Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Unha das nosas escritoras máis activas no panorama da literatura infantil e xuvenil da actualidade é Ledicia Costas e é noticia nestes días (principios de outubro de 2015) porque acaba de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, premio que se concede no Estado español e que, por quinta vez, recae nun título escrito en galego, neste caso a novela Escarlatina, a cociñeira defunta. Este premio vén sumarse a moitos outros que xa lle foran concedidos a este libro: Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014, Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014, Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014.

Será unha casualidade que este libro leve tantos premios ou é que realmente os merece? Se non o liches aínda, estás tardando... Animádevos a lelo ou outras das súas obras que vos han gustar; algunhas témolas na biblioteca: Escarlatina, a cociñeira defunta; O corazón de Xúpiter; Xardín de inverno e Recinto gris.