Carta ao Conselleiro de Educación

Enviado por iesproval o Mar, 2009-06-23 14:17

Carta dunha alumna de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais ao Conselleiro de Educación amosando a súa disconformidade coa enquisa da súa Consellería sobre o emprego da Lingua Galega como lingua de aprendizaxe. A publicación desta carta obedece a un acordo unánime do Claustro de profesores celebrado o pasado martes, 14 de xuño.

 

Sr. Conselleiro de Educación:

Son unha alumna de 1º de Bacharelato do IEs Escolas Proval que quere manifestar o seu dereito a expresarse e a dicirlle algunas cousas:

1.- Que lle escribo no meu nome, sen estar influenciada nin polos meus profesores, nin amigos, nin familiares.

2.- Que aínda que escribo en galego, a miña vida normal desenvólvese en castelán, a lingua na que me educaron, aínda que meus pais entre eles ás veces falan en castelán e ás veces en galego.

3.- Que todo isto das enquisas paréceme un disparate sen ningún sentido. Ao único que nos vai levar é a un enfrontamento orixinado pola obriga a ter que posicionarno nunha das dúas opcións; é como se a un neno o obrigasen a elixir entre a súa nai e o seu pai e respondese que os quere por igual. O mesmo pasa coas linguas de Galicia, se somos bilingües, as dúas teñen que ter as mesmas oportunidades e falarse nos mesmos sitios.

4.- Ademais quero dicirlle que a escola é hoxe en día case o único lugar, polo menos eu así o vexo, onde moitos rapaces, a gran maioría, teñen contacto co galego. Se vostede vai ao Centro Comercial da Ramallosa, ao cine, á discoteca…case toda a vida social dos adolescentes se desenvolve prácticamente en castelán. Estamos en Nigrán, como podíamos estar en Ciudad Real ou en Cáceres, soamente na escola sabemos que estamos nun instituto de Galicia, onde nos sentimos galegos, onde podemos falar sen prexuízos, onde non parece que falemos nunha lingua infravalorada, e créame señor Conselleiro, iso soamente se consegue, como dicía castelao, por obra e gracia do idioma.

Miriam Veiro

1º Bacharelato Humanidades. IES ESCOLAS PROVAL

NIGRÁN