Skip to Content

Situación do noso Centro

SITUACIÓN


O I.E.S. de Valga é un centro  que se inaugurou no ano 1999.
O Centro está situado a 300 metros da Estrada Comarcal 550
(Potecesures-Vilagarcía) e a 1 Km. da Estrada Nacional 550 (A Coruña-Tui), coas
que enlaza por medio de estradas locais. Dispón tamén de comunicación a través
do ferrocarril (liña Vigo- A Coruña), con estación no concello limítrofe de
Pontecesures (distancia ó Centro de 2000 metros).
O concello de Valga, no que está situado o Instituto de Ensino Secundario de
Valga, atópase na parte noroccidental da comarca e da provincia de Pontevedra,
limítrofe coa provincia de A Coruña, e pertence á comarca de Caldas de Reis, que
comprende os seguintes concellos: Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña,
Portas, Pontecesures e Valga. A comarca abrangue unha superficie próxima ós 289
kilómetros cadrados. Pola súa parte o municipio de Valga ten unha superficie de
37´9 kilómetros cadrados, divididos en cinco parroquias: Campaña (Santa
Cristina) con 2´4 km2., Louro (Santa Comba) con 10´7 km2., Setecoros (San
Salvador) con 6´7 km2., Valga (San Miguel) con 15´1 km2., e Xanza (Santa María)
con 3´0 km2.
Mapa máis grande

MORFOLOXÍA E CLIMATOLOXÍA


Valga atópase dentro da unidade morfolóxica galega coñecida como a Depresión
Meridiana ou depresión Malpica-Tui, a cal atravesa de Norte a Sur as superficies
de erosión da área occidental galega, marcando a transición entre a costa e as
terras do interior. A Depresión Meridiana entra na provincia de Pontevedra por
Pontecesures e ábrese camiño entre os montes Xesteiras (716 m.) e Xiabre (646
m.) para, seguindo o curso medio do Umia e os seus afluentes, alcanzar a ampla
olla de Caldas. Esta é unha depresión plana e ancha que se estende por terras de
Caldas de Reis, Portas e Barro e situada por debaixo dos 100 metros de altitude.
A existencia dun substrato granítico desmantelado e facilmente erosionable e a
colmatación en épocas recentes son as causas máis probables do seu relevo tan
cha. A liña que une Monte Xesteiras (716 m.) co Acibal (594 m.) marca o seu
límite oriental. Esta área montañosa é atravesada polo río Umia. Pola súa parte,
o mesmo Umia a drena cara ó mar a través do val de O Salnés, entre o Xiabre e o
Monte Castrove (613 m.). A prolongación deste cara o Acibal cérraa polo Sur.
Atravesando este resalte montañoso, a Depresión Meridiana contacta co vértice da
ría de Pontevedra.
O material litolóxico do substrato nesta zona son os granitos, rochas ígneas de
tons claros, xurdidos con posterioridade ós pregamentos Hercínicos.
Os solos, como no resto de Galicia, son ácidos debido á existencia de
precipitacións abundantes e a unha rocha base esencialmente ácida. Na Depresión
Meridana predominan o leptosol lítico, solos co menor grao de desenvolvemento e
de escasa profundidade, común nos montes que bordean esta depresión (caso do
Xiabre ou o Xesteiras); a súa capacidade produtiva é mínima, non sendo apto para
aproveitamento agrícola. Tamén aparece o leptosol úmbrico, un pouco máis
desenvolvido ca o anterior pero de escasa fertilidade. Na zona do val aparece o
fluvisol úmbrico, constituíndo a maior parte das terras cultivadas. CLIMA
Valga vese afectado polo clima oceánico, de temperaturas suaves e abundantes
precipitacións, característico de Galicia; sen embargo esta simplificación non
reflicte a realidade climática galega.
As temperaturas teñen uns promedios anuais case imperceptibles con respecto ás
temperaturas medias anuais das zonas costeiras, é dicir, cunhas décimas menos. A
media anual soe situarse ao redor de 14,7ºC, fronte aos 15ºC das zonas
costeiras.

Con respecto ó ritmo anual das temperaturas, o mes máis cálido soe ser xullo e,
en menor medida, agosto. Debido á súa especial situación de abrigo, mantén unha
media de 20,9ºC. Os promedios das máximas absolutas sitúanse entre 24 e 26ºC.

O mes máis frío soe ser xaneiro con 9,1ºC. As medias das temperaturas mínimas
confirman a relativa suavidade dos invernos cunha media de 4,7ºC en xaneiro.
A amplitude térmica ronda os 20ºC.
As precipitacións superan os 1500 mmm. anuais. O mes máis chuvioso soe ser
xaneiro, aínda que novembro e decembro tamén poden chegar a ser os máis
chuviosos. O mes máis seco é xullo; non superando nos meses de verán os 150 mm.
A media anual de días que presentan nubosidade total ou parcial supera
amplamente á dos días soleados nunha proporción de 3 a 1 e están bastante
repartidos ó longo da maior parte dos meses do ano.
Cun 75% de días anubados, a insolación ha de ser necesariamente escasa,
estimándose que, de forma global, o sol loce só unha de cada dúas horas
potenciais.
Polo tanto, o dominio climático é húmido-cálido, cunhas precipitacións
abundantes (entre 1500 mm. e 2000 mm.), que descargan de forma irregular, as
temperaturas son máis frescas ca no litoral, con promedios de 12-13ºC; os veráns
son suaves e os invernos son húmidos e fanse máis fríos ca no litoral, pero sen
chegar a ser rigorosos.

A PAISAXE


O concello de Valga presenta elementos naturais de notable interese, nos seus
montes e a través do percorrido dos ríos que atravesan o concello: o Ulla, o
Valga e o Louro. De todos os lugares do seu contorno natural, destacan tres:



-As fervenzas, no percorrido do río Valga, entre os lugares de Parafita (Xanza)
e Raxoi (S. Miguel); nun treito de poucos metros aparecen dúas fervenzas,
rodeadas de especies arbóreas autóctonas, como a gran cantidade de carballos.

Na parte de arriba da segunda fervenza aparece un muíño, fóra xa do percorrido
actual do río, algo que non sucede ó pé de dita fervenza, onde a auga é
aproveitable para o funcionamento dun segundo muíño, recuperado na súa
totalidade para a súa posta en marcha.


- O miradoiro do muíño de vento, no monte Beiro, preto da estrada C-550
(Vilagarcía-Santiago), onde se pode contemplar unha fermosa vista do val, no que
se asenta o concello; así como o treito final do río Ulla.



- A praia fluvial, no lugar de Vilarello (Cordeiro), na zona de desembocadura do
río Ulla, xa pasada a confluencia deste río co río Sar. A zona conta cunha área
recreativa e un pantalán flotante.


Outras zonas de interese paisaxístico, con panorámicas do concello, serían as
vistas desde o monte Xesteiras, o monte Xiabre ou o monte Galiñeiro, este no
concello limítrofe de Pontecesures.

OS MONUMENTOS HISTÓRICOS


Á parte da gran cantidade de cruceiros (como o de San Miguel), muíños (ó longo
dos ríos Valga e Louro), petos de ánimas (como o de Setecoros), fontes, pazos ou
pombais, de indubidable valor artístico e histórico; no concello de Valga
pódense resaltar seguindo unha liña cronolóxica:



- Xacementos arquelóxicos como o Castro de Setecoros ou petroglifos como o de
Camporredondo (en San Miguel de Valga), restos da cultura megalítica; este
último coñecido tamén como ”A Pedra das serpes". Situado no Alto de
Camporredondo, preto dos Vilares, enmárcase cronoloxicamente na Idade de Bronce,
entre os anos 1800-1500 a.C., destacando as súas formas de círculos concéntricos
e réptiles.






- Da época romana é a ponte sobre o río Valga, ó seu paso polo lugar do Souto
(Campaña), ó lado dun lavadoiro colectivo e tras cruzar a vía do tren. Prospeccións en Cortinallas e Agramar (Campaña) sitúan restos da época romana nestes lugares da beira do río Ulla, pendentes de futuras excavacións arqueolóxicas.







- Do mundo medieval destacan dúas igrexas románicas. En primeiro lugar a igrexa
parroquial de Santa María de Xanza, construída entre os séculos XI e XII. De
aspecto austero, destaca a súa verticalidade e unha soa nave dividida no seu
interior en tramos por tres pares de columnas, que sosteñen unha bóveda de canón
con arcos faxóns, correspondidos no seu exterior con contrafortes. Un exterior
con poucos vans. O campanario está separado da igrexa. Tamén destaca a súa pía
bautismal románica e unha Virxe labrada en pedra do románico serodio, así como
un retablo barroco do século XVIII.


 


Do mesmo estilo é a igrexa de Santa Cristina de Campaña, do século XII, dunha
soa nave, sen cruceiro e unha ábsida prismática. No seu interior, a nave está
dividida en tres tramos por dúas parellas de columnas e un arco triunfal de
medio punto. No exterior, a fachada principal conserva unha portada románica
abucinada con dobre arquivolta e un arco semicircular de billetes. O campanario
actual está separado da igrexa, xa que o primitivo despareceu.

Recentes excavacións arquelóxicas descubriron os restos da antiga igrexa medieval de Cordeiro, parte dun antigo cenobio medieval.

Do século XVIII hai tres igrexas:


A igrexa de Santa Comba de Cordeiro é do ano 1733; de estilo Barroco e
Neoclásico, foi antigamente igrexa monasterial. Hoxe en día presenta unha soa
nave, sen cruceiro. No exterior o campanario sitúase a un lado da fachada. O seu
autor foi Juan Fontenla, segundo planos do Mestre Antonio Barros de Rianxo.
Destacar tamén o retablo principal da igrexa, obra de Alejandro Nogueira.

De estilo Neoclásico, e con cronoloxía do século XVIII, son as igrexas de San
Salvador de Setecoros e a de San Miguel de Valga
Nesta última destaca o cruceiro que se sitúa no contorno da igrexa, e que foi
declarado Monumento Histórico Artístico.





story | by Dr. Radut