Requisitos de acceso a Ciclos Formativos

FOLLETO DA XUNTA

Ciclos formativos de grao medio en réxime ordinario

1. Para acceder aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional requirirase dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, poderase acceder de forma directa aos ciclos formativos de grao medio con estas titulacións ou con estes estudos superados:

a) Título de técnico dun ciclo formativo de grao medio de formación profesional específica.

b) Título de técnico auxiliar de formación profesional.

c) Segundo curso do bacharelato unificado e polivalente (BUP).

d) Segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM).

e) Das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, terceiro curso do plan de estudos de 1963 ou segundo curso de comúns experimental.

f) Outros estudos declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores.

3. Tamén poderán acceder aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional, sen cumpriren os requisitos mencionados nos números 1 e 2 anteriores, as persoas solicitantes que teñan superado a proba de acceso aos ciclos formativos prevista no artigo 41.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e desenvolvida no artigo 22 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro.

4. Quen teña superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderá acceder, se así o solicita, pola cota reservada a probas de acceso indicada no artigo 3.1º. b) da presente orde, coa cualificación de 5,00 puntos para os efectos de baremación.

Ciclos formativos de grao superior en réxime ordinario

1. Para acceder aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional requírese dispor do título de bacharel establecido na citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, poderase acceder aos ciclos formativos de grao superior con estas titulacións ou con estes estudos superados:

a) Título de bacharel establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Segundo curso de calquera modalidade de bacharelato experimental regulado pola orde ministerial do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

c) Curso de orientación universitaria (COU) ou preuniversitario (PREU).

d) Título de técnico especialista, de técnico superior ou equivalente para efectos académicos.

e) Titulación universitaria ou equivalente para efectos académicos.

3. Tamén poderán acceder aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen cumpriren os requisitos mencionados nos números 1 e 2 anteriores, as persoas solicitantes que tivesen aprobado a correspondente proba de acceso prevista no artigo 41.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, desenvolvida no artigo 24 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro.

4. Quen teña superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderá acceder, se así o solicita, pola cota reservada a probas de acceso indicada no artigo 3.1º b) da presente orde, coa cualificación de 5,00 puntos para os efectos de baremación.

Oferta parcial de módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas.

1. Poderán incorporarse á oferta de módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas aquelas persoas que teñan cumpridos dezaoito anos ou os cumpran no ano natural en que comeza o curso escolar. Excepcionalmente, poderán cursar estas ensinanzas as persoas maiores de dezaseis anos que o soliciten e teñan un contrato laboral que lles impida acudir aos centros educativos polo réxime ordinario ou sexan deportistas de alto rendemento, segundo o procedemento que se establece no artigo 6º.2 da Orde do 23 de abril de 2007.

2. Con carácter xeral, os requisitos académicos de acceso aos módulos profesionais ofrecidos de xeito parcial serán os mesmos que os establecidos nos artigos 5º e 6º desta orde para o réxime ordinario.

3. Non obstante o anterior, de acordo co artigo 34 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e grupos desfavorecidos no mercado de traballo, poderán acceder a esta oferta parcial de módulos sen cumpriren os requisitos académicos de acceso aquelas persoas adultas que desexen cursar ofertas de módulos profesionais incluídos en títulos e asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, sempre que teñan acreditado unha experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo que se desexe cursar. 

Powered by Drupal - Design by artinet