Skip to Content

VISITA A BETANZOS

VISITA A BETANZOS

O pasado xoves 17 de Xaneiro, o alumnado 3º e 4º de E.S.O e 1º e 2º de Bacharelato realizou unha visita cultural a Betanzos organizada polo Departamento de Relixión. Durante a visita á Cidade Medieval, que este ano celebra o seu 800 aniversario, o alumnado coñeceu e desfrutou do Patrimonio Cultural desta vila. Entre outros elementos, visitaron as Igrexas de Santiago e Santa María dentro do antigo recinto amurallado. Na primeira delas, descubriron como unha remodelación da fachada da igrexa tiña torcido as columnas interiores e puideron apreciar a beleza da capela do arcediano realizada polo célebre escultor Cornellius de Holanda no s. XVI. Na igrexa de Santa María, construída por Fernán Pérez de Andrade entre os ss. XIV-XV, puideron ver o único calendario agrícola existente nun edificio relixioso en toda España. Trátase dun baixo relevo esculpido nun dos capiteis da nave dereita máis próximo ao altar.

Dentro do mesmo casco histórico, un achado curioso, a farmacia de Couceiro, o establecemento comercial máis antigo de Galicia, e que este ano, coincidindo co 800 aniversario da cidade, celebra tamén o seu 300 aniversario. Farmacia que desde os seus comezos estivo rexentada por mulleres.

Por último, o alumnado visitou tamén o Museo das Mariñas, situado no antigo convento de San Domingos. Este museo alberga numerosas coleccións de temática moi variada: unha colección de traxes rexionais, outra de bordados, fotografías do Globo de Betanzos, material utilizado nas escolas fundadas polos irmáns Juan e Jesús García Naveira, filántropos betanceiros, utensilios para a elaboración do pan e do viño... Pero, entre estas coleccións, destaca un apostolado completo realizado na escola de Rubéns e recuperado do antigo hospital de San Antonio, actual sede dos Xulgados de Betanzos.

Por sorte, o tempo acompañounos e puidemos desfrutar dun agradable paseo polas estreitas rúas desta vila medieval.



image | by Dr. Radut