Punto Laranxa contra o acoso escolar

Seccións bilingües

Información sobre as seccións bilingües de bacharelato

Seccións bilingües

  A realidade nacional actual, enmarcada no ámbito europeo en particular e máis amplamente nun contexto internacional global, asume a necesidade duns niveis maiores de dominio de linguas estranxeiras en comparación co pasado, que non se limitan ao aspecto puramente lingüístico, senón tamén social. É dicir, a promoción de idiomas en materias non lingüísticas favorece o desenvolvemento integral do alumnado, xa que enriquece a linguaxe específica das disciplinas bilingües, á vez que promove o contacto con outras culturas.

O IES Leixa, sempre promovendo a dinamización e a calidade do ensino, veu chegado o momento de implicarse nesta iniciativa para contribuír ao enriquecemento persoal dos nosos estudantes. Asemade, o centro presentou a solicitude de participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado como preparación para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas, denominado CUALE, polo que se impartirían clases gratuítas de inglés e francés por profesorado especialista, fóra do horario lectivo, como complemento ás ensinanzas adquiridas nas outras materias, ademais de preparar aos estudantes para as probas as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas.

Información relevante para as persoas interesadas en participar nunha sección bilingüe:

Definición

Unha sección bilingüe é a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística, que se cursa nun nivel por un grupo de alumnos ou alumnas dun xeito bilingüe: na lingua cooficial que corresponda, segundo a normativa vixente, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. A incorporación da lingua estranxeira na sección bilingüe acadará un mínimo dun 50 por cento.

Estrutura e organización da sección bilingüe

O alumnado que participe nunha sección bilingüe cursará obrigatoriamente a lingua estranxeira da devandita sección, a excepción do alumnado que estea a cursar un ciclo de formación profesional. Ademais poderá recibir tres períodos semanais de clase de reforzo do idioma, como ampliación do seu horario lectivo, que serán impartidos polo seu profesorado especialista de lingua estranxeira (Programa CUALE).

Ao remate de cada curso o alumnado que sexa cualificado positivamente na materia obxecto da sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que se fará constar mediante dilixencia no seu historial académico.

O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta, requiríndose a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais no caso de menores de idade.

O número mínimo de alumnado para desenvolver unha sección bilingüe no bacharelato é de 10 estudantes.

Profesorado

O profesorado especialista da área, materia ou módulo non lingüísticos que inicie o proxecto debe ter destino definitivo no centro e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira no nivel B2 do Marco Común Europeo de referencia para as linguas.

O departamento da correspondente lingua estranxeira comprométese á coordinación co docente de área, materia ou módulo non lingüísticos da sección bilingüe, así como ao posible apoio ao alumnado no desenvolvemento de clases de reforzo de idioma. Para tal fin, cada sección bilingüe debe ser coordinada polo profesorado que imparte a lingua estranxeira ao grupo de alumnado.

Condicións de acceso:

1. Poderá cursar esta modalidade o alumnado de bacharelato que estea matriculado no centro.

2. Requisitos:

  • Matrícula: No momento de formalizar a matrícula o alumnado interesado deberá elixir esta opción.

Baremo de selección:

No caso de haber unha demanda superior ao número de prazas farase unha proba de nivel.

Powered by Drupal - Design by artinet