Sebes contra o vento de Alfonso Álvarez Cáccamo

 

 

 

Álvarez Cáccamo, Alfonso, Sebes contra o vento, A Coruña: Editorial Espiral Maior Poesía, 2009, pp. 47, (ISBN: 978-84-92646-22-7).

Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1952) publica o seu último poemario que leva o título de Sebes contra o vento. Iníciase a obra cunha dedicatoria ao seu irmán Pepe Álvarez Cáccamo e ao seu amigo da infancia Xosé Humberto Baena Alonso. Consta o poemario de vinte e oito poemas estruturados en dúas seccións sen título. O primeiro destes bloques presenta vinte e tres poesías de temática variada. Nos versos desta primeira parte aparecen numerosos elementos da natureza, onde destacan principalmente a auga e o vento. A dor da perda dos seres queridos tamén aparece nesta primeira sección e é un dos alicerces do poemario; destacan os poemas “O noso pai vai morrer mañá”, onde fala da morte do seu proxenitor, ou o poema “Despedinme de ti”, dedicado ao seu amigo de xuventude, Xosé Humberto Baena Alonso, o cal foi executado en 1975 polo réxime franquista. No segundo bloque do libro, o cal consta de cinco poemas, a temática varía notabelmente. Nestas poesías aparece o amor como elemento central, é o caso dos poemas: “Esvaiuse o sol”, “Fomos xuntos a sentarnos na pedra febril” ou “De ti non me afastei nin un minuto”.

( categories: )