Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Animación á lectura

Lecturas para o verán 2009

Acabamos de preparar unha selección de lecturas para o verán. Podedes pasar pola biblioteca e ver a exposición dos libros recomendados e tamén levar o tríptico para compartilo coas vosas familias e amigos.

Por certo, lembrade que durante o mes de xullo podedes seguir levando libros en préstamo.

Bo verán acompañado de boas lecturas!!!

Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz, un dos nosos máis recoñecidos escritores, acaba de recibir outro premio, a homenaxe que lle fan os seus compañeiros de profesión. A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) réndelle homenaxe esta fin de semana na súa terra natal, Vilalba. Podes ver fotos aquí.

 

O autor concedeu unha interesante entrevista ao Xornal de Galicia na que comenta como recibe este premio. Ademais opina sobre moitos temas de actualidade: a situación da lingua, o oficio de escribir, as súas novas creacións...

 

Nós queremos sumarnos a esa homenaxe e ademais de lembrarvos esta noticia, queremos animarvos a que sigades lendo as súas obras. Moitas delas témolas na biblioteca e, pouco a pouco iremos completando a colección, pois ben sabemos que é un dos vosos preferidos. Xa estamos agardando pola súa última historia, Lúa de Senegal, da que tamén falou na entrevista citada arriba. 

Rosa Aneiros e Jacobo Fernández

Queremos hoxe felicitar a estes dous autores da literatura galega polos seus recentes premios.

Rosa Aneiros gañou dous premios:

  • Xerais de Novela 2009 con Sol de inverno
  • Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil con Ás de bolboreta

Se queredes saber de que trata a novela Sol de inverno, a propia autora conta algo nesta entrevista.

Jacobo Fernández gañou un premio:

  • Merlín de Literatura Infantil 2009 con Mil cousas poden pasar. Libro I

No acto da entrega de premios que podedes ver aquí, outro dos grandes autores das nosas letras, Agustín Fernández Paz pronunciou un estupendo discurso sobre a recuperación da memoria e a defensa da lingua, que tamén podedes escoitar aquí.

Lembrade que mentres non chegan ás librarías estes novos títulos podedes atopar na biblioteca outras obras destes autores. Temos á vosa disposición varios títulos de Rosa Aneiros como poden ser O xardín da media lúa, Resistencia, Eu de maior quero ser... e algúns debuxos de Jacobo Fernández na revista Golfiño.

 

E Benedetti foise

Nin cadea  poética, nin ánimos, nin nada  o puideron reter máis e, finalmente, fóisenos un dos grandes, Mario Benedetti.

Hoxe queremos unha vez máis recordalo e non hai mellor maneira para facelo que lendo os seus textos. Aquí tedes unha selección dos seus poemas.

 

Mario Benedetti

Sabemos pola prensa do delicado estado de saúde de Mario Benedetti e desde a nosa biblioteca queremos sumarnos á cadea poética por Mario Benedetti.

A actividade parte do blog da Fundación José Saramago e preténdese recitar poesía de Benedetti por todo o mundo, para así axudalo neste mal momento que está a pasar.

Nalgunhas das actividades que se propoñen desde a nosa biblioteca, sempre aparece Benedetti entre os poetas escollidos. De feito, nun recital poético que celebramos en febreiro, el foi un dos poetas seleccionados. Podédelo escoitar nas voces de dúas  das nosas profesoras: María, que recita "Es tan poco" e Lucía, "¿Qué les queda a los jóvenes?" quen ademais explican por que escolleron estes poemas. (Tedes que teclear nos seus nomes na páxina de descargas da nosa radio).

E se queredes ler máis poemas do autor, podedes facelo tecleando aquí ou mesmo escoitalo a el recitando o poema "Hagamos un trato". 

 

Lectura e audiovisuais

(III) Rosalía de Castro en clave de jazz

 

Acábase de conmemorar o 172 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro ( o 24 de febreiro, día no que se celebra o Día de Rosalía) e con ese motivo queremos presentarvos un novo traballo, o disco poético musical Rosalía 21. Nel conxúganse os poemas de Rosalía recitados polo poeta Anxo Angueira, cantados por Guadi Galego e musicados por un dos máis destacados intérpretes de jazz, Abe Rábade.

No disco faise unha revisión e actualización dos poemas da nosa poeta máis universal, entre eles, "A xusticia pola man", "Ladraban contra min", "Tecín soia a miña tea" ou o clásico "Negra sombra".

Se queredes coñecelo con máis detalle, escoitalo e gozar desta marabilla, témolo na biblioteca así coma os libros de Rosalía  (Cantares Gallegos e Follas Novas) nos que se recollen estes poemas.

E se queredes saber máis sobre a orixe deste traballo, pulsade aquí.

 

 

(II) Rafael Dieste e Scott Fitzgerald

Rafael Dieste                                           Scott Fitzgerald

Nos últimos días estase a falar moito da película El curioso caso de Benjamin Button, dirixida por David Fincher e interpretada por Brad Pitt.

 Brad Pitt e a caracterización como Benjamin Button

A película estaba nominada para os Oscar en varias categorías pero finalmente só acadou tres. O guión da película está baseado nun relato do norteamericano Scott Fitzgerald (1896 - 1940), publicado no 1922, e que trata dun home que nace con oitenta anos e vai rexuvenecendo co paso do tempo, o que lle vai producir graves complicacións ao ter mentalidade de neno nun corpo de ancián.

Un argumento moi semellante é o que nos ofrece o rianxeiro Rafael Dieste (1899 - 1981) no conto " O neno suicida", historia que aparece na edición definitiva de Dos arquivos do trasno (1ª ed. 1926; ed. definitiva, 1966). Neste conto un vagabundo conta a historia dun home que vive a vida ao revés, pois prefería ir de vello para novo ca de novo para vello.

Esta historia tamén conta cunha versión audiovisual, nunha curtametraxe que emitiu a TVG no ano 2005 dentro da serie Un mundo de historias, serie que recrea sete contos galegos, historias creadas por Dieste, Castelao e moitos outros dos grandes nomes da literatura galega.

É unha simple coincidencia ou puido ser que Dieste coñecese a historia de Scott Fitzgerald? A verdade é que resulta imposible sabelo con certeza, pero o que si podemos é ler os dous textos e localizar as semellanzas e as diferenzas entre ambos.  Se queredes, podedes ler "O neno suicida". E tamén o relato de Fitzgerald, na súa versión orixinal ou nunha tradución ao español.

 

 

 

(I) FLOCOS.TV

A Axencia Audiovisual Galega acaba de crear un cineclube do audiovisual galego, Flocos.tv  É un espazo no que se presentan curtametraxes, documentais...  e todos eles en galego.

Hoxe queremos dárllela noraboa aos seus creadores e recomendar especialmente que visitedes a sección de Animación. Nela poderedes ver distintas curtametraxes feitas con plastilina e animadas por Virginia Curiá e Tomás Conde. Todas elas están baseadas en textos literarios de Álvaro Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Manuel Murguía, Avilés de Taramancos ou Eladio Rodríguez entre outros.

E para mostra un botón: a historia de "Alistán, o demo oveiro", baseada nun relato de Cunqueiro e que lles vai gustar moito aos amantes do escatolóxico.  

E unha máis de propina: a historia titulada "Good night, mon ami", baseada na famosa 'cousa' de Castelao que xa case todos coñecedes.

Esperamos que vos gusten!!

Fomento da lectura

Buscando o libro preferido

O Grupo de Traballo da biblioteca solicita a colaboración do profesorado, dos PAS... nunha actividade de fomento da lectura. Queremos que seleccionedes o voso libro preferido e que sexa cercano ao alumnado.

Trátase de escoller un fragmento, acompañalo da foto do autor ou autora, para que os nosos rapaces e rapazas vexan o que lemos nós, o que nos gusta, e despertarlles así o interese cara a outras lecturas. Lembrade de acompañar a vosa selección do voso nome e apelido e a materia que impartides. Con todos os textos faremos unha exposición da que seguro que todos aprendemos moito.

Lembrade que o prazo de entrega remata o 28 de maio.

Animádevos a participar, pois entre todos daremos un pasiño máis na aventura da lectura.

Distribuir contido


by Dr. Radut