Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Estimados pais e nais, persoas titoras e gardadoras do noso alumnado,

enviámoslles esta circular para poñer no seu coñecemento as dificultades que estamos a ter para organizar este inicio de curso, dificultades debidas ao cambio constante de criterio e instrucións por parte da Consellaría.

Somos conscientes da preocupación colectiva derivada da falta de información sobre o inicio deste curso. O equipo directivo leva traballando en todas as alternativas posibles para un regreso seguro ás aulas desde o remate do curso pasado e durante todo este verán.

Ata este momento levamos dous cambios de normativa, e agardamos aínda a saída dunha terceira. Cada cambio normativo implica unha reorganización de grupos, de aulas e unha reformulación da petición de novo profesorado. Por exemplo, comentaremos que a distancia de seguridade entre o alumnado sufriu distintas modificacións por parte da Consellería: de un metro (22 de xullo), de metro e medio (31 de agosto), de un metro e colocación de separadores entre o alumnado (data?).

A día de hoxe descoñecemos o número de grupos concedidos, a disposición que deben presentar as aulas, así como o número de profesorado co que pode contar o noso centro. Estes cambios constantes dificultan o noso traballo e imposibilitan tamén que lles poidamos trasladar unha información real sobre o regreso ás aulas.

Para finalizarmos, queremos comunicarlles que esta dirección traballa e traballará arreo para que o noso centro sexa un espazo seguro para as súas fillas e fillos, así como para o resto da comunidade educativa. E unha vez máis queremos reiterar o noso compromiso cun ensino público e de calidade.