Selector rápido de contidos

Última hora

“Servizos dixitais educativos”, novo temático no portal espazoAbalar

Novas da Consellería - Sáb, 28/03/2020 - 13:23
Idioma Gallego

Xa está dispoñible un novo apartado no portal espazoAbalar no que se recollen os principais servizos dixitais educativos que están a disposición da comunidade educativa para organizar o seu traballo: páxinas web dos centros en Webs dinámicas, aulas virtuais, app de comunicación abalarMóbil para familias, servizo de comunicación espazoAbalar para profesorado e centros, servizo de videoconferencia, ferramenta de portfolio Agueiro, rede social do profesorado Redeiras, libro dixital E-Dixgal, e Escolas Na Nube.

Ademais, a partir da vindeira semana, iranse incluíndo neste espazo videotitoriais que expliquen de forma sinxela o uso destas ferramentas ao profesorado que o necesite.

O enderezo de “Servizos dixitais educativos” é:

 

 

Tema: 

Sitio web

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Materiais e recursos didácticos nas ensinanzas de FP

Novas de FP - Ven, 27/03/2020 - 16:32

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coa finalidade de facilitar e garantir a mellor formación posible ao alumnado de formación profesional nesta situación de illamento creada pola pandemia do COVID-19, pon a disposición de todo o profesorado que imparte docencia nas ensinanzas de formación profesional materiais didácticos de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe.

Seguindo as instrucións do vídeo, pódese acceder aos recursos educativos elaborados polo propio profesorado de formación profesional, no marco de licenzas de formación convocadas durante os últimos oito anos.

Progresivamente iranse incorporando os materiais didácticos que se están a utilizar nos ciclos que se ofertan na modalidade de formación profesional a distancia en Galicia e posteriormente doutros ciclos formativos.

Nota: Para acceder aos recursos é necesario identificarse na aplicación Programacións.

Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior. Sedes e listaxes definitivas de solicitudes e exencións. Convocatoria 2020

Novas da Consellería - Ven, 27/03/2020 - 13:36
Idioma Gallego

Publicadas a listaxe definitiva de solicitudes, a resolución definitiva de exencións e a asignación de centros e sedes para as probas de acceso a ciclos formativos de grao superior na convocatoria ordinaria 2020.

 

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado Centros

Probas de acceso grao superior. Sedes e listaxe definitiva solicitudes e exencións. Convocatoria 2020

Novas de FP - Ven, 27/03/2020 - 12:38

Publicadas a listaxe definitiva de solicitudes e a resolución definitiva de exencións para as probas de acceso a ciclos formativos de grao superior na convocatoria ordinaria 2020.

Publicada a asignación de centros e sedes para a realización da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior na convocatoria ordinaria 2020.

- Máis información sobre a convocatoria

Prevalencia COVID-19

Última hora - Xov, 26/03/2020 - 09:06

Categorías: Última hora

Consenso xeneralizado entre Ministerio e CCAA en manter o calendario escolar e aprazar a ABAU

Novas da Consellería - Mér, 25/03/2020 - 14:31

Summary: 

Carmen Pomar participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación Avaliarase o segundo trimestre co traballo feito e modificaranse os contidos e competencias do terceiro A ABAU desenvolverase antes do 10 de xullo, no caso da convocatoria ordinaria, e antes do 10 de setembro, no caso da extraordinaria Ministerio e comunidades coinciden na necesidade garantirlle a equidade ao alumnado e de reducir incertezas Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación, convocada para analizar o impacto e as medidas en relación coa interrupción da actividade lectiva presencial con motivo da declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno Central. No encontro houbo consenso xeneralizado de manter o calendario escolar, co obxectivo de transmitir unha mensaxe de continuidade e normalidade respecto ao ámbito académico.

Nesta liña, acordouse avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre. Estas modificacións abordaranse nunha xuntanza en abril. Ademais, decidiuse suspender este curso as probas de avaliación diagnóstica. Carmen Pomar agradeceu o esforzo que están a facer tanto docentes como familias para manter a poboación escolar activa e contribuír así á normalidade nesta situación excepcional.

Na súa intervención, a conselleira tamén reiterou a conformidade de Galicia co aprazamento da ABAU e co modelo de exame proposto polo Ministerio, como medidas necesarias para garantir a equidade a todo o alumnado que se presente ás probas de acceso á universidade. 

Así, na xuntanza consensuouse que as datas para a convocatoria ordinaria se sitúen entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os resultados ata o 17 de xullo, e para a extraordinaria antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes. Canto ao exame, acordouse manter un modelo similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e aumentar a opcionalidade. O obxectivo é garantir que o alumnado poida acadar a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non ter recibido algún dos contidos previstos.

Neste sentido, a conselleira avanzou que convocará proximamente a CIUG para abordar este tema e indicou que os tres reitores do Sistema Universitario de Galicia xa lle manifestaron a súa total colaboración para garantirlle ao alumnado a equidade no acceso á universidade.

Formación Profesional

Canto á Formación Profesional, insistiuse na necesidade de garantir que todo o alumnado titule, para o que o Ministerio anunciou a publicación dunha norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros de Traballo (FCT) e de Proxecto. No caso dos ciclos de grao medio e na FP Básica, onde non existe módulo de Proxecto, establecerase un traballo final.

Na Conferencia analizouse tamén a convocatoria das oposicións ao ensino en cada Comunidade. Este tema, dada a heteroxeneidade de situacións, abordarase a vindeira semana nunha xuntanza específica.    

Cómpre sinalar tamén que a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, demandoulle ao Goberno central un plan que permita a distribución de recursos para acabar coa fenda dixital nas comunidades con maior dispersión xeográfica, como é o caso de Galicia. A petición foi realizada por outras CCAA, como Asturias, Cantabria e Castela León. Trátase así de garantir o acceso de toda a poboación escolar á educación en liña.

 

Acceso á universidade Bacharelato Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Profesorado Alumnado Familias Centros

Posposto o 12º Concurso de Prototipos "Dixitalización na Industria 4.0"

Novas de FP - Mér, 25/03/2020 - 13:14

O 12º Concurso de Prototipos "Dixitalización na Industria 4.0", convocado por Siemens, foi posposto debido á crise sanitaria do COVID-19. En principio, o concurso volverá a ser convocado en outubro deste ano.

A conselleira de Educación, os reitores e a ACSUG reúnense para coordinar a acción universitaria durante a suspensión das clases

Novas da Consellería - Mar, 24/03/2020 - 16:38
Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (Uvigo) e Julio Abalde (UDC) reuníronse esta mañá por videoconferencia para coordinar as actuacións en materia universitaria durante o período de suspensión das clases.

Entre outros asuntos abordouse a necesidade de estudar polo miúdo as posibilidades para a realización das prácticas dos estudos de grao e máster, así como o desenvolvemento e seguimento das clases no ensino universitario, cuestión que as universidades están a abordar desde a súa propia autonomía.

A conselleira aproveitou o encontro para agradecerlles aos reitores o compromiso das universidades para colaborar na loita contra o COVID-19, tanto no referido á actividade investigadora como á posta a disposición de material e persoal.

Por outra banda, a conselleira informou de que mañá está convocada a unha videoconferencia coa ministra de Educación, Isabel Celaá, e cos responsables dos departamentos de Educación do resto das Comunidades Autónomas, xuntanza na que espera que se aborden cuestións como a celebración da ABAU.

Así mesmo acordouse manter contactos semanais con representantes das universidades. O obxectivo é facer un seguimento da situación e tomar as decisións oportunas para adaptarse ás circunstancias cambiantes, así como avanzar en cuestións que permitan, no seu momento, retomar a actividade universitaria con normalidade.

Información xeral Universidade Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Secretaría Xeral de Universidades Profesorado Alumnado

Educación traballa co Ministerio para asegurar o remate do curso e a continuidade dos itinerarios formativos ao alumnado de formación profesional

Novas da Consellería - Mar, 24/03/2020 - 14:36

Summary: 

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou esta mañá nunha reunión por videoconferencia coa secretaria general de Formación Profesional do Ministerio, Clara Sanz, e os seus homólogos das outras Comunidades Autónomas Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o Ministerio de Educación y Formación Profesional, xunto co resto das Comunidades Autónomas, están a traballar de xeito conxunto e coordinado co obxectivo de asegurar tanto o remate do curso como a continuidade dos itinerarios formativos a todo o alumnado de FP (isto é, que os de grao Medio poidan acceder a grao Superior e os de Superior á Universidade).

Este foi o eixe de debate da reunión de traballo de hoxe por videoconferencia entre a secretaria general de Formación Profesional do Ministerio de Educación y FP, Clara Sanz,  e os representantes de todas as CCAA, e na que por parte de Galicia interveu o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Na xuntanza houbo un consenso en canto á necesidade de habilitar os mecanismos necesarios para garantir a finalización do curso a todo o alumnado de FP en xeral e, sobre todo, no que atinxe aos que cursan a modalidade de FP Dual ou a FCT (Formación en Centros de Traballo).

No que atinxe á FCT (que consta dun módulo de formación en empresa e outro de proxecto supervisado polo centro), a proposta é que, sempre que sexa posible, se realice nos centros de traballo o mínimo de horas establecido pola normativa para cada caso, segundo se trate de grao medio, de grao superior ou de FP Básica.

De non ser posible completar as horas en empresa debido ás circunstancias actuais de Estado de Alarma, a opción que se baralla é que esas horas queden compensadas a través do proxecto. É dicir, favorecer a integración dos dous módulos (empresa e proxecto) nun único, de xeito que as horas que non se poidan executar en presencial en empresa se compensen coas de proxecto, no caso dos ciclos de grao superior. Para ciclos de grao medio e FP Básica, que non teñen módulo de proxecto, acordouse artellar fórmulas análogas.

En todo caso, o Ministerio de Educación comprometeuse coas Comunidades Autónomas a remitirlles as medidas a compensar nesta modalidade de Formación Profesional co fin de elevar un documento normativo consensuado ao Consello de Ministros, que é o órgano competente para aprobar dita regulación.

Respecto á modalidade de FP Dual, debido á grande variedade que existe nesta modalidade de formación segundo a comunidade autónoma de que se trate, o Ministerio comprometeuse a elaborar un documento xeral no que se recollan todas as casuísticas, aínda que sempre mantendo a premisa de garantir o remate do curso escolar para todo o alumnado.

No caso concreto de Galicia, a Consellería de Educación vai facer un seguimento individualizado destas ensinanzas xa que, por exemplo, nos ciclos ordinarios, hai grupos que xa remataron a formación en centros e outros estana facendo con normalidade, posto que o seu sector non está afectado pola declaración de Estado de Alarma. No caso do alumnado que veu interrompida a súa formación de prácticas en empresas, a Consellería tamén vai garantir o remate do curso escolar a través de mecanismos que se irán perfilando e que poden ser, segundo os casos, aplicar os mesmos mecanismos que para os FCT, ou ben permitir a incorporación á empresa unha vez que deixe de estar en vigor o decreto, e con reforzo académico se fose o caso.

Por outra banda, tamén se abordou o tema das probas de acceso a grao medio e superior, unha cuestión que en Galicia non afecta nestes momentos posto que o proceso de inscrición xa estaba rematado e pechado. Polo tanto, a Consellería ten capacidade e dispoñibilidade para organizar con normalidade as probas unha vez que se levanten as restricións actuais.

 

Información xeral Formación Profesional inicial Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Formación Profesional Profesorado Alumnado Centros

Vixilancia da Saúde Persoal Centros Curso 2019/2020

Novas da Consellería - Mar, 24/03/2020 - 14:18
Idioma Gallego

Informámoslle que nestes momentos de incertidume xerada pola crise sanitaria do COVID-19, e polo que respecta ao desenvolvemento da campaña da vixilancia da saúde do persoal de centros educativos do curso 2019/2020, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional co gallo de garantir o dereito ao recoñecemento médico solicitado con carácter voluntario pola persoa interesada, manterá o servizo médico alleo contratado para os efectos, sempre que se manteñan as recomendacións das autoridades sanitarias.

Non obstante, ante a prioridade de previr e minimizar calquera posible afección e así poder continuar coa campaña, para aquelas persoas que quixeran modificar a súa cita analítica por verse afectada por estas circunstancias excepcionais dende a declaración do estado de alarma do pasado 14/03/2020, amplíanse as axendas médicas ata finais do curso. A dita modificación poderase facer a través do aplicativo no que solicitaron o recoñecemento médico, sen aplicación do límite de 5 días previos para o caso, e mentres dure o mentado estado de alarma.

Para calquera incidencia técnica deberase poñer en coñecemento para a súa solución ao soporte técnico establecido (UAC) nos teléfono ou correo que a continuación se indica:

881 99 77 01

uac@edu.xunta.es

Tema: 

Información xeral

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación das persoas adultas

Departamento: 

Secretaría Xeral Técnica Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Colectivo: 

Profesorado Centros

Suspensión da formación dos Cursos de Prevención de Riscos Laborais en materia de primeiras axudas, alerxias varias, intolerancias alimentarias e riscos varios específicos

Novas da Consellería - Mar, 24/03/2020 - 14:15
Idioma Gallego

As edicións formativas presencias que se vexan afectadas pola situación actual xerada pola crise sanitaria do COVID 19, e co obxectivo de que a dita formación poida manterse coa máxima calidade, quedarán suspendidas ata novo aviso, no que se comunicarán as novas datas dispoñibles.

Tema: 

Información xeral

Departamento: 

Secretaría Xeral Técnica Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Colectivo: 

Profesorado Centros

Novas instrucións a equipos directivos de presenza en centros

Novas da Consellería - Dom, 22/03/2020 - 15:41
Idioma Gallego

Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender ao alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo.

Tema: 

Información xeral

Departamento: 

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Colectivo: 

Centros

Resolución definitiva do concurso de traslados para o profesorado dos corpos de catedráticos e PES, PT, EOI, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores de Educación para o 2020

Novas da Consellería - Ven, 20/03/2020 - 11:01
Idioma Gallego

Anuncio principal: 

Concurso de traslados para o profesorado dos corpos de catedráticos e PES, PT, EOI, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores de Educación para o 2020

Publicadas:

Resolución do 20de marzode 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fan públicas as vacantes definitivas que serán obxecto de provisión no concurso de traslados entre persoal funcionario docente do corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación.

Resolución do 20 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación, convocado pola Orde do 8 de outubro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm.200, do 21 de outubro)

 

Servizo relacionado: 

CXT

Tema: 

Concurso de traslados

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado

Suspensión dos prazos das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG para o ano 2020

Novas da Consellería - Ven, 20/03/2020 - 10:15
Idioma Gallego

Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se suspenden prazos da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento ED431H e ED431I)

Anuncio principal: 

Axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG para o ano 2020

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Universidade

Departamento: 

Secretaría Xeral de Universidades Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria Servizo de Planificación e Estruturación de Investigación

Colectivo: 

Alumnado

Educación publica unha guía para a aprendizaxe a distancia durante a suspensión das clases polo COVID-19

Novas da Consellería - Xov, 19/03/2020 - 10:25

Summary: 

O Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI) porá esta información a disposición dos docentes O departamento educativo da Xunta conta con ferramentas TIC propias suficientes para o desenvolvemento do ensino a través da rede AbalarMóbil incorpora un servizo de mensaxes para facilitar o contacto das familias cos centros Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de difundir, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI) e da súa rede de formación permanente, unha guía para facilitarlles aos docentes a aprendizaxe a distancia durante o período de suspensión das clases polo COVID-19.

A guía (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30573) recomenda facer unha planificación preliminar desde a titoría e non por materia, co obxectivo de non sobrecargar con tarefas o alumnado e de establecer rutinas que permitan un esquema de traballo similar ao habitual, na medida do posible.

No referido ás ferramentas que se poden usar, a guía recomenda empregar as institucionais, como as que proporciona a Consellería, que permiten enviar os contidos, recibir as tarefas e traballar en equipo. En calquera caso, indica que se seleccionaran outras diferentes sería recomendable consensualas entre todo o profesorado para facilitarlles o acceso ás familias.

Neste sentido cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia pon ao dispor de cada un dos centros educativos unha aula virtual creada no entorno Moodle así como outras plataformas institucionais coma Agueiro (ferramenta corporativa de creación de portafolios dixitais educativos), Redeiras (rede social do profesorado galego), Espazo Abalar (repositorio de contidos educativos da Xunta de Galicia) e abalarMóbil.

Esta última aplicación permite, ademais, que as familias consulten información dos seus fillos a través do teléfono móbil desde calquera lugar, de forma cómoda e rápida. Así, van poder consultar os posibles avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo a través dun servizo de mensaxes que  ten como obxectivo prioritario facilitar a comunicación das familias co centro educativo.

Tamén se lles ofrece aos docentes orientacións técnicas para a creación de vídeos e materiais (arredor das licenzas axeitadas, limitación de espazos), así como unha descrición do posible desenvolvemento dunha xornada lectiva a través da rede.

Doutra banda, o documento relaciona diferentes espazos virtuais con recursos educativos de diferentes materias e niveis, unha listaxe de ferramentas específicas con diversas aplicacións (de debuxo técnico, software matemático, deseño 3D, aprendizaxe de linguas, etc). Así mesmo recorda que as webs de institucións como museos e pinacotecas (como o Museo do Pobo Galego, o MUPEGA ou o Museo do Prado, entre moitos outros) ofrecen percorridos virtuais e materiais didácticos.

Formación e asesoramento

Por último, a guía recorda as opcións do profesorado galego para a teleformación e asesoramento, tanto a través da plataforma da Rede de Formación do Profesorado, Platega, que continúa a desenvolverse con normalidade, como a través dos contidos en aberto que anuncia o CAFI a través das súas redes sociais.

En calquera caso, todos os docentes que  precisen resolver dúbidas poden contactar  co persoal asesor da Rede de Formación.

Información xeral Formación Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Profesorado Alumnado Familias Centros

A Xunta comprométese a colaborar na contribución da investigación galega á loita contra o COVID-19

Novas da Consellería - Mér, 18/03/2020 - 15:07
Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN, da Consellería de Economía, Emprego e Industria), Patricia Argerey; mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia co ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, e con responsables dos departamentos desta materia en outras Comunidades Autónomas. A Xunta de Galicia comprometeuse a colaborar para que a investigación galega poida contribuír á loita contra o COVID-19.

No transcurso do encontro o ministro explicoulles os traballos científicos e de investigacións que se está a realizar no Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en materia de proxectos relativos ao COVID-19. Neste sentido solicitoulles ás Comunidades a compilación de material e persoal capacitado para a realización do test de diagnose do virus entre os centros de investigación autonómicos. Así mesmo pediu que os gobernos autonómicos informen de todos os proxectos de centros, grupos de investigación e empresas arredor do coronavirus ou que poidan contribuír á loita contra a enfermidade.

Información xeral Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Ampliación de prazos

Última hora - Mar, 17/03/2020 - 13:24

A Consellería deu instrucións no sentido de que os procesos que están abertos terán un prazo extraordinario.

Todos os solicitantes de bacharelato poderán matricularse cando remate o Estado de Alarma.

Categorías: Última hora

Instrucións, do 15 de marzo de 2020, dirixidas ao persoal que presta servizo nos Servizos Centrais da Consellería de Educación sobre a presenza nas oficinas en relación coa pandemia COVID-19 para os vindeiros 14 días naturais

Novas da Consellería - Lun, 16/03/2020 - 12:54
Idioma Gallego

NORMAS XERAIS

As presentes instrucións dítanse no marco do establecido no  apartado primeiro do artigo 6 de la Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, segundo o cal os órganos administrativos poderán dirixir as actividades dos seus órganos xerarquicamente dependentes mediante instrucións e ordes de servicio, así como do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo  que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por el COVID-19, e en particular do seu artigo 6, que dispón que cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servicios para adoptar as medidas que estimen precisas no marco das ordes directas da autoridade competente a los efectos do estado de alarma e sen prexuízo do establecido nos artigos 4 y 5.

Así  mesmo, estas instrucións dítanse ao abeiro do disposto no punto noveno in fine do Acordo do Centro de Coordinación Operativa polo que se adoptan medidas preventivas nos lugares de traballo no sector público autonómico como consecuencia de la evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, publicado no DOG de data de 15 de marzo de 2020, no que se faculta a cada consellería ou centro directivo a ditar as instrucións oportunas en desenvolvemento do presente acordo ou para adaptalo as particularidades de los distintos colectivos afectados.

De conformidade co anterior, será de aplicación aos empregados públicos que prestan servicios na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e nas entidades do sector público autonómico que dependen da mesma

1.1 Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalación administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo dende  o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. A tales efectos, a administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.

Para estes efectos, e en función das dispoñibilidades tecnolóxicas implantadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, todo o persoal da estrutura contará coa conexión remota de oficio.

A estes efectos, comunicará a súa ausencia á persoa titular da subdirección xeral na que presta servizo (ou á persoa que a substitúa en caso de ausencia) e tramitará no Portax unha xustificación de “autorización expresa por razóns protocolarias COVID-19” e á que xuntará a declaración que se acompaña como Anexo II á Resolución do 12 de marzo de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o protocolo de actuación do persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19 (Diario Oficial de Galicia núm. 49-bis, do 12 de marzo de 2020)

Este persoal deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas función así o esixa porque así o determinan os titulares dos seus centros directivos.

1.2 Excepciónanse do apartado anterior o seguinte persoal:

  • Os altos cargos da consellería
  • No gabinete da Conselleira; o xefe de gabinete e a xefa de prensa
  • Os subdirectores xerais
  • Unha persoa, en réxime de quendas, con coñecemento suficiente no proceso de pagamentos nas seguintes subdireccións e servizos:
    • Vicesecretaria Xeral
    • Subdirección Xeral de R.E.C.
    • Subdirección xeral de Construcións e Equipamento
    • Subdirección xeral de Universidades
    • Subdirección Xeral de Promoción Científica
    • Subdirección Xeral de Ordenación I.E. e F.P.
    • Subdirección xeral de Formación Profesional.
    • Subdirección xeral Aprendizaxe Permanente e E.R.E
    • Subdirección Xeral de Centros (2 persoas)
    • Subdirección xeral de RR.HH.
    • Unha persoa no rexistro da Consellería

1.3 No establecemento das quendas terase en conta os seguintes criterios de priorización:

  • O persoal con patoloxías concorrentes ou enfermidades crónicas.
  • As empregadas públicas embarazadas.
  • O persoal con fillos/as menores de 18 anos ou maiores que presenten algunha discapacidade, e con persoas dependentes ao seu cargo.
  • Igualmente, incluiranse neste colectivo aqueles empregados/as públicos que se determine en atención ás súas circunstancias persoais.

1.4 O traballo nas subdireccións organizarase de tal xeito que permita, na medida do posible, o despacho habitual dos asuntos, ben de xeito presencial ou mediante teletraballo, comunicando á Secretaría Xeral Técnica (por medio correo electrónico) as incidencias que se poidan producir.

1.5 Nas secretarías de altos cargos o traballo realizarase en réxime de teletraballo, coa desviación dos teléfonos fixos ao móbil e con acceso remoto ao correo electrónico.

1.6 Todos os empregados permanecerán localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo de forma presencial si así se require por necesidades do servizo.

1.7 Con carácter xeral, aplicaranse en cada momento as indicacións que se determinen en materia de Función Pública, tendo as presentes instrucións un carácter e provisional e supletorio daquelas.

Tema: 

Información xeral

Departamento: 

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Powered by Drupal - Design by artinet