Biografías 01

Biografías.

 

 

JOÃO DA NOVA  (XOAN DE NÓVOA)

Navegante (finais do s.XV e comezos do XVI) coñecido por Xoan o Galego, natural de Maceda (Ourense); alistouse na mariña portuguesa, distinguíndose entre os que participaron na conquista das Indias orientais, motivo polo que, en 1501 se lle deu o mando dunha flota de catro naos, na que ía Américo Vespucio. Descubriu a illa da Concepción (despois chamada da Asunción), onde fundou unha factoría, derrotou unha escadra de cen velas e de regreso da India a Lisboa, realizou o descubrimento da illa de Santa Helena. En 1505 voltou á India e logo acompañou coma capitán ao célebre Albuquerque, contra o que se insubordinou con algúns dos seus compañeiros. Experto navegante e valente guerreiro, en premio aos seus descubrimentos e servizos foille concedido o cargo de alcalde de Lisboa, cidade na que faleceu cara ao 1540.

Bibl.:Gran Enciclopedia Gallega.

Para saber máis: Joao da Nova.

FRANCISCO MOURELLE DA RÚA

Navegante galego nado en Corme o 17 de xullo de 1750 e falecido en Cádiz o 24 de maio de 1820, descubridor dalgunhas das illas Tonga.
En 1775 foi nomeado primeiro piloto do porto de San Blas, na costa oeste de México. Participou en dúas expedicións como piloto de Juan Francisco de la Bodega y Quadra, na exploración da costa oeste de América do Norte. Mourelle destacou polas descricións do seu diario, publicado en inglés e utilizado por James Cook e Jean-François de La Pérouse.
En 1779. ao norte de Nova Irlanda descobriu diversas illas menores: Isla Ermitaño (hoxe Emirau), San Francisco (Simberi), San José (Mabua) e San Antonio (Tabar).
O 26 de febreiro de 1781 chega ás illas Tonga en condicións precarias. Á primeira illa chámalle Amargura (Fonualei), porque nela non atopa avituallamento. Pasa polo volcán Latte (Late) ata cehgar a Puerto Refugio (Port of Refuge) da illa Mayorga (Vava'u). Chama ao grupo de illas Mayorga (hoxe Grupo Vava'u) en honra ao virrei de Nova España, o barcelonés Martí de Mayorga.
Logo de dezaseis días seguen cara ao sudoeste, onde descobren os volcáns Consolación (Toku) e Culebras (Fonuafo'ou), e algunhas illas menores no grupo Ha'apai, que chama illas Gálvez en honra a José de Gálvez, ministro de Indias.
Chegado aos 30º de latitude sur, regresa a Tonga e segue cara ao norleste, descubrindo Isla del Cocal (Nanumaga) e San Agustín (Nanumea) nas illas Ellice, hoxe Tuvalu.
Descansa no Panteón de Mariñeiros Ilustres de Cádiz.

 

ISABEL BARRETO

AO MANDO DE CATRO NAVÍOS. A PRIMEIRA ALMIRANTA ESPAÑOLA.

A primeira almiranta española era de Pontevedra. Pertencía á nobreza galega, como as escasas mulleres que naqueles anos tiñan capacidade de movemento. Isabel Barreto sabía ler e entendía latín, o que lle permitiu acceder a mundos prohibidos para as súas conxéneres. En 1596 vese obrigada a asumir o mando dunha expedición formada por catro navíos que meses antes zarparan de Perú, cara as illas Salomón, en Melanesia. Ao fronte da expedición, con nutrida presenza galega, figuraba Álvaro de Mendaña, que casara con Isabel en Lima, no ano 1586. Coa parella viaxaban catrocentas persoas máis. Descubriron as illas Marquesas, poboaron a de Santa Cruz e bregaron cos motíns que nunha viaxe tan longa, sobresaltaban con frecuencia o ritmo da expedición. Mendaña morreu, de feito, durante a viaxe. Despois de sufocar con rudeza e enerxía varios intentos de rebelión, Isabel Barreto fíxose cargo da aventura. Contaba co título de Capitana e co de Adiantada nos Novos Mundos que o seu home lle concedera no leito de morte. Chegou ás illas Filipinas, onde acabaría casando con outro galego, Fernando de Castro, familiar dos condes de Lemos. A súa singular peripecia foi recollida no libro "Las islas de la imprudencia", do novelista británico Robert Graves, traducida ao español, aínda que non ao galego.

Bibl.: La Voz de Galicia.