Intercambio I.E.S. Laxeiro-Lycée Champ-Blanc

No curso pasado, 2007-08, catorce alumnos do IES Laxeiro de 4ºESO e 1ºBACH. fixeron o intercambio con 15 alumnos do Lycée Champ-Blanc; a cada alumno atribuíuselle un compañeiro de intercambio co cal conviviu durante a súa estancia no país estranxeiro.

Viaxe ao Laboratorio de Metroloxía de Galicia

O alumnado de 3º da E.S.O. viaxou o martes 19 de maio ao Laboratorio de Metroloxía de Galicia (Como? Meteoroloxía?... NON, Metroloxía), no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense.

A actividade estivo organizada polos departamentos de Tecnoloxía e Física e Química. Na mesma o alumnado puido coñecer de primeira man cal é a importancia das unidades e dos seus patróns, ver parte dos departamentos e aparatos de medida do laboratorio e para rematar facer xogos e obradoiros relacionados co mundo da medida. Ver fotos.

Viaxe a París do alumnado de Diversificación Curricular

Parte do alumnado de Diversificación Curricular viaxa dende o mércores 21 ata o domingo 25 de maio a París.

A actividade está organizada conxuntamente polos departamentos de Língua e Literatura Castelán e de Língua e Literatura Galega. As profesoras acompañantes serán Sara Castro e Ester González. 

Deputados por un día

O alumnado de 1º de Bacharelato ven de defender no Parlamento de Galicia a proposición de lei sobre Desenvolvemento Rural que lle valeu o premio da actividade O Parlamento: a túa casa. A defensa consistíu en simular un debate parlamentario, con tódolos elementos formais coma a exposición da lei e os turnos de réplica baixo a dirección da presidenta Dna Dolores Villarino.

Visita a Baiona e a O Rosal

O alumnado de 2º da ESO ven de visitar Baiona e O Rosal. Na mañá do luns 12 de maio realizaron algúns itinerarios e visitas de carácter histórico pola vila de Baiona. Pola tarde, completaron a saída facendo unha ruta de sendeirismo polos muíños do Folón e do Picón, no concello d'O Rosal.

Visita á Escola Galega de Consumo

O alumnado de 3º e 4º de Diversificación Curricular ven de viaxar a Santiago para visitar a Escola Galega de Consumo. A actividade está organizada polo departamento de Língua Castelá e Literatura e realizouse durante a mañá e parte da tarde do luns día 28 de abril.

Visita á fundación Laxeiro en Vigo

Dentro do conxunto de actividades organizadas para conmemorar o centenario do nacemento de Laxeiro, ven de realizarse unha visita á fundación Laxeiro en Vigo. A actividade foi organizada polo Departamento de Actividades Extraescolares, estivo dirixida a 3º de E.S.O. e tivo lugar durante a mañá e parte da tarde do luns 28 de abril.

Visita a Bande, Celanova

O alumnado de 1º curso da E.S.O. ven de realizar unha viaxe didáctica a Bande, en Celanova, organizada polo departamento de Língua Galega. A viaxe tivo lugar durante a mañá e a tarde do mércores, 30 de abril.

Obradoiro de Educación para a Igualdade de Xénero

O venres día 25 de abril visitaranos a poñente Dna. Maljorys del Carmen Peña para impartir un obradoiro de educación para a igualdade de xénero destinado ao alumnado de 2º de E.S.O. (grupos A e B).

Dna. Maljorys del Carmen Peña traballa na República Dominicana en institutos que reciben alumnado de barriadas conflitivas. Empéñase sobre todo en tratar o tema do desenrolo persoal e de respecto de xénero como instrumento máis do labor educativo e social.

O Laxeiro participa na primeira Liga de Debate de Galicia

Alumnos do Laxeiro van participar do 18 ao 20 de abril na primeira Liga de Debate de Galicia promovida pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

O obxectivo da actividade é fomentar entre os estudantes galegos os debates de competición entre dous equipos. En total serán 24 centros de todo Galicia os que participan nesta primeira edición, onde desenvolverán o tema: Debe primar a seguridade pública fronte ás liberdades individuais?.

Distribuir contido