VIII edición da Carreira da Lingua no IES de Valga

   Máis de catrocentos estudantes de Valga participaron esta mañá na VIII Carreira pola Lingua, que anualmente organiza o instituto coa colaboración do Concello de Valga. Ademais de alumnos de ESO, Bacharelato e Ciclos, correron tamén polo galego escolares de 5º e 6º de Primaria dos colexios de Baño e Ferro Couselo, así como algúns dos seus mestres. Antes de colocarse na liña de saída, alumnos dos tres centros educativos lembraron á homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, coa lectura da súa biografía, textos da súa autoría e rapeando varios dos seus poemas. Ademais, músicos da Escola e da Banda municipais interpretaron o Himno Galego, ao que puxo voz Isabel Catoira.
                                                                                                                

A carreira discorreu polas zonas de Baño – Avenida Bella Otero, estrada de A Bouza, Outeiriño, Igrexa de Xanza, Senín, Sixto e Carballiño, para regresar de novo por Baño ata o IES. Case sete quilómetros de distancia, se ben se preparou un percorrido alternativo e máis curto para os nenos de Primaria. Efectivos de Protección Civil, do Grupo de Emerxencias e Policía Local, axudados tamén por estudantes, vixiaron que a carreira transcurrira sen incidentes.

Os gañadores na categoría feminina de Primaria foron, de primeiro a terceiro posto, Nerea Novo Romero, María Rodríguez Abuín e Noa Guerra Lestido. En categoría masculina o campión foi Iván ToucedaDiz, seguido de Pablo Miguéns Amo e Roberto Pérez Cecón.

En canto aos corredores do IES de Valga, en categoría masculina, o podio quedou composto por Ángel Rodríguez, Adrián Touceda e Daniel Sánchez. En categoría feminina a gañadora foi Aroa García, Marta Gimarey chegou segunda e en terceiro lugar entrou na meta Noelia Miguéns.

Por último, en maiores de 18 anos o podio feminino quedou integrado por Julia Sainz, Noelia Vallina e Julia Menéndez, as tres mestras. Pedro Cascallar, alumno de Ciclos, gañou en categoría masculina, seguido dos profesores Francisco Rama e Daniel Loureiro.

Os gañadores recibiron a súa merecida medalla nun acto posterior á carreira celebrado no patio exterior do instituto, e logo de reponer forzas con auga, bebidas enerxéticas e froita. Sorteáronse entre os asistentes varios agasallos e tamén se entregaron os premios do concurso de lemas. Os gañadores foron Lucas Fernández, no colexio de Baño; Carlos San Jurjo, no CEP Xesús Ferro Couselo; e Lidia Curros no IES. O seu eslogan “Keep calm and coidadiño que son galego” foi o que luciu nas camisetas que vestiron todos os participantes e que foron aportadas polo Concello. A administración municipal tamén colaborou xestionando os patrocinios de Coca-Cola, Froiz e Cooperativas Lácteas Unidas. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, asistiron tanto á saída da carreira como aos actos posteriores.

A xornada de festa rematou con coreografías a cargo dun grupo de alumnos de 1º da ESO e as actuacións de Isabel Catoira e Manuel Rodríguez, que cantaron “Alecrín”, e de Zelani, que versionou ao galego a canción “Perfect” de Ed Sheeran. A banda “Blues do País” puxo o colofón.

Powered by Drupal - Design by artinet