Skip to Content

Biblioteca

A BIBLIOTECA DO NOSO CENTRO COLABORA COA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE DURÁN LORIGA

Os días 4 e 9 de outubro recibimos a visita de Mercedes Cerdeiras, a representante da nosa biblioteca de referencia, a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil sita en Durán Loriga, acompañada de Pedro Ramos. A idea era animar aos alumnos do primeiro ciclo da ESO a que usen e gocen das oito bibliotecas que constitúen o sistema municipal coruñés de bibliotecas. Un sistema rico, dos melloriños de España, con máis de 14.000 socios.

Pedro argallou unha “performance”, como din os ingleses, é dicir, interactuou cos rapaces nunha divertida dinámica na busca e procura de novos lectores. Armados de papel e lapis nun momento dado tiñan que escribir tres palabras: unha inicial, por exemplo Delfín, unha segunda que fose verbo e que comezase pola primeira letra, por exemplo domar e unha terceira, un substantivo, que empezase pola última, nariz. E con estas tres palabriñas fornecidas por un rapaz calquera, e así con máis tríos de palabras escollidas ao chou, Pedro foi creando contiños breves que a todos nos fixeron rir: Era un delfín que fora domado por un home SEN NARIZ! (Etc.).

Zapato...zurrar... oso. Entón armaba unha historia cun zapato KAMIKAZE...

Realmente cómpre ter imaxinación nesta vida para ser feliz. E tanto para unha cousa como para outra, nada mellor que acudir á Biblioteca Municipal de referencia do noso instituto, a de Durán Loriga, onde Pedro Rama está buscando rapaces para un curso de relato fantástico.

Distribuir contido


by Dr. Radut