Crónica da visita á UTE de Teixeiro pola nosa correspondente: Julia Nieto Mantiñán

 

 O xoves día 12, un grupo reducido de rapaces de 4º da ESO fomos escollidos a través dun sorteo para visitar o cárcere de Teixeiro, famoso por albergar presos tan soados nos medios coma Rosario Porto ou Alfonso Basterra, pais e asasinos da nena de non máis de catorce anos Asunta Basterra.

 

   Con relatos tan arrepiantes como referencia quizais o aspecto lúgubre que o cárcere amosaba na lonxanía se viu incrementado. Os quilométricos muros e as fortes medidas de seguridade nada tiñan que ver co que o seu interior albergaba. Parecía case como entrar noutro mundo. A súa propia cafetaría, igrexa, hospital, xardíns, rúas...Pero o que realmente cambiou  por completo a nosa forma de velo foron os seus habitantes. Nada tiñan que ver cos prexuízos establecidos na nosa sociedade. Ninguén escondía o seu sorriso e nada máis chegar agasalláronnos cunha pulseira de coiro feita por eles a cada un de nós.

 

   O seguinte que tivo lugar foi un cúmulo de experiencias. Descubrimos os diferentes ámbitos nos que a vida dos condeados transcorre: clase de arte, música, cerámica, biblioteca... E mesmo nos deixaron vivir de primeira mana súa estanza no cárcere dispoñéndonos por parellas, elixidas ao azar, en diferentes celas durante dez minutos. O resultado: agobio, aburrimento... Penso que ninguén quedou con ganas de pisar unha. Despois disto, repartidos en pequenos grupos, tivemos a oportunidade de vernos cara a cara con aqueles presos que tiveran problemas coas drogas no pasado. O seu testemuño foi escoitado no silencio respectuoso que acompaña a aquelas historias máis duras. Falouse das diferentes drogas (legalizadas ou non), da importancia das amizades que un escolle e do apoio incondicional das familias. Non só coñecemos por primeira vez os efectos das drogas (aspecto que ningunha charla sobre esta temática podería amosar)   senón que aqueles que falaron connosco transmitíronnos o seus sentimento de superación e o seu desexo, como eles din, de empezar de cero. 

 

   Deixamos o cárcere ademais sabendo que a “terapia” foi recíproca, xa que mesmo algunhas das historias que saíron á luz non foran nin sequera escoitadas no seu día polos funcionarios que nos acompañaban.   É que para min as historias máis bonitas non son aquelas que deixan pegada en quen as escoita, senón as que tamén liberan da carga de sostelas a aqueles que as contan, demostrando así a súa valentía.

 

Julia Nieto Mantiñán 4ºESO A.