UNHA BIBLIOTECA "NADA_COMÚN" DEBÍA TER NOME PROPIO

     Para os que convivimos cada día no IES Francisco Aguiar non hai ningunha dúbida...a nosa biblioteca non é "nada_común".

      Insistente, cada semana aliméntanos coas súas propostas de lectura a través do blog e o facebook. Convoca entusiastas lectores xuvenís e adultos nos seus clubes . Polo San Valentín namóranos e invítanos a namorarnos sen importarlle exercer de estafeta postal. Xunto aos libros clásicos, móvense nela con normalidade películas, cómics e albumes ilustrados.... Treme polo Samaín. Fai soar campaniñas polo Nadal. Lánzase cada maio, cámara en ristre, ás rúas de Betanzos no safari fotopoético. Énchese de alumnos e alumnas de segundo de bacharelato aló pola segunda metade de maio... Vella pero nova. Naceu co vello Instituto Laboral, no lonxano 1952, pero día a día amósanos unha saude e vitalidade envidiable.

    Pero a partir das 13.30 hs. do martes 17 de xuño deste 2014 non soamente será unha biblioteca “nada_común”. Contará, tamén, cun nome propio: “Sebastián Buedo Jiménez”.

     Foi Sebas un grande amante dos libros, de todos os libros. Amante da súa profesión e do noso Instituto betanceiro. Queremos, por iso, honrar a súa memoria facendo propio para a nosa Biblioteca o seu nome propio. Unha biblioteca que nos servirá para lembrar a palabra culta, cálida e comprensiva de Sebas sempre disposta a buscar solucións de consenso. Un espazo colectivo, de convivencia e tolerancia. Unha grande fiestra aberta ao mundo, a todos os mundos posibles e im-posibles. Por iso o nome propio lle acae tan oportuno, porque ninguén foi, no Instituto, mellor abandeirado que Sebas dista apertura ao mundo a través das inumerables viaxes e intercambios que organizou: Cracovia, Stuttgart, Londres, Budapest, Sicilia, Atenas, Creta...

A “nada_común” biblioteca do IES Francisco Aguiar ten , dende agora, a honra de levar o nome de “Sebastián Buedo Jiménez”.