Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Have you got an alibi?

Na Feira de Primavera non faltou de nada, incluso houbo un asasinato. O departamento de inglés púxose a investigar e armou está actividade para resolver o misterio:

 There has been a crime at our school. Therefore, the suspects were asked to give an alibi, but not all of them could hold up under such tough interrogations.

 

Venres Musicais - Segundas partes nunca foron boas? (06-05-2022)

 

Programa de venres musicais, dedicado desta vez ás versións que melloraron ou non as súas versións orixinais.

Dirección: Xabi
Locutores: Nuria e Xabi
Control: Xabi

Matemáticas no Xardín

O departamento de Matemáticas participa dunha maneira moi activa na Feira de Primavera que está a ter lugar na primeira semana de maio no noso centro educativo. Co sol de compañeiro, estanse a desenvolver actividades ao aire libre onde se abranguen contidos que de maneira directa figuran no currículo, como Xeometría e Probabilidade e outras máis lúdicas onde se tocan aspectos clásicos da competencia matemática como a Papiroflexia e o Xadrez.

Novo Equipo de Mediación

O noso centro educativo ten xa unha importante traxectoria implementando estratexias de mediación escolar para a resolución de conflitos. Os equipos de mediación requiren dunha continua formación e de seren renovados cando a súa colaboración xa non é posible. É o que acontece este ano, cun alumnado no bacharelato con moita esixencia no estudo e que precisa dun relevo dende as novas xeracións.

Con este motivo, seleccionamos voluntarios/as para integrar o novo equipo que asistiu, durante tres tardes de primavera, a un curso de iniciación dirixido por toda unha experta no tema e gran coñecedora do noso instituto: Berta López.

Agardamos que desfruten da súa tarefa e que consigan resolver de forma pacífica, co diálogo como único instrumento, unha cantidade importante dos inevitables conflitos que aparecen nun centro educativo como o noso.

Excursión ao Concello de Quiroga do alumnado de 3º ESO de Relixión Católica

 

O 21 de abril comezamos a visita cun percorrido pola vila de Quiroga facendo a ruta " Arte no ar". Logo encamiñámonos ao Museo Etnográfico Municipal e despois ao Museo Xeolóxico, completando esta visita achegándonos ao Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós, dentro do Xeoparque Montañas do Courel.

Pola tarde dirixímonos ao complexo monumental medieval de O Salvador do Hospital, onde visitamos a Igrexa e admiramos as proporcións do Hospital dos peregrinos, Casa da Encomenda e Casa dos Condes.

Educar en Xustiza

O alumnado de 3º da ESO participa esta semana no programa Educar en Xustiza promovido polo TSXG. Esta actividade insírese no Plan de Acción Titorial do centro, e vai encamiñada a promover o desenvolvemento dunha cidadanía consciente por parte do alumnado e fornecer espazos para que se exerza de maneira activa, crítica e responsable.

O programa é o seguinte:

- 3ºA asiste o 2 de maio ao Xulgado do Social  de Lugo

- 3ºB o 3 de maio ao Xulgado de Instrución nº2 de Lugo

- 3ºC o 4 de maio ao Xulgado do Penal nº2 de Lugo

- 3ºD o 5 de maio ao Xulgado do Penal nº2 de Lugo

Participaremos en varios xuízos (en xeral, curtos) que terán lugar nesas salas, e o/a maxistrado/a ao final de cada xuízo dará as indicacións necesarias para seguir o procedemento xudicial e comentará a sentenza a ditar.

Na xornada do día 3 asistimos a 5 xuízos interesantísimos presididos pola xuíza Sandra Piñeiro que nos atendeu cunha amabilidade e unha adicación que queremos destacar. Falounos sobre os detalles de cada caso achegando explicacións históricas sobre o principio de igualdade e a consecución de dereitos. Moi difícil encontrar unha actividade cun aproveitamento e unha calidade educativa como esta que tivemos a oportunidade de desfrutar nos xulgados de Lugo.

SARA NOGUERAS PORTO, DE 2º DE ESO, SUBCAMPIOA DE ESPAÑA DE ORIENTACIÓN A PÉ EN DISTANCIA LONGA

Esta fin de semana celebrouse en Antequera o Campionato de España Escolar de Orientación.

A nosa alumna Sara Nogueras Porto (2º ESO) participou nesta competición como compoñente da Selección Galega en categoría infantil proclamándose Subcampioa de España en distancia longa e conseguindo un excelente cuarto posto na clasificación xeral das tres distancias (longa, media e sprint).

Noraboa pola participación e polos excelentes resultados, a seguir traballando, aprendendo e disfrutando do deporte!!!

 

Feira de Primavera

Na semana do 2-6 de maio desenvolveranse no noso instituto un conxunto de actividades ao aire libre que quixemos denominar Feira de Primavera.

Esta iniciativa xorde dende os diferentes proxectos educativos que concorren no centro aos que se foron sumando varios departamentos didácticos.

Velaí o programa, que non altera o horario lectivo e se irá actualizando durante a semana. 

Nas correspondentes sesións lectivas dos grupos seleccionados:

  •  Continuación do programa Música no Xardín (mércores e xoves - Dpto de Música)
  •  Actividades Físicas ao aire libre (Dpto de EF)
  •  Busca de Invertebrados (Dpto de Bioloxía)
  •  Poesía no Xardín (EDLG, accede ao cuestionario poético premendo aquí)
  •  Teatro no Xardín (Dpto Lingua e Literatura Castelá)
  •  Lecturas no Xardín (Dpto Lingua e Literatura Galega)
  •  Have you got an alibi? (Dpto de Inglés)
  •  Probabilidade no Xardín (Dpto de Matemáticas)
  •  Trigonometría na Xardín (Dpto de Matemáticas)
  •  Sementar Sementarei (Dpto Relixión Católica)
  •  Recuperamos e Revitalizamos prantas murchiñas (Dpto Relixión Católica)
  •  Paseos Peripatéticos (Dpto Filosofía)
  •  En paralelo ao programa Educar en Xustiza - Paseo Botánico no parque Rosalía de Castro (3º da ESO 2-5 de maio, eduSostibilidade)

 

No período de lecer, nos días correspondentes:

  •  Campaña O meu Taco é Saudable. Coa colaboración da ANPA ofrecerase froita de balde os días 3 e 4 de maio (proxecta Aliméntate Ben - eduSaúde)
  •  Exposición Fróitate Ben, para a promoción do consumo de froitas entre o alumnado (proxecta Aliméntate Ben)
  •  Xadrez no Patio (Dpto de Matemáticas)
  •  Papiroflexia (xoves - Dpto de Matemáticas)
  •  Piano no Xardín (mércores e xoves - Dpto de Música)
  •  Especial Venres Musicais (eduExcelencia)
  •  Patios Activos (Dpto de EF - eduSaúde) - Ver detalle na imaxe.

 

Terá lugar, ademáis, o concurso fotográfico Leiras Saudable e Sostible entre o noso alumnado. Podes ler as bases premendo no ficheiro anexo.

Inauguración Paneis do Xardín

 

A última semana do mes de abril inauguramos os 30 paneis cos que pretendemos darlle un impulso educativo ao noso xardín, un dos espazos máis valiosos do noso centro. Na iniciativa colaboraron diferentes departamentos e as actuacións foron enmarcadas dentro do Plan de Formación Permanente do Ṕrofesorado, do Contrato-Programa eduSostibilidade e do Proxecta+ Paisaxe e Sustentabilidade. Tamén participaron os profesores xa xubilados que, na altura, idearon inzar un xardín diverso e ordenado.

No dito acto, quixemos homenaxear ao escritor Darío Xohán Cabana,  recentemente falecido, con vinculacións importantes co IES Leiras Pulpeiro.

Esperamos poder difundir entre a nosa comunidade esta marabilla que nos rodea e darlle todo o aproveitamento educativo que merece.

 

Venres Musicais - Rock 70 (29-04-2022)

 

Un venres máis amenizado coa música en directo no recreo do Leiras. Desta vez, o tema é a música dos anos 70.

Dirección: María Cabo
Locutores: Bárbara, Victoria, David e Mencía
Control: Iago
Fondos musicais: María
Gravación: Xabi

Distribuir contido


by Dr. Radut