Novas

O IES Laxeiro contra a violencia de xénero, un ano máis

O centro desprega a súa maquinaria igualitaria este 25 de novembro, aínda que non só, xa que todo o ano programa unha serie de actividades que poñen o foco na igualdade do home e da muller, tendo en conta que a nosa adolescencia construirá a sociedade do futuro. Un futuro que só pode ser mellor se os mozos e mozas que poboan as nosas aulas cren nun mundo igualitario e solidario. De aí que durante todo o ano diferentes organizacións e ONG paseen polos nosos corredores lembrando a todo o alumnado a importancia da construción social igualitaria.

Esta semana, a actividade do 25N céntrase nos seguintes aspectos:

.- Exposición de libros pola Igualdade baixo o cartel “Para que non exista a violencia debe existir a igualdade”

.- A primeira hora da mañá, para todo o centro, o alumnado de 4º ESO –C realizará unha performance que pon a ollada máis directa sobre o problema do control na adolescencia. Control das redes sociais e control do xeito de vestir, a performance é unha metáfora do que están a vivir unha parte de mozas e mozos na nosa sociedade actual.

.- Lectura de relatos e poemas en contra da violencia de xénero.

.- A segunda hora da mañá o alumnado de 1º de ESO realizará unha plantación de flores violetas en lembranza das mulleres asasinadas este ano 2016.

.- Durante os recreos, e no salón de actos, toda comunidade educativa está convidada a deixar a súa repulsa persoal contra esta lacra social.

.- “Homes pola igualdade”: fotografías de homes con diferentes lemas que apostan pola igualdade.

.- Ás 12, o alumnado de 4º de ESO estará no concello participando activamente na denuncia da violencia

.- O sábado 26 o alumnado dos clubs de lectura de 4º ESO e 1º Bacharelato serán contacontos de lecturas pola igualdade no Pontiñas.

Novo número de teléfono do IES Laxeiro

Debido a certos cambios técnicos, foi instalada unha nova rede de telefonía que substituíu á anterior. Os novos números pasan a ser os seguintes:

  • Teléfono: 886151940
  • FAX: 886151953

 

Semana das Letras

A nosa semana das Letras comezou en realidade moito antes, cando algúns libros de galego comezaron a formar un ceo de Letras no vestíbulo de acceso á biblioteca; asemade, a face da Manuel María presidiu este mesmo espazo nunha escultura con libros que se fixo realidade grazas ao Dpto. de Plástica e ao seu alumnado. Logo, o luns 16 de maio, o que parecía algo bastante improbable materializouse nunha cadea humana que percorreu toda a vila unindo os dous centros de ensino secundario nun desexo común, a defensa da nosa Lingua e da nosa LIteratura, simbolizada nun intercambio de agasallo de dous libros para cada centro: cómic, investigación, música e poesía, e divulgación científica. O martes, propio Día das Letras galegas, o noso Club de Lectura foi quen lle deu vida á obra de Manuel María no Museo de Lalín.

As actividades non remataron aquí; o xoves 19 acudimos á Praza de Abastos para pór en valor os produtos galegos na nosa Lingua aportando 3 grandes cartaces deseñados polo alumnado para que permanezan alí todo o ano, e para escoitar a Miro Casabella, cantautor defensor da nosa Cultura.

Os nosos alumnos de 1º ESO participan nos obradoiros de Robótica na Cidade da Cultura.

Obradoiro de RobóticaO martes pasado, 31 de maio, os nosos alumnos participaron nos obradoiros de Programación e de Robótica na Cidade da Cultura.

Puideron coñecer a R2D2!

Coñeceron ademais, a un grupo de persoas que se esforzan en traballar coas novas tecnoloxías, e fomentar unha cidadanía con coñecemento dixital.

Os obradoiros estaban adicados a programar en Scratch (proxectos de programación nunha contorna de fácil aprendizaxe). Tamén traballaron programando uns Robots LEGO NXT e experimentaron con proxectos divertidos e asombrosos de ciencias e tecnoloxía... Ata tocaron un piano feito de froitas!

Participaron nunha charla sobre os riscos de navegar por Internet. Sacaron en claro, que é fundamental o apoio dos pais (control parental) e tamén o de crear contrasinais súper-seguras... ("un para todos e todos para un!" = "1xaTo2eTo2xa1!"). 

Ollaron a Cidade da Cultura dende o Monte Gaias en Santiago de Compostela, un espazo aberto e cheo de posibilidades...

Portáronse xenial e pasárono fenomenal!

Graciñas por todo!

 

 

PLAN DE CONVIVENCIA DO CENTRO: PRIMEIROS PASOS PARA A MEDIACIÓN ENTRE IGUAIS

Este mércores pasado, 25 de maio,contamos coas compañeiras Kety e Begoña do IES Xulián Magariños de Negreira, que se encargan da coordinación de mediación e da orientación neste centro.


Compartiron a súa experiencia tanto na posta en marcha da mediación como na formación, difusión e continuidade do seu proxecto, no que se prima a mellora da convivencia, a autonomía e mellora das competencias sociais do alumnado participante e o fomento do diálogo na resolución de conflitos.

Foi unha pequena introdución para os interesados/as que acudimos: do IES  Laxeiro, do IES Aller, do IES Colmeiro…

Graciñas a Kety, Begoña e aos asistentes.

 

 

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 682 prazas para realizar actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado no ano 2016.

Prazo aberto do 29 de marzo ata o 28 de abril (ambos incluídos).

Aquí podedes consultar:

a) Orde da Convocatoria

b) Extracto da convocatoria

c) Cartel anunciador

d) Impreso da Solicitude

e) Guía para cubrir a solicitude

Máis información en http://www.edu.xunta.es/axudasle e nas oficinas do centro.

 

Plan de Consumo de Froita no Laxeiro

 

O noso Instituto participa no Plan de Consumo de Froita promovido e subvencionado polo FOGGA (Fondo galego  de Garantía Agraria) e a Unión Europea.

Ao longo deste curso temos concedidos 4 períodos de reparto de froita durante os recreos para o noso alumnado.   O primeiro período de reparto comezou o 30 de novembro e desenvolveuse ao longo de 10 días.

 

Os seguintes períodos terán lugar a partir do:

    -   15 de Febreiro

     -    4 de Abril

    -   6 de Xuño

 

Comendo froita e facendo exercicio físico a nosa saúde agradecerao.

O número 3787 leva a fantástica Cesta de Nadal que sorteaban os alumnos de 4º ESO

O/A Posuidora/a da papeleta premiada xa pasou a recoller a fantástica Cesta de Nadal con excelentes produtos que sorteaban os alumnos de 4º ESO.

O número Premiado foi o:        3787

A rifa foi vendida pola alumna de 4º ESO Ángela Barrio e xa atopamos ao gañador.

Resultado do sorteo 3787

 

 

NORABOA!!

 

Recordamos que o obxetivo das rifas era e é en PRO-VIAXE de Fin de Curso do alumnado de 4ºESO do IES Laxeiro.

Presentación da novela “Izan o da saca” de Xabier Quiroga

Portada Libro "Izan o da saca"

Mércores, 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro, rúa Bos Aires, 71, de Lalín, terá lugar a presentación da novela "Izan o da saca" do noso benquerido compañeiro Xabier Quiroga.

No acto participarán Uxío Grande, Rafael Cuíña, Manuel Bragado e Xabier Quiroga.

      >> Ficha do Libro

Izan o da saca
Xabier Quiroga (Autor)
"O Fiscal Superior de Xustiza recibe do seu editor un paquete que contén, ademais dun cartafol con noticias de varias mortes sen relación aparente, unha novela. Nela, un taxista con ínfulas investigadoras e lector empedernido acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego: desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Comeza así, ademais dunha engaiolante procura pola xeografía física e humana deste país, unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.Mesturando realidade e ficción, coa mestría da madurez narrativa e facendo encaixar as múltiples pezas desta novela negra nun insólito final, Xabier Quiroga atrápanos nunha trama que, da man do Reiniña, o seu protagonista, remexe no escuro duns feitos agochados no pasado pero que, sen remedio, salpican o presente."

Un ano máis, contra a Violencia de Xénero

Neste 25 de novembro puxémoslle nome a todas as vítimas do ano 2015. Unha flor violeta e unha folla individualizada simbolizaron a dor dos 48 asasinatos que ata este momento estaban oficialmente contabilizados. O alumnado de 4º de ESO A e PDC rodeou este acto simbólico con poemas, e declaracións de intencións. De fronte, o silencio dun público respectuoso sabedor da importancia que a nosa homenaxe particular tiña.

O alumnado do Club de lectura puxo o seu gran de area interpretando unha performance nun acto que o Concello de Lalín organizou para toda a veciñanza, e no que participaron todos os Centros do Concello.

 

Na galería de imaxes tedes as fotos dese día, no que tamén, coa axuda do alumnado de 1º ESO A, plantamos primaveras en recordo a todas as vítimas.

Asemade, queremos dar os parabéns ás alumnas María, Nerea, Aitana e aos alumnos Jorge e Anxo por seren os gañadores do Concurso de Twitter que organizou o Concello de Lalín. Aquí podedes ver, no arquivo adxunto, os chíos que mereceron ser premiados.

Finalistas do IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2015

Aquí tendes un vídeo elaborado no propio centro:

Distribuir contido