Infórmate

 

Do nacemento do noso centro

Por Mercedes Espiño Amil
Profesora de Lingua e Literatura Galega do IES Eduardo Pondal

Que o noso instituto leve o nome do insigne poeta Eduardo Pondal non é casual. Este centro comezou a súa andaina hai máis de 30 anos,  segundo se desprende da Orde de 14 de xuño de 1977, publicada no BOE do 13 de setembro de 1977 pola que se poñen en funcionamento varios Institutos Nacionais de Bacharelato para o curso 1977-78: “Santiago de Compostela (A Coruña), barrio Monte Conxo”. Xa que logo foi o primeiro instituto mixto da cidade e completaba a oferta educativa dos tradicionais “Feminino” (INB Rosalía de Castro) e “Masculino” (INB Arcebispo Xelmírez), instalado entón en San Caetano, no actual edificio administrativo da Xunta de Galicia.
A primeira denominación do noso instituto foi “INB Barrio de Conxo”, pero por acordo do claustro de profesores  do día 25 de febreiro de 1980  pasou o seu nome a ser Eduardo Pondal por mor da relación deste poeta con Conxo.
Na documentación aparece como INB Eduardo Pondal no curso 1980-81.

      Eduardo González Abente Pondal nace en 1835 “na pequena Ponteceso”. Chega a Compostela para cursar o bacharelato pouco despois da revolución de abril de 1846, que deixara entre os estudantes pousos de literatura romántica e política liberal.

Entre os anos 1840 e 1846 empeza a definirse en Galicia un primeiro grupo político de tendencia galeguista: os denominados “Provincialistas”, que pretenden recuperar os valores de Galicia como pobo con personalidade propia e con conciencia da súa singularidade.  Os acontecementos que inician este “levantamento galego de abril de 1846” comezaron en Lugo, cando, baixo o mando de Miguel Solís, un batallón do exército  se levanta en contra do goberno de Isabel II, presidido por Narváez, crean un “exército libertador de Galiza” e constitúen unha Xunta Suprema do Reino de Galiza para gobernala. A reacción non se fai esperar e o 23 de abril, en Montouto, na chamada “Batalla de Cacheiras” as tropas de Isabel II, baixo o mando do Xeneral Concha, derrotan aos “levantados”. Estes militares revolucionarios, un total de doce, xulgados e condenados, coñécense como os “Mártires de Carral” por seren fusilados nesta vila coruñesa en abril de 1846.

No “Liceo de la Juventud”, sociedade artística e recreativa fundada en 1847, con sede no convento de San Agustín, Eduardo Pondal, estudante xa de Medicina,  coñece a Aurelio Aguirre, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Luís Rodríguez Seoane, Antonio Neira de Mosquera... Estamos en 1856, e para conmemoraren o décimo aniversario do levantamento ou  revolución de 1846, os tres estudantes Pondal, Aguirre e Rodríguez Seoane, asiduos do Liceo, organizan un acto de confraternidade entre obreiros e escolares na carballeira situada á beira do Mosteiro dos Mercedarios, que estes cederon en 1885 á Mitra compostelá, que o converteu no Manicomio de Conxo para dar atención e custodia aos enfermos mentais de Galicia e León.  O xantar fíxose na carballeira de Conxo (concello independente desde 1835, pero que en 1925 se anexionou ao concello de Santiago).
O Banquete de Conxo constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e o estudantado: alternaron na mesa estudantes e obreiros. Aguirre e Pondal recitaron en español senllos poemas que falaban de liberdade e igualdade social. Mentres durou o acto, os soldados rodearon a carballeira, por mor do medo que provocou na xerarquía da igrexa, no goberno e na xente-ben de Compostela, que temían outro levantamento.
 Os brindes poéticos de Aguirre e Pondal consideráronse altamente revolucionarios. Os dous poetas foron denunciados como sediciosos. Ameazáronos con deportalos ás Illas Marianas, no Pacífico, e excomungalos.

En 1980 o noso instituto denominouse Eduardo Pondal para honrar un destes poetas. Cando en febreiro de 1993 no compostelán barrio de Conxo se inaugurou un centro sociocultural, as autoridades municipais aceptaron chamalo Aurelio Aguirre, o poeta que tivo amores con Rosalía de Castro, o poeta que se suicidou aos 25 anos, o poeta que en 1858 afogou na praia do Orzán, o poeta que soñou o Banquete de Conxo.

Conta Urbano Lugrís que a derradeira frase de Pondal foi “Décheme unha lingua de ferro e déixoche unha lingua de ouro”. Verídico ou non, nela resúmese o seu esforzo por enriquecer o rexistro literario do galego e por dignificar a lingua propia deste país.


Enlace a: 
Páxina do BOE coa Orde de 1977 que pon en funcionamento o noso centro.
 

Powered by Drupal - Design by artinet