Festa do Entroido

Enviado por iesproval o Mér, 2021-01-27 16:11
“Esta semana que entra,
temos festa divertida,
pero cunha condición:
has facer o que eu che diga"
 
Neste mes farturento en celebracións, seguimos rendéndolle culto ás nosas tradicións coa festa do Entroido. A semana que vén cumpriremos de boa fe as leis do Meco, segundo marca o ritual... porque como di o refrán “No tempo do Carnaval, ningunha cousa está mal” Arracamos cun zapato de cada cor, continuaremos con saias, logo adornaremos a cabeza co complemento que nos apeteza, a seguir acudiremos quentiños en pixama e finalmente chegará a festa de entroido do venres 12 de febreiro na que participaremos co noso disfrace máis orixinal! Por certo, moitas grazas ás nosas artistas de 2º ESO por esta fabulosa cartelería! 

Animádevos a participar porque haberá concurso en dúas modalidades -disfrace individual e comparsas (máximo 6 compoñentes e do mesmo curso)- e en dúas categorías:

a) 1º/2º/3º ESO e FPB1
b) resto do alumnado 
Daremos tres premios por categoría, que se entregarán en vales para a cafetería. Valorarase a orixinalidade do disfrace, a elaboración propia e a posta en escena (desfile, humor, coreografía, cantos, bailes...). Tamén colocaremos no vestíbulo un rechamante photocall para que vos quede unha lembranza inolvidable deste atípico entroido!
IMPORTANTE: Cómpre inscribirse antes do mércores 10 de febreiro cubrindo unha ficha e vir cos disfraces postos da casa. Así mesmo, para mantermos o protocolo sanitario e evitar aglomeracións, haberá desfiles programados por niveis en horas diferentes.
Máis información neste enlace.