Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Hoxe, 16 de outubro, o alumnado de 4ºESO do noso centro acude ao Pazo da Cultura de Carballo para ver a función “DeseXo” dentro de 33 Festival Internacional Outono de Teatro (@fiotcarballo).

Esta obra corre a cargo da compañía Talía Teatro (@taliateatro), compañía creada en 1988 cun selo propio e orixinal que persigue a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país.

DeseXo é un espectáculo de nova creación, que nace a partir de inquedanzas xurdidas dentro da propia compañía. En concreto a partir da seguinte pregunta: como afecta a pornografía ás nosas vidas?.

O espectáculo está concibido como unha reflexión en ton cómico sobre a ausencia xeralizada desta formación, tanto no ámbito doméstico, como no marco formativo regrado; tamén sobre a súa substitución polo que se pode aprender na pornografía e nas redes sociais, coa consecuente aparición de malos hábitos, frustracións, estereotipos sexistas e unha excesiva presión á hora de manter relacións afectivo-sexuais.

Un espectáculo que conta coa axuda á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) na modalidade plurianual.

Os dous intérpretes, Marta Ríos e Dani Trillo, fan unha exposición de diversas situacións relacionadas con estes temas, con constantes rupturas da cuarta parede, nun denodado esforzo por establecer unha vía de comunicación co público ao redor das relacións sexuais.