Visita de estudantes de Educación e Traballo Social da UVigo

Enviado por iesproval o Mar, 2021-12-07 21:12

O pasado 18 de novembro, recibimos a visita dun grupo de estudantes de Grao da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, acompañados pola profesora María Victoria Carrera Fernández, polo decano da Universidade de Vigo, José Manuel Cid Fernández, e polo catedrático da Universidade de Santiago, Antón Costa Rico. Estes dous académicos participaran activamente xa no Congreso “Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009)” celebrado no centro en xuño-xullo do 2009.

Na conferencia, o profesor Costa Rico analizou e describiu a evolución das escolas de indianos nos inicios do século XX, dos que considera as Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor -hoxe o noso IES Escolas Proval- exemplo sobresaínte no conxunto destas institucións na Galiza: iniciativa de construción, mecenado, obxectivos da Escola, metodoloxías progresistas, papel da renovación pedagóxica proveniente de América, etc.

A conferencia completouse cunha visita ao edificio histórico e a posta en común das cuestións formuladas polos estudantes que, de seguro, sementarán futuro nas xeracións vindeiras.