Skip to Content

A segunda parte do exame de recuperación para alumnado de 2º co módulo pendente de Electricidade e automatismos eléctricos de 1º CM de Mantemento electromecánico será o mércores 13 de febreiro de 8:30 a 11:30.

 

A primeira parte do exame de recuperación para alumnado de 2º co módulo pendente de Electricidade e automatismos eléctricos de 1º CM de Mantemento electromecánico será o martes 27 de febreiro no Salón de Actos de 8:30 a 11:30.

 

 

 

As cualificacións de todas as ensinanzas publicaranse en ABALAR xoves 22 de xuño ás 20:00 horas, agás as de 2º do C.S. de administración e finanzas que se publicarán luns 26 de xuño ás 12:00 horas.

 

O Fernando Blanco organiza o Día da Ciencia na Rúa luns 12 de xuño. Este é un proxecto levado a cabo coa colaboración de diversos departamentos do centro, que busca sacar o coñecemento adquirido polo alumnado á rúa, e facer partícipes do seu traballo á poboación en xeral, así coma mellorar a súa competencia comunicativa, científica e divulgativa, entre outras.

Tras un arduo traballo por parte do alumnado, nesta primeira edición conseguiuse preparar 12 postos, con retos e experimentos enmarcados en todas as ramas da ciencia, sempre buscando un obxectivo divulgativo e entretido. Esta xornada está orientada cara o alumnado dos centros educativos da contorna, aínda que pode participar calquera persoa que decida achegarse.

A resposta dos centros á actividade foi moi positiva, estando prevista a asistencia de máis de 450 alumnos dos seguintes centros educativos: IES Agra de Raíces, IES Lamas de Castelo, CEIP Vila de Cee, CPR Manuela Rial e o alumnado da ESO do IES Fernando Blanco.

Aínda que inicialmente estaba previsto realizar a xornada na Alameda de Cee, debido ao mal tempo con previsión de chuvias para este luns, faise no Pavillón polideportivo municipal.

Esta xornada conta coa colaboración do Concello de Cee.

Foto de grupo ao remate da gran final 9/6/2023

 

Este venres 9 de xuño tivo lugar a Gran final da XII edición da Olimpíada cultural O Saber ten Premio, no salón de actos do IES Fernando Blanco onde estaba presente o alumnado, as súas familias, o profesorado e os patrocinadores que a fan posible. Tamén nos acompañou a Directora Xeral de Formación Profesional dona Eugenia Pérez Fernández, así como a inspectora de educación dona Magdalena Duarte Blanco. 

Esta Gran final estivo conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida. A ela chegaron 3 equipos que se clasificaron despois das semifinais previas, estes equipos foron: Os Colegas, Os Fenómenos e Os Malagueños.

A Gran final tivo dúas partes:

Na primeira parte, os 3 equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 1.000 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático. Nesta primeira parte resultaron clasificados Os Colegas e Os Fenómenos. 

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema Influencer: Realmente é unha profesión?, na que os dous equipos clasificados defenderon posturas opostas, Os Colegas a favor de que influencer é unha profesión e debe ser regulada e Os Fenómenos en contra. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.

O primeiro premio de 600 €, correspondeulle ao equipo Os Colegas  integrado por Daniela Alves Estévez de 2º bacharelato, Camilo Rodríguez Espasandín de 1º bacharelato, Elián Estévez Moure de 1º CS de Administración e Finanzas, Mateo Buschmann Bella de 4º da ESO e Mateo Alves Estévez de 4º da ESO. Este premio foi entregado por don Justo Trillo Lado representante de XEAL que é a empresa que patrocina o primeiro premio.

O segundo premio de 400 € foi para o equipo Os Fenómenos que estaba formado por Candela Vázquez Martínez de 2º bacharelato, Uxío Nemiña Formoso de 1º bacharelato, Brais Canosa Lestón de 2º da ESO, Claudia Manchado Valín de 2º da ESO e Jonathan West Haya de la Torre de 1º CM  de Xestión administrativa. O premio foi entregado por dona Mélani Lois Barcia que representaba a GERCA, que era a empresa que patrocinou este 2º premio.

O terceiro premio dotado con 300 € foi gañado polo equipo Os Malagueños composto por Marta Vérez Pequeño de 2º bacharelato, Adriana Castiñeira Iglesias de 2º bacharelato, Rubén Trillo Piñeiro de 1º CM de Matemento Electromecánico, David Santabaya Paz de 4º da ESO, Lucía Canosa Lestón de 2º da ESO. Fixo entrega do premio don Severo Roget Romero, en representación de Ferretería Roget, que é a empresa que patrocinou este 3º premio.

Durante o desenvolvemento da gala tivemos a oportunidade de ver o vídeo elaborado por 1º CM Xestión administrativa que obtivo o 1º premio no concurso do 25 N contra a violencia contra a muller, así como vídeos sobre as actividades realizadas durante o curso. Tamén se fixo entrega dos premios do XVI Concurso de microrrelatos.

Para rematar a gala a Directora xeral de Formación Profesional, dona Eugenia Pérez, fixo unha intervención na que salientou a implicación de toda a comunidade educativa do Fernando Blanco na Olimpíada Cultural e felicitou a todo o alumnado polo seu interese en ampliar coñecementos e facelo traballando en equipo e atrevéndose a facer unha exposición pública deses coñecementos.

Fai clic sobre a imaxe para ampliar

(Modificado o día do exame de Inglés de 1º CS)

Calendario de exames finais2022/23 - Modificación

 

Visita ao río Negro 11/05/2023

Visita ao río Negro 11/05/2023

Visita ao río Negro 11/05/2023

Visita ao río Negro 11/05/2023

 A saída ó Río Negro (Muxía) enmárcase dentro da educación ambiental, e nesta saída o alumnado participa nun programa de voluntariado ambiental. Neste programa, o Proxecto Ríos, cada grupo de voluntarios adopta un tramo duns 500 metros de río para facer unha avaliación do estado de saúde do mesmo, baixo a coordinación da Asociación Ecoloxista ADEGA.

Tras o traballo de campo os resultados obtidos pasan a formar parte dunha base de datos que servirá para a publicación dos informes anuais do estado de conservación dos ríos galegos. 

O grupo de voluntarios do IES Fernando Blanco estivo constituído polo alumnado de 2º de ESO de Paisaxe e Sustentabilidade, o alumnado de 3º de ESO e o alumnado de 1º de Bacharelato de Cultura Científica, os cales adoptaron un tramo de 430 metros do Río Negro próximos á sua desembocadura, na zona de Os Muíños, no Concello de Muxía.

Para a inspección do río os voluntarios fixeron o traballo de campo o día 11 de maio, cumprimentando unha ficha de inspección na que se estudou tanto a calidade hidromorfolóxica do tramo adoptado, como a calidade físico-química e biolóxica. Cabe destacar neste último apartado o uso de bioindicadores do leito do río. A identificación de macroinvertebrados foi unha das tarefas que ocupou a maior parte da saída, e que lle permitiu ao alumnado tomar conciencia da importancia da conservación dos ecosistemas para preservar a biodiversidade.

 

De esquerda a dereita Margarida Maceira, Víctor Hugo Barrientos, Ariadna Castro e Paulo Calvo

 

O venres 5 de maio realizouse a entrega dos premios correspondentes ao Concurso Febreiro (marzo, abril,...) mes do amor no Fernando Blanco, ao que o alumnado puido presentar cartas de amor, relatos, imaxes,... en dúas categorías.

Na categoría da ESO de cartas de amor resultou gañador Víctor Hugo Barrientos García de 2º da ESO.

Na categoría de bacharelato e ciclos formativos de imaxe con relato a gañadora foi Ariadna Mar Castro Aresmes de 2º de bacharelato.

Os premiados leron as súas obras e recibiron un agasallo consistente en dúas entradas, para cada un, para os Cines Xunqueira de Cee.

Parabéns Víctor e Ariadna!!



by Dr. Radut