Ven ó IES Lois Peña Novo

Estamos de volta! Non perdas a oprtunidade de rematar, ampliar ou completar os teus estudos.

Ven ó IES Lois Peña Novo!

Liberadas as prazas de ciclos formativos. Matricúlate!

Inda estás a tempo de matricularte para completar ou ampliar o teu currículo e perfil laboral. Ven ó IES Lois Peña Novo, inda temos prazas en tódolos ciclos formativos e as prazas están liberadas, serán para quen antes chegue! Límite mañá 29 de xullo ás 13h (e logo haberá outro prazo en setembro).
CICLOS MEDIOS
    Electromecánica de Vehículos Automóbiles
    Instalacións Eléctricas e Automáticas
    Xestión Administrativa
CICLOS SUPERIORES
    Administración e Finanzas
    Administración de Sistemas Informáticos en Rede

A matrícula na ESA, Bacharelato de Adultos e FP Básica será en setembro, pero podes vir xa informarte e/ou reservar.

 

Guardar

IN MEMORIAM AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

"Todas as historias se tecen cos fíos da vida" e na historia moit@s rapaces e "rapazas", lectores e lectoras galeg@s (e non só) hai e haberá fíos tecidos por Agustín Fernández Paz.

Cando "a néboa escura" e o "aire negro" se acheguen na "noite de voraces sombras" o Agustín poñeranos "unha lúa na fiestra" mentras nos conta ó noso carón "contos por palabras". As "cartas de inverno" chegarán coma o "soño do merlo branco" cun "tren cargado de misterios" pra alegrarnos o corazón.

Porque non temos "o corazón de pedra" e cremos nos "fantasmas de luz" sabemos que existen as "amizades secretas" que habitan nos andeis das nosas casas e bibliotecas. E "lonxe do mar", no "centro do laberinto" de cada un de nós, "os gardiáns do bosque" e "as fadas verdes" afastarannos d"as fronteiras do medo".

"Non hai noite tan longa" que impida chegar á "praia da esperanza". E "desde unha estrela distante" o noso Agustín virá "cos pés no aire" sentado nunh"a nube de cores". Nin "as fantasmas do corredor" nin "os corredores de sombras" borrarán "o rastro que deixamos" e saberemos por sempre, como se fose un mantra ou o lema esculpido na nosa tumba, que "o único que queda é amor"; amor sen dúbida e sen tregua pola lingua, a cultura, os libros e a imaxinación o que nos deixa Agustín Fernández Paz.

A biblioteca e todo o IES Lois Peña Novo de Vilalba no seu recordo e agradecemento.

Nota: todo o texto entre comiñas son frases e/ou títulos de Agustín Fernández Paz. As imaxes coas que ilustramos este recordo son do neno Agustín estudando e de romaría na súa Vilalba natal ademais dun retrato máis recente, todas recollidas na súa páxina web oficial.

Resolución estadías do Erasmus +

Xa está resolto o proceso de selección de canditados para a mobilidade KA-102 de recén titulados, dentro do Programa Erasmus+.

Quedan admitidos Pablo Blanco Díaz e Ángel Vázquez Domínguez. Pódese ver a resolución completa no arquivo adxunto.

 

Guardar

Guardar

Prazos do proceso de admisión en Ciclos Formativos

Xa se poden presentar solicitudes para acceder a ciclos formativos. Tes na imaxe e no adxunto cales son os prazos e poden obter máis información e axuda na secretaría do noso IES.

 No adxunto podes descargar a información en pdf.

 

Fin de curso

Chegamos ó remate do curso e cómpre ter en conta unhas datas:

-A entrega de notas será o xoves 23 xuño ás 14h.

-As reclamacións, o luns 27 e o martes 28 de 10 a 14h.

-O acto de graduación, o mércores 29 ás 20h.

Boa sorte!

Guardar

Guardar

Manuel María en códigos QR en Vilalba

Hoxe presentamos publicamente un traballo que mostra a interrelación e o esforzo en común que conseguimos acadar este ano nunha Vilalba escolar unida arredor de Manuel María. Nos 28 recursos que aparecen neste mapa hai nen@s recitando, un concerto de Mini e Mero, varias representacións teatrais, videopoemas, soños, carteis, unha vida ilustrada de Manuel María, a construción da gaiola dos soños no IES Lois Peña Novo...
O mapa hai que abrilo en Google Maps. Cada estreliña corresponde a un lugar físico no Concello de Vilalba onde hai un cartel con QR (están nas fachadas de espazos públicos e institucionais). Cada estrela ten o nome da ubicación e unha imaxe do propio QR, así que, se abres o mapa co ordenador, podes escanear os QR co móbil e abrir os recursos. Tamén se pode abrir co móbil e ler os códigos con outro móbil, en amor e compañía⁠⁠⁠⁠ ;-)
A coordinación e a creación dos códigos QR e do mapa foi cousa da biblioteca do IES Lois Peña Novo, que tamén gravou e/ou montou varios dos vídeos doutros centros ademais dos propios do Lois Peña Novo e os tres vídeos que agrupan os carteis "As palabras do Manuel María nas nosas mans" de son obra do alunnado de tódolos centros. Mais este é un traballo colaborativo entre tódolos centros escolares de Vilalba e, en último termo (ou primeiro), do seu alumnado. Beizón para todos eles: CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEP Castelao, Centro Ocupacional, Escola de Educación Infantil de Vilalba, Escola Infantil A Galiña Azul, IES Basanta Silva e nós, compañeiros e compañeiras do ensino público e de calidade, que desta vez tivemos como guiero e estrela a Manuel María neste camiñar esperanzado cara un mundo mellor.

Agradecémoslle ó Concello de Vilalba e á Asociación de Empresarios Sete Pontes a súa colaboración económica e/ou loxística no desenvolvemento destas actividades. E a Lois Pérez a súa idea de espallar códigos QR por Vilalba adiante, que callou en nós e foi quen de facerse realidade.

Podes ver o mapa clicando aquí.

Apertura do prazo para solicitar mobilidades no curso 2016/17 como recentes titulados/as -programa KA102- dentro do programa Erasmus+

 

Ábrese o prazo para solicitar prazas de mobilidades para titulados recentes por parte de todas aquelas persoas que, atopándose matriculadas no segundo curso dun ciclo medio no período académico 2015-16, titulen dentro deste mesmo curso. Aquelas persoas que teñan interese en acceder a elas poderán presentar instancia no prazo que vai dende mañá, día 7 de xuño de 2016 ata as 14 horas do vindeiro xoves día 16.

 

Aquelas persoas que queiran participar no proceso de selección deberán cubrir a instancia -que poderán solicitar na secretaría do centro- e achegar a documentación que estimen pertinente para que lles sexan valorados os méritos segundo os criterios de selección fixados para este proceso que se acompañan no arquivo adxunto.

  

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias, publicarase unha listaxe das persoas solicitantes -tanto admitidas como excluídas de ser o caso-. Contra esta listaxe provisoria poderase reclamar no prazo de dous días hábiles. No caso de haber reclamacións resolveranse no día hábil seguinte, publicándose a continuación a listaxe definitiva.

 

Contratación do servizo de cafetería para o curso 2016-2017

Denominación do contrato: Contrato de servizo de xestión e explotación da cafetería do IES Lois Peña Novo.

 

Duración do contrato: do 1 de setembro de 2016 ao 31 de agosto de 2017.

 

Os licitadores que desexen tomar parte neste procedemento poden informarse dos requisitos necesarios na dirección do centro.

 

Prazo límite para a entrega da solicitude e documentación: luns 13 de xuño de 2016 ás 14:00 horas na secretaría do centro.

 

Poden consultarse as instrucións e condicións da contratación no arquivo adxunto

Teatro na biblioteca: a Berenguela da man do CEIP insua Bermúdez

Este venres imos ter unha obra de teatro moi especial, dun autor moi especial, cunha directora moi especial e unha compañía... MOI ESPECIAL!!!

Canto lle queremos ó CEIP Insua Bermúdez!, os nosos veciños de enfronte, que son enventeir@s coma nós, que sempre nos apoian nas nosas propostas e que son exemplo do ensino público (e comprometido) de calidade!

Despois da súa estrea, comezan a súa xira mundial con parada na biblioteca do LPN! Berenguela's TOUR!

 

Distribuir contido