Skip to Content

A ÁRBORE DA VIDA, DE ÁLVARO DE LA VEGA

 

 

 

Visito no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo a extraordinaria exposición A árbore da vida do escultor lugués afincado en Rianxo, e nun dos cumios da escultura galega actual, Álvaro de la Vega. A medida que me movo polos diferentes grupos escultóricos (376 figuras de madeira), recordo o asombro que me produciu hai moitos anos decatarme da inmensa variedade de xestos e posturas que tiñan os meus alumnos á hora de escribir nun exame. Pasei dúas horas fixándome nos detalles e como eses detalles configuraban mundos e psicoloxías diferentes. Como o propio Álvaro di nun dos textos que acompañan a exposición: “A obra é coma un gran río: ao principio parece monótono, pero cando nos agachamos e poñemos a atención, descubrimos mil universos singulares”. Así é. A exposición hai que vela moi preto das figuras, fixándote nas diferentes formas e xestos e posturas e, sobre todo, nas variadas relacións, mediatas e inmediatas, que se establecen entre elas, pois reflicten, ao meu entender, unha profunda admiración do autor polo arte (pre)dramático e os mitos máis ancestrais do inconsciente colectivo humano.

 

Aínda así, nun segundo percorrido decateime de algo que aínda me parece máis substancial, e que me recordou unha das experiencias intelectuais máis gratificantes da miña vida. Decatarme da importancia da filosofía de Platón cando primaba o común sobre o diferente e que eu, na miña inxenuidade xuvenil, sempre minusvalorara. Vendo desde unha perspectiva panorámica a exposición, decateime de que toda esa variedade de universos singulares só se sostiñan e só captaban relevancia desde o fondo común que conformaban os rostros ou, mellor dito, o Rostro, ou mellor dito aínda, a expresividade ou ausencia de expresividade dos rostros, tanto o desas figuras que observan as diferentes escenas como o desas que as protagonizan, mesmo en actos tan compulsivos e violentos como unha violación ou ulir as partes íntimas (esa admiración do autor pola saúde física) para detectar a hixiene moral ou a falta de hixiene moral da humanidade. É certo, como di Álvaro noutra das frases da exposición, homenaxe a O xardín das delicias, que “aloucados, carnais, entusiastas, submisos, vividores, xentís, solitarios, pasivos, todos caben e buscan o seu lugar na árbore da boa vida”, pero a miña experiencia non foi finalmente esa. E non o foi porque son os rostros e a atmosfera que crean os rostros os que, na miña sensibilidade, acabaron sendo os verdadeiros protagonistas da exposición. Porque non é unha exposición que celebre a vida ou a morte, nin que busque ou negue un Sentido, nin que invite ou rexeite entrar neses múltiples universos singulares. Non é optimista nin pesimista, nihilista nin utópica. É simplemente unha exposición ante a que o visitante (cando menos o visitante que isto escribe), se pregunta iso que todos os seres humanos nos preguntamos algunha vez, sobre todo cando os anos se acumulan: “E isto é todo? Para isto nacemos?”. E, deseguido, faltos de palabras e conceptos fiables, respondemos actuando co corpo, a única sinceridade á que temos acceso.

 

As figuras de Álvaro actúan ou observan pero, en calquera caso, son froito dunha inercia máis física que química, máis química que biolóxica, máis biolóxica que cultural, e por iso, só por iso, máis metafísica (ese Rostro) que física. Son figuras que xorden do baleiro e encarnan o baleiro botando en falta ese baleiro que ocupan e comparten. Fixémonos nesa parella abrazada que colga do teito. Cal é o feito relevante, ese que toda obra de arte ten que significar? Cales son os feitos irrelevantes? Nin sequera abrazadas sobre o abismo as figuras de Álvaro contan unha historia particular ou exemplifican a Grande Historia da Humanidade, da Nación, do Deus Supremo, do Amor ou dos Dereitos Humanos. Revelan, simplemente, que cada instante de vida do noso corpo pertence só a ese instante. Como diría Peter Cook: “Oh, si, aprendín dos meus erros e estou seguro de poder repetilos exactamente”

X.Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut