Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Panxoliñas de Nadal - Música

Quentando motores para a feira de Nadal.

 

 

Feira de Nadal

O martes 21 de decembro, ás 11:30h celebraremos a Feira de Nadal do IES Leiras Pulpeiro cun conxunto de actividades lúdico-educativas que se prolongarán ata as 14h, hora á que adiantaremos a saída do centro e o comezo das vacacións.

Nestes días, fomos armando diferentes actividades nas que o alumnado deberá amosar as súas habilidades e conseguir Leiros, a moeda que emitimos para a ocasión e que valerá para adquirir na cafetaría pinchos e bebidas saudables. Cada alumno/a só poderá obter como máximo un Leiro en cada espazo.

Os espazos propostos son os seguintes:

Actividade Responsable Descrición
Xadrez Xaquedrum Partidas e Retos Xadrecísticos
Kahoot  Varios Departamentos Xogo de preguntas por grupos
OBRADOIRO DE PAPIROFLEXIA + BINOMIO FANTÁSTICO EDLG e Dto. Matemáticas Redacción de Relatos e Figuras de Papiroflexia
O rosco da alimentación saudábel Dto. Bioloxía Pasapalabra
ADORNO DE ARXILA PARA A ÁRBORE Dto. Orientación Elaboración de figuras de Nadal
Escape Room Dto. Tecnoloxía Escape Room de uns 25' en grupos de 6 (reservar)
Programación dos Robots Mblock Dto. Tecnoloxía Programación básica dos robots Mblock en periodos de 50’ (reservar)
Fútbol CD Casás Habilidades futoblísticas
Hockey CH Lóstregos Habilidades hockeiras
Basket CB Xuncas Habilidades baloncestísticas
Tenis de Mesa Christian Lage Retos en torno ao deporte de tenis de mesa
Cubo Rubik Anne, Rocío, Juan Retos en torno aos cubos de Rubik
Espazo Flamenco Koraima, Miriam, Rosario, Adolfo Clases de flamenco 
Xogo de Memoria Dto. Economía Xogos de memoria e Tangram
Postais de Nadal Dto. Francés Elaboración de Postais de Nadal

 

Celebraranse nas aulas de tecnoloxía I (Escape Room) e II (mBlocks) aula de informática I e II (Kahoot para 1º e 2º da ESO) e 1.03 (3º, 4º e Bacharelato), as deportivas no pavillón e ximnasio e as demáis no corredor do semisoto.

 

Os alimentos saudables e o seu prezo en Leiros son:

1 Leiro= auga ou pincho ou biscoito

2 Leiros= batido de chocolate ou empanada de mazá

3 Leiros= tortilla suprême

 

Desfrutade desta xornada e dunhas felices festas!

Campaña de Promoción do Xadrez

Dándolle continuidade ás actividades de promoción do xadrez destes últimos anos, contamos esta semana con presenza de Diego e Carlos, dous membros da Asociación Xaquedrum, que con este motivo colaboran habitualmente no noso instituto. Todos os cursos da ESO estiveron representados nestas sesións de divulgación, onde o alumnado aprendeu as regras do xogo ou perfeccionou algunha das súas técnicas.

O xadrez, ademais de tratar competencias emocionais e educativas como a concentración, toma de decisións, memoria, control de impulsos, respecto, visión xeométrica,... tamén ten unha forza inclusiva que queremos seguir aproveitando nas aulas e nos corredores do noso centro educativo. Por este motivo, enmarcamos esta actividade dentro do conxunto de actuacións Inclúe-t para a mellora da inclusión.

O Liquidámbar

Levamos un outono espectacular no noso xardín, con explosión de cores nos magnolios, pradairos e cerdeiras.

Agora que está preto de finalizar, é a quenda do liquidámbar, unha árbore que produce unha goma coñecida coma storax, usada na menciña tradicional. Esta goma contén unha pequena cantidade dun hidrocarburo aromático, o estireno. O estudo do estireno extraído da goma do Liquidambar orientalis deu por resultado a síntese en 1925 do primeiro polímero poliestireno, por parte da industria petroquímica alemá.

Non deixedes estes días de desfrutar as súas follas amarelas e arroibadas cando entredes ou saidades do instituto.

Crónica da Xornada de Sensibilización coa Discapacidade no Deporte

O venres 26 de novembro tiveron lugar no noso centro educativo unha serie de actividades ao redor das I Xornadas de Sensibilización coa Discapacidade no Deporte organizadas polo club CB Xuncas Diversia.

Xuntouse unha excelente representación de deportistas con discapacidade que viñeron acompañados do ex-capitán do Breogán Salva Arco, colaborador habitual dos movementos sociais da cidade.

Xornadas Discapacidade Deporte

O alumnado de 1ºC, 2ºC e 2ºD puido experimentar, guiados por un monitor, o que é xogar ao baloncesto cunha cadeira de rodas e aproveitar a presenza de Salva Arco para tirar uns tiros con el.

O alumnado de 3ºC asistiu a unha charla impartida por Álvaro Illobre, tenista paralímipico campión de España. Álvaro preside, ademais, o club de baloncesto Abeconsa Basketmi e veu acompañado do seu mellor xogador, o polaco Karol Szulc. Na segunda parte da charla incorporouse Ionut Preda o paralímpico viaxeiro, 25 veces campión de España en varias modalidades para discapacitados e podium galego absoluto en Halterofilia. Unha persoa chea de forza física e mental que nos demostrou como non hai barreiras que paren o esforzo, o traballo e a ilusión.

Na hora de lecer, Salva Arco deu un paseo polo patio onde non parou de asinar autógrafos e tirar fotos co noso alumnado.

Unha xornada que nos deixou unha fonda pegada, feita realidade grazas ao CB Xuncas e á colaboración do profesorado de Educación Física e das titoras de 2ºC e 2ºD, onde vimos exemplos magníficos de superación persoal que nos contaxiaron a súa sensacional vitalidade para seguir adiante con enerxías renovadas neste curso escolar.

Conexión con Toulousse

Simulacro de Emerxencia e Evacuación

O pasado xoves 4 de novembro ás 10:45h tivo lugar no noso centro educativo un simulacro de emerxencia e evacuación.

Simulouse un incendio no Laboratorio de Química situado no segundo andar. Saltou a alarma, comprobouse a necesidade de evacuar e deuse o sinal de triple timbre co que se chamaba á saída do edificio cara a pista do patio (Punto de Encontro), seguindo os itinerarios fixados no noso Plan de Auto-Protección.

O centro evacuouse en 7 minutos desde que se activou a alarma, cos tempos de resposta que figuran na seguinte táboa:

informe

Para vindeiras ocasións debemos desconectar a alarma antes de facer soar o triple timbre, xa que nalgún punto de edificio non se escoitou.

Tamén debemos insistir ao alumnado en que alarma non indica evacuación e que hai que esperar ao triple timbre, ter coidado en non deixar fiestras abertas e dispoñernos de maneira máis ordenada nos espazos asignados no punto de encontro.

Foi un simulacro moi necesario, do que se extraeron importantes conclusións e que, con certeza, contribuirá a sentir que traballamos cunha maior seguridade no noso centro educativo.

corredor

patio1

patio3

Entrega de máscaras de protección ao alumnado

Publicouse hoxe 12 de novembro a orde que regula a distribución de máscaras de protección entre o alumnado.

  • Quen sexa beneficiario das axudas de material (50€) este curso, non ten que presentar a solicitude, entregaránselles de oficio
  • Quen non sexa esa axuda este curso pola razón que sexa, pero teña unha renda per cápita inferior a 6.000€, deberá presentar a solicitude na secretaría do centro, cun prazo máximo de 10 días hábiles (ata o día 26 de novembro)

 

Ligazón ao DOG: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/anunciog0598-081121-0001_gl.pdf

 

Eleccións ao Consello Escolar

Entre o 3 e o 12 de novembro está aberto o prazo de presentación de candidaturas para a renovación do Consello Escolar correspondente ao ano 2020, proceso adiado a causa da pandemia.

No sector de nais/pais renovarase unha vacante por 1 ano de duración e outra por 3 anos no caso en que a ANPA declinara a proposta de nomear un representante propio.

Podes acceder ao calendario fixado pola Xunta Electoral constituída o 3 de novembro de 2021 premendo aquí e ao texto completo da convocatoria premendo aquí.

Se queres presentar candidatura, podes utilizar este modelo de solicitude, do que tamén se deixa copia en papel na Secretaría do centro.

Por último tedes o censo electoral dos/as representantes do alumnado á vosa disposición na Secretaría do Centro.

Conexión cos centros socios de Erasmus+

Conexión en directo cos institutos de Toulousse, Todi e Valença do Minho.

Distribuir contido


by Dr. Radut