Skip to Content

A ventilación a exame e a ventilación nos exames

30/05/2021
Europe/Madrid

Desde o 19 de febreiro deste ano en que comezóu a funcionar no T1 de Electrónica o primeiro medidor do Proxecto de Innovación Medidor Ambiental, xa levamos instalados máis de 13 medidores (8 no Proval, 4 no Val Miñor, 1 no Primeiro de Marzo e varios prototipos que están en probas) e 3 meses de datos acumulados. É información abonda para ir analizando os primeiros resultados, polo que aproveitando o período de exames finais en 2º de Bacharelato imos estudiar os datos obtidos na Aula 7 (2º Bach B) nos últimos dias de abril e primeiros de maio.

Nestes datos pode apreciarse que na meirande parte das xornadas lectivas os niveis de ventilación foron bastante correctos, excepto datas e horas concretas en que posiblemente a aula estivo completamente pechada e os niveis de contaminación (e, por tanto, de probabilidade de transmisión) incrementáronse de xeito importante.

En concreto centraremos o estudio nas xornadas do luns 3 de maio e o mércores 12 de maio como situacións máis desfavorable e favorable respectivamente dentro deste período. O 3 de maio (data en que se fixeron dous exames) houbo picos superiores a 1600 ppm e niveis medios superiores a 800 ppm toda a xornada lectiva, o que supera en moito os valores recomendados. O 12 de maio, pola contra, tamén houbo dous exames pero os niveis permaneceron dentro do rango aceptable. E como curiosidade, o día da entrega de notas (19 de maio) tamén houbo un valor moi alto pero durante un tempo curto.

Para o estudio tomaremos como referencia a Guía para ventilación en aulas elaborada polo CSIC a finais de 2020. Nesta guía (caso 3) indícanse como óptimos valores de CO2 entre 665 e 813 ppm, correspondentes a 6-8 renovacións completas de aire por hora (ACH). Valores de CO2 superiores a 800 ppm considéranse superiores ao recomendable non só para frear a transmisión da covid, senón para garantir o benestar e rendemento académico do alumnado.

Outros estudos como o realizado pola Universidade de Boulder (Fossil Fuel Combustion Is Driving Indoor CO2 Toward Levels Harmful to Human Cognition) alertan dos efectos de concentracións elevadas de CO2 no rendemento intelectual, indicando que valores superiores a 1400 ppm producen deterioro cognitivo con redución da capacidade de razoamento e pensamento complexo ata un 50%.

Podedes consultar o documento completo do estudo e as referencias a continuación: 

GRÁFICA 3 de maio (exames mañá-tarde)

 

GRÁFICA 12 de maio (2 exames mañá)

GRÁFICA 19 de maio (entrega notas)



story | by Dr. Radut