portada30

O IES de SAR gaña o concurso de logos do proxecto europeo Comenius "Biodiversity of Rivers".

Carla Bautís e Alba Rodriguez, alumnas de bacharelato de Artes do noso instituto fixéronse con primeiro e segundo posto, respectivamente, no concurso de Logos convocado polo proxecto Comenius “Biodiversity of Rivers”. Este concurso foi convocado polos setes centros educativos europeos nos que se inclúe o IES de SAR no marco do programa europeo Comenius.

 Nesta ligazón (fai clic aquí) vese o resultado do concurso ademais dunha ligazón onde se poden visualizar todos os logos participantes pertencentes a alumnos e alumnas dos sete centros.

 

 

 ................................................................

 O Instituto de Educación Secundaria de Sar está a participar una vez máis nun proxecto europeo Comenius xunto con outros 6 centros educativos – Polonia, Romanía, Turquía, Portugal, Chipre e Illa Reunión (Francia). O alumnado implicado de todos estes países traballará durante dous anos sobre “A biodiversidade nos ríos”, realizando, entre outras actividades, a etapa do Camiño de Santiago dende a cidade ata Fisterra, tramo sobre o que se fará un estudo das principais plantas aromáticas e mediciñais así como sobre as tradicións e cultura relacionada con esta variante do Camiño. Tamén se levará a cabo un estudo sobre a calidade medioambiental dos ríos Sar e Sarela.

 Este proxecto está financiado pola Unión Europea e permitirá que diferentes grupos de alumnado e profesorado viaxen a varios destes países. Os participantes mellorarán as súas destrezas lingüísticas, tanto en inglés coma en francés e ampliarán os seus coñecementos sobre a cultura, o estilo de vida, e as tradicións máis arraigadas destas sociedades, promovendo valores como a diversidade, o respecto e a tolerancia cara os demais e fomentando a importancia da conservación do medioambiente en relación coa nosa saúde.

 Unha das actividades máis relevantes serán as reunións de traballo e confraternización que se levarán a cabo en cada unha das escolas asociadas, sendo os centros de Turquía, Rumanía e illa Reunión os lugares onde se celebrarán durante o presente curso, e na nosa cidade, en Portugal e Polonia os tres onde se farán o vindeiro curso. Nestas visitas participarán un total de 14 alumnos e dez profesores, aínda que nas actividades a realizar durante o proxecto o número de alumnos participantes achégase a 150 mentres que o número de profesores será de 15.

 O IES de Sar xa participou dende 1999 noutros seis proxectos europeos e tamén colaborou co Concello e coa empresa Aquagest, nun convenio entre asinado en 1999, para analizar a potabilidade da auga de 321 fontes do Concello de Santiago para despois realizar unha análise trimestral das 104 das fontes máis relevantes.

 O presente proxecto Comenius ofrece unha inmellorable oportunidade para revitalizar no centro aspectos tan importantes como o traballo en equipo de todos os sectores da comunidade educativa e o enriquecemento cultural dos alumnos e profesorado participantes.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer