Skip to Content

FERMOSOS VENCIDOS

Na Idade Media chamábanlles desafortunadas ás persoas que non conseguían relevancia social; hoxe, por influencia neoliberal, chamámoslles perdedores. Enrique Ocaña prefire chamalos fermosos vencidos. Refírese a si mesmo. Fillo dunha nai bailaora xitana e dun pai da alta burguesía empresarial valenciana, tivo unha infancia e unha adolescencia felices, foi un estudante exemplar toda a vida (na universidade chegou a obter o premio extraordinario de doutoramento), pero aos 45 anos estaba diagnosticado como un politoxicómano bipolar que nunca cumpriu as expectativas que creou ao seu redor. Cóntao en Confesiones de un filósofo desaparecido en combate, un libro extraordinario pola sinceridade coa que relata unha vida que acabou circunscrita a un programa de administración de metadona e aos baixos fondos de varias cidades do mundo.

Nese libro atópome cunhas páxinas que me fan rememorar a miña propia sorpresa co libro de Kant Os soños dun visionario explicados polos soños da metafísica. Nese libro, di Ocaña, a razón kantiana “interioriza os mecanismos de vixilancia da biopolítica moderna e aplícaas para excluír da Academia, como simples diletantes intoxicadores, a fantasiadores e outros soñadores dos sentidos (…) Todo exceso, toda transgresión dos límites impostos polo Tribunal da Razón conduce á insania (…) Desde esta perspectiva policial, os ensaios de experimentación con drogas non posuirían valor epistemolóxico, senón patolóxico, e por tanto, representarían unha ameaza para a integridade cognitiva dos profesionais da filosofía”. Ocaña cre que as palabras de Kant evidencian que a conciencia moderna xa non está aberta a epifanías ou iluminacións e, como consecuencia, o Poder cérranos a mente con cárceres invisibles que nos protexen á forza contra toda experiencia que transcenda a rutina psíquica. Así, reivindica a filósofos como Nietzsche (sempre próximo ao desvarío, di) ou Jean Améry, que pensaron fóra da burbulla protectora das aulas.

 

 Cando leo un libro así, un libro que reivindica as viaxes psicodélicas como formas de acadar visións alternativas ás visións dominantes do mundo, identifícome co autor pois sempre crin necesario cuestionar o discurso dominante. Pero en canto pecho o libro, véñenme á cabeza meus sobriños e meus alumnos, e dígome que non me gustaría que levasen a vida de Enrique Ocaña. Sobre todo, porque despois de ler o seu libro sigo sen comprender cal é a visión alternativa ao mundo que as drogas ofrecen. Non capto (máis alá do inmenso pracer ou da inmensa dor) en que consiste ese coñecemento que esas viaxes psicodélicas aportan. De feito, Ocaña expón no último capítulo un epílogo-manifesto en defensa do que, ao seu xuízo, debe ser a filosofía. Tras aceptar que o legado filosófico histórico só se pode conservar nas institucións académicas, sostén que a ese legado hai que inxectarlle sangue dotándoo de experiencias fóra das aulas, sen buscarlle á filosofía utilidade ningunha, véndoa como un fin en si mesma, nun permanente diálogo coa literatura, a arte, a música e as tradicións culturais non occidentais. E, por suposto, e por riba de todo, enfrontándose ao Poder, sexa o que sexa. “A filosofía debe ser unha forma de vida e como tal hai que practicala, aínda que non ofreza certezas e seguridades”. Eu, que nunca fumei un cigarro ou un porro, hai tempo que cheguei á mesma conclusión. E por iso dou clase de filosofía, non para formar fermosos vencidos que malvivan nos baixos fondos, senón fermosos vencedores, mesmo fermosos vencedores que, aínda que teñan a desgraza (o que eu considero desgraza) de acabar dominados polo discurso dominante, sexan quen de chamarlles desafortunados, e non perdedores, a persoas que escriben libros tan reveladores como Enrique Ocaña.

 

 

 



story | by Dr. Radut