As arañas invaden o Instituto de Rodeira

Imaxina por un momento que eses pequenos seres que viven no xardín aumentasen por 100 o seu tamaño e entrasen polas nosas fiestras… Este é o punto de partida do concurso creativo do Samaín que o Equipo de dinamización do IES de Rodeira organiza dentro do seu proxecto ATRÉVETE.

Araña xigante

O Samaín é tempo de enfrontar os nosos medos e este curso quixemos animar a imaxinación do noso alumnado deixándonos invadir por arañas xigantes. Tan só cun paraugas vello ou cunhas bolsas de lixo e un pouco de arame, cunhas cápsulas de café ou cuns limpapipas as arañas cobran vida propia e o alumnado experimenta a forza do traballo creativo. Nun traballo que pretende ser interdisciplinar, desde as aulas informámonos sobre as arañas, as súas características, os seus velenos e pescudamos tamén  a súa presenza no cine, na literatura, na banda deseñada e na arte.

Invitamos á crear novos escenarios nas aulas desde plástica e desde as titorías ou na instalación artística creada polo alumnado de arte e debuxo artístico. E procuramos darlle vida coa forza da palabra: historias que consigan poñernos os pelos de punta… escritas na clases de lingua, contadas na biblioteca e dramatizadas e gravadas en vídeo.  Un xeito divertido de dar vida ao galego como lingua da xente nova.

Todas as imaxes na galería de imaxes do instituto.

 

Fachada cuberta de arañas

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer