Skip to Content

Regueifas

Regueifas

 A improvisación é unha boa forma de mellorar o uso do idioma.  Dende o EDL e o departamento de Lingua Galega, para incentivar o galego e dar a coñecer este modelo de improvisación oral o alumnado de 1º e 2º ESO, tiveron un obradoiro de regueifas impartido por dous grandes regueifeiros como son  Pinto d’Herbón  e Lois “ O Caruncho”.

Pasamos unha xornada divertida e aprendemos a  facer coplas cantadas, buscando a rima e ritmo, e medindo os versos para facer as estrofas.

Que é a Regueifa?

 A regueifa,  unha tradición oral galega en verso na que a ironía é a protagonista, é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa, sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares.

 


 Cal é a súa orixe?

As regueifas relaciónanse cunha antiga tradición das vodas campesiñas, onde era costume que a parella ou madriña d@s acabad@s de casar puxese a disposición d@s convidad@s ao convite un bolo de pan chamado “regueifa”  feito con fariña triga, ovos e manteiga e azucre, que  podía  ser disputado de dúas maneiras: improvisando cantigas de porfía onde se retaban dialecticamente entre eles en verso meténdose uns con outros,cos contraentes ou cos familiares destes para ver quen facía gala do maior enxeño e mordacidade ou bailando unha muiñeira  de  puntos moi difíciles e artísticos.

A regueifa era entregada pola noiva á persoa vencedora na disputa e esta tiña a honra de repartila entre as solteiras e solteiros asistentes ao convite. A característica importante para prender o ánimo do publico proviña do inxenio , da capacidade de resposta e da retranca que amosaran os regueifeiros.

Co paso do tempo chegou a ser unha diversión de entretemento nas tabernas o nas festas patronais. Na actualidade as regueifas teñen unha popularidade moi limitada, aínda que seguen a facerse: acostuman a ser un divertimento pasaxeiro máis do que unha loita diálectica real, mais as maneiras son as tradicionais. Úsanse especialmente  en eventos patrocinados polos concellos ou asociación culturais e tamén nos ámbitos educativos polo seu atractivo para ensinar e transmitir a lingua galega a través da improvisación, da música e da tradición oral.

 

Estrofa dunha regueifa

Características:   Versos son cuartetos octosílabos que poden ter rima asonante ou consonante. Uso do Leixaprén das cantigas.

Temática, variada dende tratar aspectos da vida persoal dos regeiferir@s, o que acontece na sala, vestimenta ou aspecto do público presente, calquera suceso de interese xeral que se coñeza neses momentos.  

Claves  da regueifas: ”a rapidez, espontaneidade e o enxeño que mantén ao público entusiasmado coa capacidade de teñen de respostar en pouco tempo con esa improvisación tan inxeniosa.

Reguéifase a capela, esto é , sen acompañamento musical, tan só coa voz. 

Tamén poden usar instrumentos como a zanfoña para marcar o ritmo como fixo o Caruncho,  e se pode ver nunha das imaxes.

Estamos no Leliadoura

Aprendendo a regueifar

Con Pinto e o Caruncho

Que nos veñen a ensinar.

Que nos veñen a ensinar

Aprendemos decontado

oito sílabas e rima

cada verso recitado.

Cada verso recitado

Traballados en grupiños

Uns son mellores ca outros

Pero todos moi chuliños.

Pero todos moi chuliños

Pasámolo re -que- te- ben

Esperamos repetilo

 Igual para o ano que ven.

Preme na imaxe para poder  ver uns anaquiños do obradoiro



image | by Dr. Radut