Película e coloquio con Alba Prol sobre "A mestra da escola"

O mércores 4 de outubro recibimos no centro a Alba Prol, directora e guionista da película documental A mestra de escola. O encontro serviu para coñecer mellor como se ideou esta historia e como se fixo realidade, ademais de para aprender como mudou a profesión das mestras rurais ao longo do século XX.

A actividade organizouna o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o EDLG para o alumnado de 3º e 4º e o profesorado que quixo sumarse.

A mestra da escola é un documental de xornalismo de investigación histórica e testemuñal sobre as mestras rurais e a historia da educación en Galicia. Dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, está destinado a un público amplo e heteroxéneo, especialmente para a comunidade educativa e para o ámbito familiar. Contou coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia e producido ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

A AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e a Xunta incorporaron esta película ao Catálogo Educa Audiovisual para achegar o cine aos centros educativos e facer posible o encontro e o coloquio entre o alumnado e os creadores e creadoras das películas.