Comunicado para toda a comunidade escolar

Estimada comunidade educativa:

Dende o equipo directivo do IES Indalecio Pérez Tizón lamentamos enormemente a publicación, onte domingo 8 de novembro, dun artigo de prensa, no que se recolle un bulo publicado nas redes sociais e que terxiversa uns feitos acaecidos neste IES. Dar credibilidade e facerse eco de falsas noticias que corren polas redes sociais é un erro que todos podemos cometer, pero a profesionalidade xornalística, esixe que antes de publicar un artigo, se deben contrastar as fontes de información, coa finalidade de acadar unha veracidade obxectiva.

Puntualizamos que en ningún momento se lle recriminou a ningún alumno deste centro a vestimenta por razóns de xénero e, moito menos, que se lle puxese ningunha falta de conduta nin se ameazase cunha expulsión por tal motivo. A inexactitude no relato dos feitos descritos neste artigo e o xeito no que se desvirtúa a realidade do acaecido, atenta tanto contra a dignidade deste equipo directivo, como contra a de toda a comunidade educativa deste IES.

Desafortunadamente, deformar situacións que se poden dar a diario nun centro educativo, onde é habitual reprender condutas que nada teñen que ver co relatado neste artigo, embaza e desmerece o traballo dun colectivo que neste momento está sendo obxecto dunha difamación. Artigos como este, lonxe de fomentar valores como a convivencia, a igualdade, o respecto e a responsabilidade individual e colectiva, que é o que tratamos de trasladar ao noso alumnado e ofrecerlles de exemplo, acrecentan odios e enfrontamentos que non representan en absoluto os valores defendidos e practicados por este centro.

O equipo directivo.

Tui, 9 de novembro de 2020