumnas.
Para ese día temos previstas as seguintes actividades:
- Xornada de portas abertas para as familias. Durante a mañá do venres recibiremos ás nais e pais do alumnado, ensinándolles a Biblioteca e animándoos a facer uso dos seus fondos.
- Distribuiremos entre as persoas que nos visiten e o alumnado en xeral unha breve Guía de Uso da Biblioteca, onde se lle explicará como se organiza a biblioteca, como consultar o catálogo e como solicitar un documento.
- Faremos visitas guiadas para o alumnado de 1º da ESO, onde se lles explicarán as normas básicas de funcionamento e se realizará algún exercicio. Tamén coñecerán e practicarán co programa de auto-empréstito do MEIGA.
- Penduraremos na Biblioteca uns pósters con imaxes de África. O proxecto anual da Biblioteca xira arredor do tema: ‘África diversa’.
- No expositor do corredor colocaremos libros, cómics, revistas e materiais audiovisuais que amosen que é posible ‘Ler ciencia na Biblioteca’.
- Nos recreos desenvolveremos unha lectura continúa, gravada en vídeo, sobre a flora e a fauna africana.
- Tamén nos recreos, o alumnado que o desexe participará na creación dun mural baixo o título ‘África é…’. Nun folio cada alumno escribirá ou debuxará o concepto que para el mellor define ao continente. Ao rematar, pegaranse os folios na parede exterior da biblioteca.
- Ao longo da mañá a biblioteca ambientarase con música africana e proxección de imaxes de animais de África.
O alumnado que participe na lectura gravada e na realización do mural recibirá como agasallo un vale para tomar algo ‘na de Pili’.