Punto Laranxa contra o acoso escolar

Renuncias/Baixas/PD

Lexislación relacionda coa renuncia á matrícula, baixa no centro, baixas de oficio e perda do dereito á avaliación continua.

Renuncias/Baixas

Nos ciclos formativos de formación profesional pode solicitarse, cando non é posible continuar os estudos, a renuncia ao ciclo. Como hai dúbidas ao respecto do que supón a renuncia respecto á anulación de matrícula e a baixa de oficio, sobre todo en canto ás convocatorias, explicamos as diferenzas e o procedemento para executalas.

1. RENUNCIA Á MATRÍCULA:

Co fin de non esgotar as catro convocatorias previstas para cada módulo profesional, pódese renunciar, con carácter xeral, unha soa vez á avaliación e á cualificación da totalidade dos módulos profesionais do ciclo formativo en que se formalizase a matrícula, no caso do réxime ordinario, ou de forma parcial no caso do réxime de persoas adultas, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias: 

  • Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico, tanto do alumno ou da alumna como de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. 
  • Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, nun horario incompatible coas ensinanzas do ciclo.
  • Obrigas de tipo familiar ou persoal que impidan a normal dedicación ao estudo. 

A renuncia á matrícula sempre se debe xustificar documentalmente.

Excepcionalmente, pódese renunciar máis dunha vez no caso de doenza prolongada de carácter físico ou psíquico, tanto do alumno ou da alumna como de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

A aceptación da renuncia non implica reserva de praza para o seguinte curso académico, de modo que para reincorporarse novamente a estes estudos, o estudante debe someterse a un novo proceso de admisión.

Procedemento de solicitude de renuncia á matrícula:

A solicitude de renuncia de matrícula, xunto coa documentación acreditativa, débese presentar ante a dirección do centro educativo de acordo cos seguintes prazos e requisitos: 

  • No caso de que todos os módulos sexan de formación no centro educativo (módulos de primeiro curso en réxime ordinario ou calquera módulo en réxime para as persoas adultas): cunha antelación mínima de dous meses á avaliación final de módulos correspondente. 
  • No caso do alumnado de segundo curso en réxime ordinario, no que os módulos de formación de segundo curso se realizan no centro educativo e no centro de traballo: cunha antelación mínima de dous meses á data prevista como inicio do período ordinario da FCT.

O director ou a directora do centro deben resolver no prazo máximo de dez días hábiles.

No relativo á renuncia ao módulo de FCT, terase en conta o establecido na súa normativa reguladora.

2. ANULACIÓN DA MATRÍCULA:

Se durante os cinco primeiros días lectivos do curso se observa a inasistencia de determinados alumnos ou alumnas, o centro docente requiriralles por escrito a súa inmediata incorporación nun prazo máximo de tres días contados desde a data de recepción da notificación e comunicaralles que, en caso de non se producir esta, agás causa debidamente xustificada, se procederá á anulación da súa matrícula. 

O alumnado tamén poderá solicitar de xeito voluntario a anulación da súa matrícula cunha antelación mínima dunha semana ao remate do período de matrícula utilizando o impreso ao efecto. A praza vacante será cuberta polo alumnado en lista de espera, ata completar a cota asignada ao grupo. 

A anulación da matrícula non computa para efectos de convocatorias consumidas.

3. BAIXA DE OFICIO E BAIXA VOLUNTARIA:

Despois de iniciadas as actividades lectivas, o centro pode tramitar a baixa de oficio da matrícula cando un ou unha estudante non asistan inxustificadamente á clase durante o resto do curso académico de xeito continuado por un período superior a 15 días lectivos ou, de xeito descontinuo, por un período superior a 25 días lectivos.

Cando se acaden os 5 días de ausencia inxustificada, o titor/a do grupo informará ao estudante mediante apercibimento escrito indicándolle que podería ser dado de baixa de acadar o número de faltas indicado no parágrafo anterior. Na secretaría do centro quedará constancia tanto do apercibimento como da comunicación de baixa.

A baixa de oficio supón a perda da condición de alumno ou de alumna do ciclo formativo, e a correspondente convocatoria computarase como xa consumida. A reincorporación ás mesmas ensinanzas require someterse a un novo proceso de admisión. 

Contra a resolución da baixa de oficio da matrícula, a persoa solicitante pode presentar recurso de alzada perante o xefe ou a xefa territorial no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A devandita resolución esgota a vía administrativa. 

As solicitudes voluntarias de baixa de matrícula por parte do alumnado, con posterioridade á data límite para solicitar a anulación de matrícula, teñen os mesmos efectos que as baixas de oficio.

4. PERDA DO DEREITO Á AVALIACIÓN CONTINUA:

Cando se produza un número de ausencias (non xustificadas segundo as normas do centro) equivalente ao 10 % do número de horas totais asignados a un módulo ou materia, pódese executar a perda do dereito á avaliación continua tras unha análise das circuntancias persoais do/a estudante (é necesario que o/a estudante xustifique todas as súas faltas para poder valorar estas circunstancias persoais).

Cando se acade o 6 % de ausencias inxustificadas, o titor/a do grupo informará ao estudante mediante apercibimento escrito indicándolle que podería executarse a perda do dereito á avaliación continua de acadar o número de faltas indicado no parágrafo anterior. Na secretaría do centro quedará constancia tanto do apercibimento como da comunicación de perda do dereito á avaliación continua.

Cando se executa a perda do dereito á avaliación continua o/a estudante mantén o dereito a unha proba extraordinaria que se celebra antes da avaliación final (débese ter en conta que, no caso do segundo ano de ciclos de 2000 horas, a avaliación final ten lugar no mes de xuño, unha vez rematada a FCT, polo que os alumnos/as que perdan o dereito á avaliación continua perden tamén a posibilidade de realizaren a FCT no período ordinario).

 


 

Powered by Drupal - Design by artinet